Pachi Vázquez reclama a Feijóo solucións urxentes ante o "drama do paro" en Galicia

Pachi Vázquez reclama a Feijóo solucións urxentes ante o "drama do paro" en Galicia

Pachi Vázquez reclama a Feijóo solucións urxentes ante o "drama do paro" en Galicia

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, reclamou hoxe a Feijóo solucións urxentes ante o “drama histórico” do paro en Galicia, despois de que esta mañá se coñecesen os datos que sitúan a Galicia como a primeira comunidade en crecemento do desemprego en termos absolutos.

Os datos reflicten que en Galicia, no mes de novembro, 11.274 persoas mais quedaron no paro, ata acadar a cifra de 243.416 desempregados. “Hoxe en Galicia é un día tristemente histórico, porque acadamos o récord do número de desempregados dende que existe este rexistro”, salientou Vázquez.

En declaracións aos medios antes de participar na homenaxe ao ex presidente de FADEMGA, Julio Cortiñas, lembrou que “moitas veces dixen en campaña que en Galicia o paro crecía o dobre que no resto de España, pero agora vemos que crece case catro veces máis, e nun momento no que o CIS di que esta é a principal preocupación do 83% da poboación”.

Ante esta “situación dramática”, Pachi Vázquez reclamou a Feijóo a convocatoria urxente dunha xuntanza cos líderes políticos de Galicia “porque non pode seguir escondéndose fronte ao principal problema que atenaza ao noso país”.

“Estamos nun estado de emerxencia claro, porque os datos non son subxectivos”, advertiu. “Esta é unha cuestión suprapartidaria, non é momento de buscar culpables, nin de agochar a cabeza e mirar para outro lado, senón de pensar nas persoas e buscar solucións”.

Por elo pediu “encarecidamente” ao presidente do Goberno galego “que nos convoque urxentemente, e se pode ser mañá que non sexa pasado mañá”, e así llo transmitiu tamén nunha carta enviada hoxe.

Ofreceulle ao presidente da Xunta “a lealdade e compromiso do PSdeG para colaborar e axudar a resolver esta situación, para buscar acordos con sindicatos, con empresarios e con quen faga falla, porque este é o principal problema dos galegos e galegas e non podemos deixalos sos”.

Políticas Activas de Emprego

Neste senso, avogou por reconducir os orzamentos da Xunta cara a creación de emprego, e por incrementar, en lugar de recortar, o investimento para políticas activas de emprego.

“Non é normal que en Galicia o paro se incremente case catro veces mais que no resto de España, e que os orzamentos do vindeiro ano anticipen que o paro aumentará en 25.000 persoas mais, e por enriba o Goberno galego recorte investimentos nas políticas activas de emprego”.

“Si facemos isto, que lle queda á xente que está no paro?”, preguntouse. “Eu non podo permitirme pechar os ollos, irme para a casa a fin de semana e pensar que este é un dato mais. Non é un dato mais, é un drama histórico”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar