Pachi Vázquez Sinala que Feijóo "é avalista duns Orzamentos que nos levan ao abismo social"

Pachi Vázquez Sinala que Feijóo "é avalista duns Orzamentos que nos levan ao abismo social"

Pachi Vázquez Sinala que Feijóo "é avalista duns Orzamentos que nos levan ao abismo social"

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, dixo que Feijóo “é avalista dunha proposta que só nos leva a un abismo social”. Así o dixo en Bueu e na Estrada aludindo aos orzamentos xerais -presentados onte- que “confirman as mentiras do goberno do PP e que vamos camiño dun rescate”.

Pachi Vázquez propuxo un modelo alternativo “como Francia: facendo recaer o custe da crise nos que mais teñen”, en alusión ao imposto das grandes fortunas aplicado polo presidente galo, Hollande. Así, apostou por aprobar “unha nova fiscalidade na que paguen os que mais teñen” e anunciou que “quero percorrer toda Galicia dicindo que hai outro camiño”.

O líder socialista criticou o apoio sen fisuras de Feijóo a estas contas que defenden “mais paro, mais recesión, menos consumo, renuncian expresamente ao emprego” e confirman a “destrución dos dereitos sociais”. Criticou que o candidato do PP defenda este modelo que sitúa a Galicia “no camiño de Grecia e Portugal” para “seguir masacrando ás clases medias e traballadoras, a quen xa non lle queda de onde sacar”.

Advertiu que os orzamentos “confirman que adiantaron as eleccións para que a xente non soubera que vamos camiño dun rescate” e, advertiu “vamos camiño de retirarlle aos pensionistas un 3 por cento de poder adquisitivo –ao variar as pensións por debaixo do IPC- e de privarizar a sanidade”.

Engano e mentira

O candidato socialista asumiu hoxe o compromiso de “dicirlle a Galicia a verdade” mentres Feijóo “engana e minte” como presidente da Xunta, e puxo como exemplo o “escándalo do caso de Pemex” ou a auditoría que supostamente avalaba a viabilidade da fusión de Caixagalicia e Caixanova.

Sinalou que a sinatura, por parte de Feijóo, dun acordo entre a empresa e Barreras e Navantia -nun acto declarado ilegal pola Xunta Electoral Central- desvelouse como “unha mentira masiva que quedou ao descuberto” para “enganar ao sector naval e a Galicia”.

Engadiu que o candidato do PP “enganou a toda Galicia” ao anunciar unha suposta auditoría para avalar a fusión das caixas, elaborada por KPMG, asegurando que con 1.000 millóns de euros “teriamos un bo banco”. Apuntou que, de acordo cos test feitos públicos esta semana, “agora resulta que haberá que poñer 10.000 millóns”.

Ons

Pachi Vázquez aseguroulle hoxe aos propietarios das vivendas de Ons que un goberno de progreso “non vai enganalos como fixo Feijóo” ao obrigalos a pagar un canon durante 75 anos por ter as súas vivendas nun espazo declarado protexido, declarándoas en réxime de concesión.

O candidato socialista comprometeuse, a través dun documento formal, a aprobar unha Lei que permita que os veciños e veciñas de Ons sexan os donos das súas vivendas “de acordo co texto xa pactado entre todos os grupos políticos da corporación municipal de Bueu no ano 2011”.

Lembrou que Feijóo obrigou aos propietarios das vivendas a pagar un canon anual polas súas vivendas durante os próximos 75 anos ao declarar todo Ons como ben de dominio público. Vázquez comprometeuse a suprimir este canon desafectando as vivendas do dominio público “para evitar que as persoas que teñen a súa propiedade -82 das 92 vivendas- teñan que pagar” polas súas residencias.

O candidato socialista quere “reparar o erro” cometido polo PP en 2001, cando aprobou unha Lei de réxime xurídico das concesións da Illa de Ons na que declaraba todo o territorio de dominio público. Esta norma permaneceu sen aplicar ata que Feijóo aprobou o decreto 174/2010, que desenvolver o réxime xurídico e regula o procedemento para o outorgamento das concesións da Illa de Ons.

Subliñou o apoio dos socialistas galegos ás reivindicacións dos veciños de Ons “porque é unha reivindicación xusta”, xa que se trata dun territorio “habitado historicamente, transformado e vivido que pertencen ao Parque Nacional das Illas Atlánticas”. Comprometeuse a “respectar a biodiversidade e tamén o patrimonio material e inmaterial de Ons e as súas xentes, que xa nos legaron abondosa cultura mariñeira”.

A Estrada

O candidato socialista participou hoxe nun acto político na Estrada, acompañado pola candidata da comarca, Belén Louzao, no que presentou as principais medidas económicas do programa electoral do PSdeG, que inclúen aplicar unha nova fiscalidade que grave mais ás rendas mais altas, e propuxo unha bolsa – contrato para 25.000 mozos e mozas, así como a creación de 50.000 empregos durante a lexislatura para mozos, parados de longa duración e mulleres.

Lembrou tamén o seu compromiso de revogar o “inxusto e inútil sistema de copago sanitario” para os pensionistas galegos, presentar unha Lei para blindar a sanidade e o ensino públicos. Tamén comprometeuse a rescindir os concertos dos colexios que segreguen por sexos para destinar eses fondos a garantir a gratuidade dos libros de texto para as familias galegas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar