Pachi Vázquez reclama "trato xusto" para o naval, a pesca e a agricultura galegas dende a UE

Pachi Vázquez reclama "trato xusto" para o naval, a pesca e a agricultura galegas dende a UE

Pachi Vázquez reclama "trato xusto" para o naval, a pesca e a agricultura galegas dende a UE

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, demandou un “trato xusto” para Galicia dende a UE, nomeadamente en “políticas clave” como son o naval, a pesca ou a agricultura. Así o dixo logo da xuntanza do grupo do PSdeG que está a elaborar as propostas dos socialistas galegos en materia de política comunitaria no marco do debate interno do PSOE.

O responsable socialista reclamou que a UE abandone o control exhaustivo do déficit para converterse no “motor do crecemento e do emprego”. Dixo que “vamos mal mentres a UE estea rexida por un modelo conservador do control do déficit sen pensar nas persoas”, e engadiu que “unha Comunidade histórica como é Galicia debe esixir unha UE solidaria sen renunciar nunca aos nosos sinais de identidade”.

Vázquez explicou as conclusións do encontro sobre política comunitaria de 30 cargos institucionais e orgánicos do PSdeG na Executiva galega, Parlamento de Galicia, Congreso e Senado, dos que 13 acudirán á convención do PSOE sobre a UE pilotados polo eurodeputado Antolín Sánchez Presedo. O encontro de hoxe comeza unha serie de debates que serán levados ao PSOE dentro do proceso de aportacións para reformular o modelo democrático.

Pola súa banda, Sánchez Presedo engadiu que as propostas dos socialistas galegos pasan por defender a instauración de eurobonos como modelo de reducir a débeda e garantir os investimentos. Ademais, reclamou unha unión fiscal que garanta unha capacidade fiscal comunitaria, e unha unión política para que existan “partidos e cabezas de lista europeos e un presidente elixido dentro do Parlamento Europeo”.

Advertiu que a Comisión Europea aprobou hoxe un marco plurianual de financiamento que “por primeira vez é inferior que o anterior”, e advertiu que “por primeira vez pode ser que o Parlamento Europeo rexeite unha proposta da Comisión”. Sobre a rebaixa dos fondos destinados a Galicia, dixo que “hoxe a UE pode converterse nun problema e non nunha solución”.

Sánchez Presedo apuntou que “hoxe á causa da crise temos unha redución dos presupostos, cando tería que ser que á causa dos presupostos tivéramos unha redución da crise”.

Malia que se confesou “satisfeito en termos xerais” da reforma da política pesqueira, advertiu que é “mellorable” en aspectos como os descartes ou o acceso da flota de altura ás augas territoriais. Ademais, lembrou que “estamos pendentes do tax lease” que solucione parte da crise do naval cunha solución definitiva en torno á Semana Santa.

Reclamou ademais “perspectiva” sobre as aportacións dos fondos comunitarios, que co novo plan plurianual “son a metade dos 5.400 millóns de euros cos que foi financiada NGB”.

Feijóo

O líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, dixo hoxe ademais, en resposta ás preguntas dos xornalistas, que Feijóo “débelle unha resposta aos galegos” logo de que Galicia fora “a principal aportación de fondos irregulares ao PP” a través da trama Gürtel.

Lembrou o respaldo concedido pola cúpula do PP á rama galega da trama nomeando a Pablo Crespo presidente de Portos de Galicia, e lembrou que precisamente Crespo foi o único cargo de Portos ao que ratificou Feijóo manténdoo cando era conselleiro de Política Territorial nos gobernos Fraga. Reclamou así ao presidente da Xunta que “pare con este deterioro da acción política” e da calidade democrática.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar