Pachi Vázquez reclama un imposto á banca para acadar fondos para investir na economía produtiva e blindar os servizos públicos

Pachi Vázquez reclama un imposto á banca para acadar fondos para investir na economía produtiva e blindar os servizos públicos

Pachi Vázquez reclama un imposto á banca para acadar fondos para investir na economía produtiva e blindar os servizos públicos

O presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, reclamou hoxe unha nova fiscalidade para “repartir a carga da crise entre os que mais teñen” e que permitan obter fondos para investir na economía produtiva, crear emprego e blindar os servizos públicos. Así o dixo na segunda parte do debate de investidura, no que propuxo un novo imposto á banca, impostos ás rendas mais altas, o aumento da fiscalidade aos grandes patrimonios, as grandes áreas comerciais, e un novo imposto medioambiental ás empresas contaminantes.

 

O responsable socialista anunciou a confrontación co PP “mentres se empeñe en ser contable en vez de presidente”, e advertiu que Feijóo “da por perdida a metade da lexislatura” ao aprazar dous anos a recuperación económica e a creación de emprego. Tamén reclamou a supresión do decreto do galego, logo de que o TSXG invalidara os seus principais puntos, como a consulta aos pais ou a liberdade dos alumnos a expresarse na lingua que queiran.

Intervención de Pachi Vázquez no debate de Investidura da IX Lexislatura

"Comezamos a IX Lexislatura no Parlamento de Galicia.

E quero comezar manifestando ás súas señorías, a alta honra que representa para min e coido que para todos nós, ser os depositarios da confianza da cidadanía galega para os próximos anos, neste Parlamento de Galicia.

Estou seguro que cada un de nós, nos entregaremos absolutamente ao traballo de conseguir mellorar a vida dos nosos cidadáns.

Farémolo dende a representatividade que nos outorgou o pobo:

O Partido Popular, dende a súa maioría absoluta e a súa obriga de xestionar o goberno de Galicia.

E todos os grupos defendendo o compromiso acadado cos electores, e pensando sempre no interese xeral de Galicia.

O Grupo maioritario e os tres grupos da oposición somos diferentes. Defendemos ideas e puntos de vista distintos, pero estou seguro que confluímos nun mesmo obxectivo, como é axudar a que Galicia poida saír canto antes da crise.

Esta é dende logo a posición do Grupo Socialista, que hoxe reitero aquí, non como un recurso retórico, senón coa convicción de que todos podemos aportar dende visións distintas, propostas para mellorar a situación de Galicia.

Neste Parlamento reside a soberanía popular de Galicia e ten que ser o reflexo das inquedanzas da cidadanía. Por iso é preciso potencialo e dinamizalo, fuxindo de calquera intento de adormecemento ou quebrantamento que se puidera intentar.

Os socialistas galegos queremos comezar este debate e esta lexislatura, reiterando o noso compromiso con Galicia, e tamén cos 300.000 homes e mulleres que nos diron a súa confianza a través do seu voto.

Queremos facer da coherencia co noso programa, coas nosas ideas, coa defensa de todos aqueles valores que propuxemos ao longo da campaña, o guión polo que temos que rexirnos nos próximos anos.

Estamos convencidos, dende o máis profundo respecto ao resultado electoral, que o camiño polo que nos está levando a dereita, só pode xerar máis paro, máis recesión económica e máis destrución dos dereitos sociais.

O mellor exemplo témolo en Portugal, onde cunha maioría absoluta da dereita, o país vive un auténtico calvario que non vai dar superado en moitos anos.

E nós en Galicia, parece que seguimos os seus pasos.

Señorías:

Despois de oír o discurso do candidato, ratificámonos:

As súas propostas só van a traducirse en:

• Máis paro.
• Máis recesión
• Máis pobreza
• Máis destrución de servizos Públicos e dereitos cidadáns.

Mal comezo, cando non hai unha soa mención á herdanza recibida, si, a herdanza recibida de si mesmo.

Curiosamente, fai catro anos, non dubidaba en cualificar a situación como “crítica”. Dicía que era o peor escenario en democracia, porque a taxa do paro estaba no 12%. E agora, que estamos no 22% e o paro crece o dobre que en España, define a Galicia como ben posicionada.

Isto non é una contradición, é un autoengano.

É curiosa a súa amnesia, señor Feijóo. No seu discurso non lembra nada de fai catro anos, cando definiu a Galicia como insolvente cunha débeda de 3.700 millóns de euros, e agora a define como solvente cunha débeda de 7.700 millóns de euros.

Isto, por non recordarlle o que dixo daquela, “que o sector lácteo estaba no peor momento que viviu nunca”, e hoxe, catro anos despois, di vostede que non ten competencias nesta materia.

Mal empezamos, Sr. Feijóo, cando en todo o seu discurso repetiu varias veces que quere dicir sempre a verdade.

¿A Verdade?:

• É dicir verdade que o TSXG avala o seu decreto do galego, cando rexeita artigos esenciais?
• É dicir verdade que construíu 19 centros de saúde cando non construíu ningún?
• É dicir verdade que as contas están saneadas cando o Consello de Contas o acusa de ocultar máis de 400 millóns de euros no 2010, e vostede non o nega?
• É dicir verdade presumir dun Plan Eólico que ía a crear 14.000 postos de traballo, e non só non creou nin un posto de traballo, nin puxo en marcha un megavatio, senón que as decisións do seu partido finiquitaron a viabilidade para moitos anos das enerxías renovables, das que éramos pioneiros en Galicia?
• É dicir verdade ter paralizado o Plan de Infraestruturas, cando se vendeu como o gran impulso para Galicia? E do AVE, xa nin fala.

Veu o martes a dicirlle a Galicia moitas cousas e ningunha boa: iso si, dicirllo con delicadeza: 2013 e 2014, que van a ser un desastre -vostede chámalle de transición-: destrución de emprego, caída do PIB, redución de dereitos sociais, nos que vostedes se esquecen das persoas cun compromiso único: estabilidade e contas públicas.

O último informe da OCDE presaxia a intensificación da recesión no 2013 e o incremento do paro en máis de seis puntos. Isto supón para Galicia superar amplamente os 300.000 parados, e en España os 6 millóns.

No informe dí textualmente, que o país pagará “a peaxe do axuste fiscal, unha demanda externa moi débil e as dificultades financeiras”.

Non se vai cumprir o obxectivo de déficit, nin en Galicia nin en España, xa que o PIB diminuirá o triple do previsto, é dicir, un 1,4%, cando estaba previsto un 0,4 ou 0,5%.

E por riba, a débeda non vai deixar de aumentar, chegando ao 97,6% do PIB no 2014, en España.

En Galicia a propia previsión da Xunta é dun incremento da débeda de 1.642 millóns de euros nos próximos dous anos.

Así, pois, con este panorama non pode vir a dicir a este Parlamento que da por perdida a metade da lexislatura, e que xa veremos o que pasa.

Pero, por certo, xa ten vostede a quen votarlle a culpa destes dous anos:

• A Europa
• E ao Sistema Financeiro.

-En Europa gobernan vostedes (quero recordarlle que son maioría os grupos conservadores na Eurocámara) e no tocante ao Sistema Financeiro, algo terá que ver o goberno de Mariano Rajoy e o PP.

No seu discurso fala de dúas supostas FORTALEZAS:

• Contas públicas ordenadas
• Menos déficit

As contas estarán ordenadas na súa cabeza, porque non o están tanto para o Consello de Contas, que lle deu un bo varapalo.

Recórdolle que a auditoría deste organismo deixou ao descuberto o desprazamento de xeito irregular de 411 millóns de euros en facturas non contabilizadas do exercicio do 2010 que transferiron ao 2011, co obxectivo de cumprir o teito de gasto, reducindo o déficit que se presentou ao Ministerio de Facenda en sete décimas.

No 2011, adiantou en tres meses o peche do exercicio contable. Circunstancia sen parangón no resto das comunidades autónomas españolas.

No 2012, o déficit de Galicia é moi superior ao do conxunto de España, sendo a quinta comunidade coas cifras máis negativas de toda España, segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda para o 3º trimestre deste ano.

Con estes datos, non parece que Galicia cumpra mellor ca ninguén o déficit.

E, finalmente, presume de que non recorre ao Plan de pago a provedores, nin ao Fondo de Liquidez Autonómica.

Sr. Feijóo:

Se ten as contas tan saneadas e non lle fan falta recursos, por que pecha as contas o 30 de setembro e non permite a entrada de facturas no último trimestre?

A nós parécenos que isto é unha irresponsabilidade, engadíndolle enormes dificultades ás pequenas e medianas empresas.

Señorías. Sr. Candidato:

Sigue dicindo vostede que o futuro de Galicia depende de catro condicionantes:

1. Europa: descubriu agora que a Agricultura, a Pesca e o modelo de financiación dependen de Europa.
¿E antes de quen dependían?
Claro que o futuro destes sectores estratéxicos e do financiamento se xoga en Bruxelas, pero o noso peso alí é nulo, porque para o señor Feijóo non foi un obxectivo prioritario.

2. Foro autonómico para defender os criterios de reparto de Fondos para as comunidades autónomas (Andalucía, Castela - A Mancha).

3. Modelo de Financiamento no CPFF.

Sr. Feijóo, mire, isto non depende de Andalucía nin de Castela - A Mancha, depende do Partido Popular de Mariano Rajoy e de vostede. E tal como vostede explica o que está por vir, moito me temo que no próximo CPFF, o seu Presidente vai a tratar bastante mellor a Cataluña e a Euskadi para tranquilizar o debate nacional. Pero é principalmente a súa responsabilidade conseguir que Galicia non quede relegada.

Espero a nova proposta de financiamento autonómico que anunciou o martes. E espero que cumpra as nosas expectativas, porque Galicia ten que facerse valer polo que realmente é, e non pola cor de quen a goberna neste momento.

E xa llo adianto. Os socialistas nos imos admitir a máis mínima rebaixa do noso autogoberno ante calquera cambio do marco autonómico que se queira facer dende Madrid ou dende calquera posición ideolóxica de “recentralización”.

4. Por último, fala vostede dos condicionantes do Sistema Financeiro Galego, no que tamén ten responsables:

• Banco de España
• Xestores das Caixas galegas
• Deslealdade en Galicia.

¡Oiga!, vendo esta foto, pregúntolle ¿Qué estaba facendo aquí, reprochándolle a xestión ou brindando polos éxitos futuros?

Sr. Candidato:

Do Sistema Financeiro Galego o único que queda é o nome, cunha intervención do Banco de España e de Europa, que vostede calculou en 1.100 millóns de euros, e que vai a rondar os 10.000 millóns de euros, nos que inversores galegos puxeron 70 millóns de euros, e nos que foron enganadas 43.000 familias nas preferentes.

Un Sistema Financeiro, que está pechando centos de oficinas e vai despedir a miles de traballadores, para os que vostede non tivo nin unha soa verba, como si tivo para os inversores.

A única verdade é que en Galicia o crédito ás familias e ás empresas está estrangulado, e miles de familias afectadas polas preferentes están cada día con menos esperanza, sen que se vislumbre ningunha proposta máis alá da arbitraxe insuficiente e inxusta que avalía a Xunta.

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN. Despois de votar en contra catro veces na anterior lexislatura, agora considera que si, que despois das eleccións xa se pode investigar. Espero que cando compareza arroxe toda a luz que fai falla para aclarar as súas responsabilidades.

A solución pasa por ampliar a cobertura da arbitraxe a maior parte das persoas estafadas (non cómo se fai agora que só cobren unha mínima parte). Se o goberno quere pódese arranxar este problema, impugnando a normativa vixente e faga máis rápida e máis ampla a cobertura da arbitraxe.

Igualmente deberemos dar unha resposta cabal para solucionar o drama das familias por desafiuzamentos debido ao cambio nas súas condicións de vida e ingresos.

Resulta dramático comprobar como as execucións de desafiuzamentos se cuadriplicaron dende o 2008 á actualidade.

Malogramos unha ocasión cando, na tramitación da Lei de vivenda aprobada fai menos de seis meses, non se aceptou unha proposta socialista que establecía algún avance neste sentido e dentro das competencias que ten Galicia ao respecto.

Unha medida efectiva sería que a Xunta retirase os seus fondos daquelas entidades que realizan desafiuzamentos, como están a facer moitos concellos.

En Galicia hai máis de 50.000 persoas hipotecadas que teñen menos de 19.000 euros de ingresos.

¿De cantas vivendas públicas baleiras dispón a comunidade autónoma galegas para poder satisfacer a moitas desas familias afectadas?

IGAPE
Probablemente non haxa ningunha outra prioridade máis acuciante para a nosa economía que a parálise do financiamento.

Non lograremos avanzar se non conseguimos solventar os atrancos financeiros existentes na actualidade.

Neste sentido, os datos son desalentadores: Galicia está entre as comunidades autónomas nas que máis diminuíu o crédito neste período.

Coincidimos en que resulta necesario defender o sistema financeiro galego. Pero non debemos renunciar a aqueles mecanismos financeiros que pode ter a propia administración autonómica.

É hora de reformular o IGAPE, para convertelo nun verdadeiro instrumento financeiro para as pequenas e medianas empresas. Sobre todo para aquelas que estean dispostas a innovar e crear emprego de calidade.

Sr. Feijóo:

Durante os seis catro anos de mandato:

• Cifra récord de parados
• Cifra récord de débeda pública
• Desaparición do Sistema Financeiro Galego
• Recesión económica

E con isto nos di que imos comezar a crecer, pero sen ningunha medida nesa dirección e mantendo o mesmo rumbo errático que ata agora.

Señorías:

Si, Galicia necesita recuperar a senda do crecemento, pero dende logo o único camiño que non conduce ao crecemento é o que vostede propón:

¿Vostede considera crible que se pode apostar por:

• Adiantar o déficit cero
• Baixar a recadación
• Seguir sen crédito privado

E ao mesmo tempo apostar polo crecemento?

Presenta vostede un:

Fondo Público de Crecemento sen fondos. Un Fondo sen fondo, que no mellor dos casos vai a ser un corta e pega de partidas soltas xa existentes e que en moitas ocasións nunca chegaron a executar noutros orzamentos.

Dixo vostede que “Haberá investimentos produtivos que aumentarán de forma proporcional aos ingresos” ¿Pero non ve que non hai ingresos?

Como vai abordar a reforma estrutural do Sector Lácteo e forestal coa previsible rebaixa de Fondos Europeos e sen ningún novo ingreso?

FONDOS EUROPEOS: Imos moi mal e non sabemos o que está pedindo o goberno galego. Nolo debería aclarar vostede, señor Feijóo. Porque agora parecen conformarse co que ofrece a Comisión, que é moito menos que o acordado no Parlamento Europeo. Podemos perder case a metade dos fondos, e iso debería explicalo vostede, señor Feijóo.

Sr. Feijóo, para fomentar o emprendemento, para crear Fondos de Crecemento, para fomentar inversión en economía produtiva, fan falta máis ingresos, pero diso é do que vostede non quere falar.

Da economía real, da Galicia real.

Cando vostede fala da Galicia real ¿a que se refire?:

• Ao récord histórico de parados?
• Aos 2.500 profesores menos que ten Galicia dende que vostede goberna?
• Aos 1.000 sanitarios menos da sanidade pública?
• Aos enfermos e pensionistas que teñen que pagar coas pensións máis baixas de España, a súa “austeridade”?
• Aos 15.500 comercios que pecharon na pasada lexislatura?
• Ás 3.000 explotacións leiteiras que abandonaron a actividade?
• Ao número de galegos e galegas que abandonan Galicia por non atopar traballo, 25.000 mozos e mozas no último ano?

Esta é a Galicia real.

A esta Galicia real é á que lle fai falla unha mensaxe de esperanza, pero vostede non só non lla da, senón que por riba lles pide paciencia.

O seu non é austeridade, vostede endósalle o custe dos Servizos Públicos aos enfermos, aos pensionistas e ás familias.

Mire:

Cando fala da Reforma Institucional, dígao claro:

A democracia necesita institucións máis democráticas que poidan canalizar a participación política da cidadanía, non recortes que lastren o funcionamento destas institucións, para acabar converténdose en meros executores do poder político monopolizado.

Non pode confundirse a reforma da administración e das institucións coa conculcación dos dereitos democráticos e de participación política da cidadanía.

Sr. Feijóo:

MUNDO RURAL.
Como se atreve a vir aquí a propoñer un Pacto polo Futuro do Rural. Vostede, que pecha escolas rurais, que pecha centros de saúde, que desmontou o banco de terras, que ignorou ao sector lácteo, ven agora a propoñer como novidade 38.000 xornais?

¿Para arranxar o mundo rural?: 60 cuadrillas en medio ano?:

¡Ata parece unha frivolidade!

Señor Feijóo, se quere arranxar o mundo rural, reúnase cos gandeiros, deféndaos contra as grandes empresas que tiran os prezos, axúdelle a soportar os gastos, inspeccione aos supermercados que incumpran, sancione aos infractores.

No mundo da PESCA:

Acuicultura. Paralizou vostede un Plan de Acuicultura. ¿sabe canto investiu en toda a lexislatura pasada?: cero euros. Deixáronse de investir 200 millóns de euros de Fondos Europeos en proxectos acuícolas. Sen embargo, permítese que se poida estraga o patrimonio galego do litoral.

Na dinámica de buscar solucións económicas para Galicia, parécenos igualmente fundamental apostar polo noso sector industrial.

Se tomamos os datos anuais de Produción Industrial, nos últimos catro anos a caída en Galicia foi do 20,1% fronte ao 8,8% do conxunto estatal.

Se collemos as estatísticas de I+D, o investimento público e privado descendeu do 1,04 % do PIB no 2008 ao 0,91 % no 2011, afastándonos paulatinamente da media española.

Pero afastándonos tamén do propio obxectivo marcado polo goberno galego a través do seu Plan estratéxico, que era superar o 1,5 % no 2014.

Hai que cambiar esta situación, pero no discurso do señor candidato non atopamos nin as actuacións necesarias nin o impulso suficiente para conseguilo.

Por certo, non se referiu en ningún momento ao compromiso con Alcoa para manter unha tarifa eléctrica que lle permita proseguir coa actividade. ¿Sigue mantendo esta promesa electoral? ¿O cre posible?

Señorías. Sr. Feijóo:

Nos Servizos Públicos, a situación tórnase máis alarmante cada día.

Na Sanidade, é realmente onde produciu cambios importantes: ¿sabe o principal?: O copago. E moitos máis:

• a redución de prestacións
• a anulación da prestación universal
• a retirada de medicamentos
• o aumento das listas de espera
• e a privatización do Hospital de Vigo.

Durante a campaña dicía que se fixeran tres novos hospitais, agora resulta que só se fai un… ¡Qué pouco nos duran os novos hospitais!

Pasou de dicir que se ían construír 60 novos centros de saúde, a dicir que se construirán 19, pero o mesmo da, xa que o seu é anunciar pero non facer.

En Educación, teño que referirme de novo á recente sentencia do TSXG sobre o decreto do galego.

Resulta especialmente grave, señor Feijóo, que persistan no grave erro cometido na pasada lexislatura ao romper o consenso lingüístico sobre o noso idioma.

Daquela non lle valeu o clamor da oposición, da comunidade educativa, das institucións culturais e da cidadanía expresada na rúa.

E agora tampouco lle vale a sentencia do TSXG, que invalida os puntos máis significativos do seu decreto, como son a consulta aos país e a liberdade aos alumnos para expresarse na lingua que queiran.

Non lle queda outro camiño máis que restituír o consenso lingüístico anterior ao seu decreto e apartar do seu novo goberno a quen xerou esta división, esta ilegalidade e esta afrenta ao noso idioma.

Non pode seguir sendo conselleiro quen, en funcións, tras coñecer a sentencia do TSXG, afirma: “Me niego a derogar algo que el propio tribunal dice que es conforme a la ley y que hace solo un mes la inmensa mayoría de los gallegos también ratificaron en las urnas”.

Quen afirma isto non pode seguir rexendo a Educación en Galicia.

Eu recoméndolle que non agarde por máis sentencias. Suprima o decreto, e se hai que cambiar algo, fagámolo, pero co consenso de todos.

En Dependencia, só lle vou pedir unha cousa: Cumpra coa lei. Respecte a lei e atenda as demandas das persoas maiores máis necesitadas de axudas, que son miles en toda Galicia e están sen as prestacións que lle corresponden.

Finalmente, sorprende que non tivera nin tan sequera unha palabra para a Igualdade. Parece como se de repente para vostede non haxa xa necesidade de defender a plena igualdade entre homes e mulleres.

Permítame recordarlle que neste tempo de crise as mulleres son precisamente o sector de poboación máis afectado e necesitado de atención preferente.

Sr. Feijóo:

Vostede gañou as eleccións, si, pero polo camiño que vai, leva a Galicia cara máis paro, máis desigualdade, máis recesión, máis destrución de dereitos sociais, por iso non podemos apoiar ningunha das propostas que vostede formulou.

PROPOSTA

Nós formulamos outro camiño, distinto, que comeza por facerlle pagar a crise aos responsables de ela, e non ás vítimas como vostede propón.

Vostede o dixo: “os cidadáns non viviron por riba das súas posibilidades”, pois que paguen os que máis teñen, aplicando un novo modelo de fiscalidade:

• Imposto á Banca sobre depósitos, como Estremadura, Andalucía ou Canarias.
• O Presidente de Estremadura, do PP, o fai, por que vostede non?
• Impostos ás rendas máis altas no tramo autonómico do IRPF.
• Aumento da fiscalidade aos grandes patrimonios.
• Impostos ás grandes áreas comerciais e ás contaminacións medioambientais.

Cando veña coas súas propostas por este camiño, aí nos topará.

Propostas de Emprego reais, con fondos reais, que aborden o paro xuvenil, o paro feminino e aos parados de longa duración. Axudas a emprendedores, que se teñen que nutrir de maiores ingresos derivados dunha fiscalidade máis xusta e progresiva, así como da loita contra o fraude fiscal, en vez das amnistías fiscais.

Cando veña con esas propostas, aí nos topará.

Blindaxe real dos Servizos Públicos de Galicia, a través dunha lei que garante os orzamentos en Sanidade, en Educación e Dependencia, dándolle a tranquilidade á cidadanía de que estes servizos públicos prioritarios van a quedar garantidos no futuro.

Cando veña con estas propostas topará a colaboración dos socialistas galegos.

Mentres, siga vostede a fuxida cara adiante, dicindo que apoia a 100 investigadores e ocultando que deixou sen traballo a 215, non conte con nós.

Mentres siga dicindo que apoia un Plan Cazatalentos e reduce as becas un 25% e o financiamento das universidades, non conte con nós.

Mentres se empeñe en ser o contable de Galicia, en vez do Presidente de Galicia, non conte con nós.

Moitas grazas".

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar