Pachi Vázquez sinala en Vigo que “indignarse sen votar non serve de nada”

Pachi Vázquez sinala en Vigo que “indignarse sen votar non serve de nada”

Pachi Vázquez sinala en Vigo que “indignarse sen votar non serve de nada”

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, sinalou en Vigo que “indignarse sen votar non serve de nada”. Así o dixo logo dun encontro co alcalde de Vigo e tras aprazar unha visita ao reitorado da Universidade como mostra de solidariedade coa folga estudantil convocada para hoxe na cidade.

O candidato socialista chamou a “traducir a indignación en votos” para que “cada voto sexa para construír un futuro distinto”. Apostou por un novo goberno de cambio dende a esquerda que “pense nos mozos e mozas que buscan traballo, que garanta aos maiores que non teñan que pagar polos medicamentos ou que reimplante a gratuidade dos libros de texto”.

Vázquez propuxo incrementar o investimento en bolsas e en educación para “escribir o futuro que queremos con traballo e tranquilidade”. Engadiu que “Galicia necesita a Vigo e ás grandes cidades, que son os motores deste país” e comprometeuse a ser “un presidente que diga a verdade, que cargue a crise en quen nos meteu nela e que non converta ás vítimas en responsables”.

Mentiras

O candidato socialista acusou hoxe ao candidato do PP de “estar permanentemente mentindo e enganando a un país que sabe que o estamos pasando mal pero que podemos sacalo adiante dende a esquerda”. Esixiu “non mais mentiras sobre Pemex, sobre caixas, sobre a Área Metropolitana, sobre as contas ou sobre o déficit”.

O líder dos socialistas galegos acusou a Feijóo de situar a Galicia “no camiño de Grecia e Portugal” e reclamou situalo “no camiño da esperanza e cambiar o sufrimento polo crecemento”.

Pachi Vázquez mantivo un encontro co alcalde de Vigo no que se comprometeu a gobernar “de cara á cidade” en lugar de gobernar como fai Feijóo “de costas a Vigo”, e comprometeu o seu apoio á universidade, ao naval ou á automoción e “sempre buscando a maneira de sumar en lugar de buscar a maneira de restar”.

Insultar aos cidadáns

O candidato socialista reprochoulle a Feijóo que “insulte aos cidadáns de Vigo por saír á rúa a defender o seu”, cunha actitude que ofrece, dixo, “mais motivos para traballar e cambiar este goberno”. Pachi Vázquez amosou a súa solidariedade cos estudantes que reclaman maior investimento no ensino, polo que aprazou un encontro co reitor da Universidade de Vigo.

Vázquez dixo que o goberno de Feijoo foi incapaz de aprobar a tan demandada Lei de Universidades de Galicia. Dixo que a folla de ruta emprendida polo PP en materia universitaria pasa pola subida das taxas universitarias, eliminación das prazas de profesorado, externalización dos servizos, insuficiencia de material técnico e redución de contías en tódalas areas.

Criticou ademais a caída das becas universitarias nun 25 por cento, advertiu a falla do deseño dunha verdadeira carreira investigadora e hai unha limitación das prazas postdoutorais e tampouco hai contratos. Advertiu tamén que a baixada de becas supón a perda de oportunidades “o que nos leva a unha sociedade mais desigual e mais inxusta”.

Asegurou tamén que co Goberno de Feijoo diminuíu o numero de investigadores da universidade, e no que se refire a investimento “houbo unha caída de recursos, xa que pasamos do 1.08 por cento no 2008, ao 0.95 por cento no 2010”, en relación co PIB. Afirmou que estes recortes condenan á 2ª división á economía galega, e a competir vía salarios baixos e a reducir mais a capacidade adquisitiva dos traballadores.

Abel Caballero

Pola súa banda, o, Abel Caballero, lembrou que a cidade leva toda a lexislatura sendo “obxecto de desatención e ataques frontais por parte de Feijóo” porque, dixo, “non hai unha soa razón pola que esta cidade deba exercer o voto a favor de Feijóo”. Lembrou as “ducias de razóns políticas de fondo” por parte de Feijóo para “agraviar, atacar e menosprezar a esta cidade, e non o conseguiu porque a cidade non llelo permitiu”.

Lembrou a desaparición de Caixavigo, a devaluación do Aeroporto de Vigo “para que non houbera voos”, o intento de gobernar Vigo dende fora a través da Área Metropolitana, obrigar a pagar á cidade 42 millóns de euros pola depuradora ou a construción en Vigo do único hospital privado da historia de Galicia.

Caballero constatou que “nos momentos de confrontación de Feijóo coa cidade Pachi Vázquez sempre estivo ao lado de Vigo” e salientou que “compartimos a forma de afrontar os problemas e as solucións para Vigo”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar