Pacto Institucional pola Integridade

Pacto Institucional pola Integridade

Pacto Institucional pola Integridade

Méndez RomeuMéndez Romeu advirte que “vamos medir a forza do compromiso do presidente da Xunta a favor do emprego” en función dos orzamentos e os prazos que dispoña.

Os socialistas reclaman rematar coa discriminación dos fondos públicos e incluír cláusulas sociais na contratación pública.

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, propuxo un “pacto institucional” pola integridade e contra a corrupción aberto á participación de institucións, axentes económicos e sociais e ONGs. O responsable socialista presentou as 40 propostas de resolución que os socialistas galegos defenderán na segunda parte do debate do Estado da Autonomía.

Méndez Romeu salientou que hoxe a corrupción é a principal preocupación cidadá logo do desemprego, polo que defendeu “promover valores e condutas éticas en todos os aspectos da vida pública”. Ademais instou ao goberno alego a implantar unha “rigorosa avaliación de plans e programas, a elaboración de plans de risco, a drástica redución dos postos de libre designación e a creación dun portal web de transparencia.

Os socialistas presentaron un paquete de propostas institucionais polas que obrigan a modificar a Lei Electoral por unha maioría cualificada de dous terzos, ademais da redución do número de persoas aforadas. A iniciativa socialista inclúe a supresión do voto rogado coa creación de circunscricións electorais no exterior que permitan o voto en urna no país de residencia.

Méndez Romeu puxo o acento sobre unha proposta de reforma do Regulamento do Parlamento que obrigue ao goberno a presentar a documentación requirida polos grupos ou polo contrario impoña a presenza os titulares das consellerías en sesión ordinaria. A iniciativa inclúe a constitución de comisións de investigación cunha terceira parte dos votos da Cámara ou o aumento dos períodos de sesións.

Reclamou que a Cámara abra as súas portas aos colectivos sociais especialmente afectados polas leis a debate ou garantir a presenza “equilibrada” das comparecencias solicitadas polos grupos parlamentarios, xa que hoxe dependen exclusivamente da maioría. Inclúe nesta proposta a redución de prazos para a tramitación de iniciativas e o desbloqueo dos nomeamentos nos órganos institucionais pendentes de renovación.

Méndez Romeu tildou de “brinde ao sol” as propostas institucionais lanzadas onte por Feijóo respecto da redución da duración das campañas electorais ou modificar o financiamento dos partidos políticos, xa que se trata de dúas cuestións sobre as que a Xunta carece de competencias, ao depender da lexislación estatal.

Discriminación e cláusulas sociais

Os socialistas incorporaron unha proposta específica para frear coa concesión discrecional e a falla de transparencia nos contratos do goberno galego, que utiliza de maneira espuria para atender aos intereses do PP.

Así, reclaman “obxectivar e dar a coñecer publicamente os factores para o outorgamento de calquera dotación pública con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma, rexeitando a discriminación en base a elementos non imparciais e inxustificados”.

Ademais, esixen que os procesos de contratación pública que leve a efecto o sector público autonómico inclúa novas cláusulas sociais “tal que incidan na mellora das condicións socio laborais e promovan o aumento e calidade do emprego”.

Emprego

Os socialistas galegos incluíron unha proposta para acadar un acordo dirixido á constitución dunha “Axenda extraordinaria e urxente polo emprego” que inclúa a recuperación de 400 millóns de euros no orzamento das políticas activas de emprego ata 2016. O obxectivo é acadar un mínimo de 50.000 postos de traballo no próximo bienio, con medias específicas para mozos e mozas, mulleres e maiores de 45 anos.

O responsable socialista advertiu que mañá mesmo “mediremos a forza do compromiso o presidente” da Xunta e da súa proposta de impulso do emprego “si pon cifras e prazos reais” para executar os seus anuncios.

Méndez Romeu explicou que os socialistas galegos inclúen a proposta de aumentar o número de persoas perceptoras dunha renda social ata acadar as 33.000, unha contía semellante ás familias sen ingresos en Galicia. Ademais, urxe a resolución dos expedientes da renda de inclusión social bloqueados polo goberno galego, destinando un orzamento de 180 millóns de euros para estas partidas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar