Pachi Vázquez reclama “unidade” dos partidos políticos na defensa dun sistema financeiro “galego, forte e competitivo”

Pachi Vázquez reclama “unidade” dos partidos políticos na defensa dun sistema financeiro “galego, forte e competitivo”

Pachi Vázquez reclama “unidade” dos partidos políticos na defensa dun sistema financeiro “galego, forte e competitivo”

O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, afondou hoxe na necesidade de “unir o esforzo de todas as formacións políticas na defensa dun sistema financeiro galego, forte e competitivo, que faga chegar diñeiro aos galegos e galegas para poder ter créditos e liquidez”. Así o manifestou na súa intervención esta mañá no programa “Desayunos de Onda Cero Ourense”.

Nesta entrevista, Vázquez defendeu a decisión adoptada polo Goberno central, consistente en elevar o capital dispoñible ao 8% para conseguir así o máximo grao de solvencia das caixas e bancos e para “que flúa o crédito e que chegue diñeiro aos cidadáns e ás empresas”.

“Temos que conseguir que caixas e bancos estean capitalizados para que lle presten o diñeiro aos cidadáns, para que chegue liquidez ás familias e empresas e para mover a nosa economía”, sinalou.

No que respecta a Galicia, apelou á “calma” e ao “compromiso político”, porque “o sistema financeiro galego non ten que estar en risco se entre todos buscamos o xeito de capitalizar ao máximo a Novacaixagalicia”. Lembrou que se abre un período de oito meses “nos que podemos decidir seguir sendo unha caixa, facer un SIP ou bancarizar”, e apuntou que Novacaixagalicia “ten que explicar en que situación real na que está”.

“Agora é cando fan falla políticos de verdade, un presidente da Xunta e grupos da oposición”, proclamou Vázquez, que pediu “a unión das forzas políticas” para defender un sistema financeiro “que sexa galego, competitivo e forte, que faga chegar diñeiro aos galegos e galegas para poder ter créditos e liquidez”.

Vázquez afondou na necesidade de “traballar entre todos para reforzar o sistema financeiro galego, a fin de que xogue coas mesmas regras que os do resto de España”, aínda que expresou o seu temor de que o Goberno galego “faga o de sempre, que é poñerse a chorar e seguir o modelo victimista”.

“Sorpréndeme que, cando levamos cinco días falando da reforma do sistema financeiro e das caixas, o presidente da Xunta siga escondido e non saibamos nada del”, apuntou.

Avogou tamén polo “realismo” na toma de decisións porque “Galicia non pode ter un sistema financeiro diferente ao do resto de España e do mundo, ten que xogar coas regras que marcan os escenarios financeiros internacionais”.

Por elo, desbotou as “lamentacións” e as “ínsulas de Bataria” e sinalou que é o momento de falar e de buscar acordos e acadar liquidez porque “de nada vale unha caixa moi galega e moi bonita, se cando un vai pedir crédito non hai crédito para ninguén”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar