Pachi Vázquez: "Queremos ser un goberno solidario que goberne para a xente, non un goberno de contables, interventores e de cálculos tacticistas"

Pachi Vázquez: "Queremos ser un goberno solidario que goberne para a xente, non un goberno de contables, interventores e de cálculos tacticistas"

Pachi Vázquez: "Queremos ser un goberno solidario que goberne para a xente, non un goberno de contables, interventores e de cálculos tacticistas"

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, dixo que “queremos ser un goberno solidario, non un goberno de contables nin de interventores nin de cálculos tacticistas”. Nunha intervención ante o Forum Europa Tribuna Galicia, celebrado en Santiago, no que foi presentado polo ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, apuntou que “hai que gobernar para a xente”.

O líder socialista explicou que “si a xente que vai a mover a economía deste país non ten a lo menos un hálito de esperanza non pode sacar adiante un país dende a desilusión e a resignación”. Advertiu que “a austeridade nos leva directamente ao abismo da recesión económica e ao paro”.

Reivindicou “o público como eixo fundamental da Galicia do cambio”. Dixo que no noso proxecto de cambio para Galicia, o sector público ten que facer de motor e tirar da creación de emprego” e advertiu que “a nosa prioridade é xerar máis recursos para crear emprego”.

Pahi Vázquez dixo que a proposta socialista busca “transformar a economía do sufrimento sen sentido que só nos leva a mais paro e mais recesión a esa outra economía que é mais difícil pero é a que abre a fiestra do noso futuro, a economía do crecemento sostible, un crecemento en competitividade, en produtividade e blindando os grandes elementos que nos caracterizan como país: a nosa sanidade, a nosa economía e a nosa dependencia como elementos de garantía social e como alicerces do socialismo”.

Descargar Discurso Fórum Nueva Economía

INTERVENCIÓN DE PACHI VÁZQUEZ NO FORUM NUEVA ECONOMÍA

Hostal dos Reis Católicos, Santiago de Compostela
20.9.2012

Bos días.

Grazas pola súa asistencia.

Agradezo, unha vez máis, a oportunidade que me ofrecen os organizadores deste Forum para expoñer aquí algunhas reflexións e propostas que considero de interese para Galicia neste momento.

Un agradecemento especialmente agarimoso a Fernando González Laxe, pola súa presentación.

Señoras e señores:

Agora que estamos en tempo preelectoral, é necesario que cada un fale claro e que expoña as súas propostas para que a cidadanía decida o camiño que quere seguir: se continúa pola senda actual ou prefire tomar outra senda nova.

Se quere seguir pola senda do paro, da recesión, dos recortes e da perda de prestacións sociais, ou se quere seguir un camiño de creación de emprego, de crecemento e de mantemento dos servizos públicos.

Isto é o que está en cuestión nestas eleccións autonómicas que van marcar o destino das galegas e dos galegos nos próximos anos.

Pero non só isto, porque a convocatoria electoral do 21 de outubro tamén terá grande incidencia nas decisións que se vaian a tomar a partir dese día para o conxunto de España.

O 21 de outubro xogámonos o modelo de saída da crise tanto para Galicia como para España.

De aí a enorme transcendencia deste momento, que require unha fonda reflexión, pero sobre todo require acerto, decisión e valentía.

Miren:

Vivimos en Galicia, igual que no resto de España e gran parte de Europa, nun momento de crise profunda, unha crise da que a ninguén se nos escapa a súa su gravedade.

Unha crise que define o núcleo das preocupacións da cidadanía.

A actitude ante a crise define categorías de gobernantes. Atopamos actitudes como a de Hollande en Francia, que recoñecendo a dificultade hercúlea da tarefa, non se resignan e tratan de buscar propostas, de xerar ideas que poidan acercarnos ao final do túnel.

Pero non todos os gobernantes actúan cunha actitude valente e comprometida. Hai políticos que se rinden e se limitan a contemplar a crise como unha maldición divina.

Fronte a estes pouco se pode facer, salvo seguir pidindo sacrificios aos cidadadáns, e asumindo, incluso con comodidade, que non hai máis alternativa que seguir unha política imposta, sen que os cidadáns lle poidan esixir responsabilidades.

Un membro paradigmático deste grupo é o presidente Feijóo, un presidente que baixa os brazos e que limita toda a súa acción política a xestionar o orzamento público como se únicamente fose un interventor.

Non deixa de ser revelador que o gran mérito que se apunta sexa o de manter unhas contas públicas saneadas.

Por certo, que o argumento de que Galicia é exemplar no cumplimento do déficit tamén se acaba de desmoronar.

Despois dun tempo xactándose do saneamento das contas de Galicia frente ás dificultades do resto de comunidades autónomas, o Ministerio de Facenda acaba de anunciar que Galicia acumulou na primeira metade deste ano máis de 600 millóns de euros de déficit.

Despois de que o presidente dixese que “en Galicia fixemos de formigas mentres outros fixeron de cigarras”, pasamos a ser a quinta comunidade que acumula maior déficit.

Aquí é onde se ven os manexos de contable do goberno da Xunta, que para maquillar as cifras de déficit de 2011 pechou o exercicio presupuestario tres meses antes de final do ano.

Así agora Galicia supera en case un 40% a media do déficit do conxunto das comunidades autónomas.

En calquera caso, e aínda que Galicia tivese un mellor cumprimento do déficit, o mero manexo do presuposto da Xunta non é ningún éxito do que se poida gabar, e menos cunha economía débil, azotada polo paro e co financiamento empresarial estrangulado.

O que se pide a un presidente da Xunta non é que se limite a quedarse mirando o debe e o haber como se fose un contable.

Galicia demanda un gobernou que teña altitude de miras, ambición e sen medo a enfocar o futuro con responsabilidade e valentía.

Sabemos que a situación é difícil e non hai receitas milagrosas, non é fácil acertar, pero ao menos hai que intentalo, corrixindo riscos.

Non podemos seguir transmitindo aos nosos xóvenes, aos nosos empresarios, aos nosos parados que non hai remedio, aínda antes de telo intentado sequera.

Hai un consenso xeral de que a austeridade como único elemento non nos vai a sacar desta crise. Moi ao contrario, proseguir pola senda dos recortes nos vai a afundir máis.

Nouriel Roubini dicía fai pouco que a combinación de austeridade e reformas estruturais resulta razoable a medio prazo, pero a corto prazo os recortes teñen un efecto negativo sobre a actividade económica.

A austeridade nos leva directamente ao abismo da recesión económica e ao paro.

Economistas do propio Fondo Monetario Internacional recoñecen que a austeridade severa profundiza a crise e non consigue os aforros fiscais esperados, levando á economía a un círculo vicioso.

Facer fronte á crise require un cambio de mentalidade. Un cambio que ten que empezar por un diagnóstico coherente da situación de Galicia. Un diagnóstico a partir do cal se poida construír un plan de medio e longo prazo que permita mellorar a situación.

Este plan pasa por unha estratexia que consiga facer compatible o crecemento xunto cun plan críble de consolidación fiscal a medio prazo, en lugar dunha política de recortes inmediatos e indiscriminados que conduce a un círculo vicioso de recortes: máis paro, menos crecemento, máis recortes…

Esta estratexia de crecemento ten que pasar necesariamente pola mellora da educación, o fomento da innovación, o desenvolvemento e o emprendemento, e o apoio á investigación.

Esta estratexia non só foi ignorada polo goberno do presidente Feijóo, senón que foi masacrada con recortes.

A educación é un dos eixes fundamentais para a construción dunha economía máis eficiente e produtiva.

Recuperar o benestar económico perdido dependerá de forma importante das políticas que agora se están a levar a cabo.

Pero o que vemos é que a Xunta de Galicia recortou en case 500 millóns de euros os recursos destinados a educación, cunha diminución de 2.500 profesionais dedicados ao ensino, e cunha redución do 25% as bolsas que permiten o acceso ás nosas universidades dos estudantes con máis talento e con menos recursos.

A innovación e a investigación foron maltratadas por este goberno. Sabemos que a capacidade de innovar non se improvisa.

Non podemos pensar que imos ser unha potencia en enxeñaría xenética da noite á mañá, senón que cambiar a nosa estrutura produtiva cara a unha de maior valor engadido require tempo e recursos, ten que ser un ámbito a salvo dos recortes, porque nos estamos a xogar noso futuro.

Un aspecto básico para o éxito en I+D é a integración da investigación básica e a investigación aplicada ás industrias.

Non obstante a Xunta segregounas en dúas ramas separadas, xestionadas por Consellerías distintas.

O emprendemento é outro burato negro de Galicia. O IGAPE, que debe ser a punta de lanza para facilitar o emprendemento e as iniciativas empresariais, remata esta lexislatura totalmente desmantelado.

O IGAPE non está a responder ás necesidades financeiras das empresas galegas, que ven moi restrinxido o acceso ao crédito.

Por iso propoñemos converter o IGAPE nunha axencia pública de crédito ás pequeñas e medianas empresas. Non é normal que no momento de maior necesidade o 70 por cento dos fondos do Igape queden sen asignar.

O goberno do señor Feijóo agravou a crise creando un clima de inseguridade para o investimento.

O papel dos empresarios é fundamental para a creación de emprego, pero o investimento necesita dun ámbito seguro, certeza xurídica, un marco fiable e un marco regulatorio que estea por riba da loita política e que alente o investimento en lugar de desanimala.

Permítanme que lles poña un exemplo de cómo se pode golpear a un país cunha decisión política errónea e inxusta: a anulación do concurso eólico.

Por puro sectarismo o señor Feijóo anulou un Plan Eólico que ía investir 6.000 millóns de euros e crear 14.000 postos de traballo. A conclusión é ningún euro investido ningún megavatio e ningún posto de traballo creado.

Esta actuación, xunto coa suspensión das primas das enerxías renovables por parte do Ministerio de Industria, viñeron a saldar o futuro das renovables en Galicia. Un futuro que presumíamos moi prometedor cando antes Galicia lideraba o sector eólico en España.

Tampouco foi afortunada a xestión do presidente da Xunta no sistema financeiro galego.

Ao comezo da lexislatura tiñamos tres grandes entidades galegas de crédito e hoxe non temos ningunha.

Feijóo en ningún dos seus plantexamentos xa fala da nosa realidade. A realidade é que temos una entidade froito dunha fusión que está sendo titularizada no 93 por cen polo Banco de España, a realidade é que dous organismos que nutrían o crédito de un de cada dous galegos están baixo mínimos.

A realidade é que ninguén quere dicir o que lle vai pasar a este banco despois das eleccións ¿Me vai a convencer a min o presidente da Xunta de que nin o ministro de Economía, nin o presidente Rajoy nin o presidente da Xunta saben xa o que vai pasar despois do 20 de outubro?

É clave para a economía de Galicia que o sistema financeiro galego inxecte financiamento a persoas e empresas de Galicia. Temos que facer de cal é o futuro deste banco un dos elementos clave de debate

Novagalicia Banco non pode perder o seu carácter de entidade de crédito eminentemente galega. Debe capitalizarse, garantir os depósitos e os créditos, e, dende logo, resolver axiña o problema das participacións Preferentes.

A actuación do señor Feijóo en todos estes ámbitos, cruciais para que Galicia recupere a senda do crecemento económico e da creación de emprego, foi nefasta.

Por iso soa falso que despois de case catro anos do seu goberno, proclame que baixo o seu mandato Galicia estará en condicións de iniciar a lexislatura do crecemento.

Hai algunha razón para esperar tanto?

Señoras e Señores:

É o momento de tomar decisións importantes para cambiar esta situación e esta tendencia.

Está claro, en Galicia non funcionaron as receitas da dereita. Unha dereita que nin abordou os problemas nin tan sequera o intentou.

Non o quixeron facer, porque teñen unha fixación obsesiva froito da súa ideoloxía, que despreza todo o que é público.

Pola contra, eu reivindico o público como eixe fundamental da Galicia do cambio.

No noso proxecto de cambio para Galicia, o sector público ten que facer de motor e tirar da creación de emprego.

Esta é a nosa prioridade, xerar máis recursos para crear emprego.
No noso proxecto de cambio, o emprego é a prioridade e a primeira responsabilidade de quen goberna.

Acción pública, nova fiscalidade e emprego, eses son os eixos da nova economía de valor engadido que propoñemos.

O noso proxecto contempla unha reforma fiscal que asegure que en Galicia, pague máis quen máis ten, e devolva máis ao país quen mais recibe do pais.

Amigas e amigos:

Nos primeiros cen días da Galicia do cambio, poremos en marcha a introdución de novos tramos no IRPF que graven con máis xustiza ás rendas máis altas.

Crearemos un novo imposto sobre a banca, gravando os depósitos bancarios segundo o seu uso e rendibilidade e coa prohibición legal de transferir o custe do imposto aos clientes.

Manteremos o imposto de patrimonio e procederemos á recuperación e reforma dun novo imposto de sucesións que grave máis a quen máis tén.

Poremos en marcha a creación de novas figuras impositivas para gravar os custes medioambientais das grandes areas comerciais.

Cos recursos xerados por esta nova fiscalidade e cun aforro importante en gastos innecesarios, xeraremos ate 300 millóns de euros adicionais, que imos dedicar a crear emprego e evitar que haxa hospitais sen médicos e escolas sen profesores.

EMPREGO

En Galicia hai 51.967 mozas e mozos menores de 30 anos parados. Destes, máis de 28.000 son titulados universitarios.

Se gobernamos, 25.000 mozas e mozos poderán acceder, ao longo da lexislatura, a unha bolsa/contrato de formación de 500€ mensuais durante un ano para incorporarse ao sistema produtivo cofinanciado con fondos europeos para darlle unha oportunidade a un de cada dous mozos en paro nos próximos catro anos. Porque un país que non é capaz de abrir a porta á esperanza dos seus xóvenes é un país sen futuro.

Hai 134.400 persoas paradas de longa duración. Moitos deles carecen tamén de prestacións por desemprego: na actualidade hai máis 84.000 familias galegas sen ningún ingreso.

Estableceremos un programa mixto de emprego e formación para contratar a 15.000 parados/as de longa duración na lexislatura.

Queremos ser un goberno solidario, non un goberno de contables nin de interventores nin de cálculos tacticistas, hai que gobernar par a a xente, e si a xente que vai a mover a economía deste país non ten a lo menos un hálito de esperanza non pode sacar adiante un país dende a desilusión e a resignación.

O salario medio das galegas é un 23% inferior ao dos homes. As mulleres están sufrindo especialmente a incidencia da crise.

É posible crear 50.000 empregos para estes colectivos con fondos públicos na lexislatura, e eu comprométome a cumprilo.

CRECEMENTO

No noso Proxecto propoñemos o cambio dun modelo de crecemento especulativo por un modelo produtivo, que potencie os nosos sectores estratéxicos: eólico, naval, leiteiro, forestal, pesqueiro, pizarreiro, granito.

Apostamos por un novo modelo produtivo, baseado na idea de "economía con valor engadido": un modelo onde as bazas son a calidade, a innovación, a investigación e a educación.

Non pode ser que se somos os maiores produtores de leite de España, os gandeiros teñan que pechar as súas explotacións porque teñen os presos máis baixos de España.

Non pode ser que se somos unha das maiores potencias de pesca do mundo, teñamos a nosa flota cefalopodeira amarrada no porto e os mariñeiros no paro, porque quedaron fora na negociación da UE con Mauritania.

Non pode ser que se temos unha das maiores riquezas forestais de España e Europa, permitamos que cada ano sexa pasto das lapas.

Non pode ser que se dispoñemos dun sistema industrial naval a nivel mundial, teñamos que resignarnos a mantelo parado por non resolver os problemas derivados do financiamento na construción de barcos, o tax lease, ou por pecharse á construción dun peirao flotante para Navantia.

Feijóo pasou unha boa parte desta lexislatura viaxando por España e polo mundo, pero a penas estivo nos lugares onde realmente se dirimen unha parte destes problemas de Galicia.

Refírome a Bruxelas e a Estrasburgo, sedes da Comisión Europea e do Parlamento Europeo.

O sector naval, a pesca, o sector leiteiro, o emprego xuvenil e o financiamento para o próximo período 2015-2020 dependen de decisións europeas.

Aí é onde tiña que viaxar o Presidente da Xunta e ser a voz de Galicia nas súas demandas, con insistencia e con persuasión.

Pero preferiu viaxar a outros lugares, esquecendo que o “tax lease” durme nun caixón de Bruxelas á espera dunha proposta do goberno de Rajoy.

Que a flota cefalopodeira de Galicia está amarrada no porto e os mariñeiros no paro, se non se esixe a renegociación do convenio asinado con Mauritania.

Que as mariscadoras galegas non poderán acceder a máis axudas se non se lles recoñece a súa pertenza ao sector da pesca.

Que hai un fondo de 10.000 millóns de euros para políticas de emprego xuvenil, que agarda propostas para ter financiamento.

Que se está procedendo ás reformas da PCP e da PAC, que son esenciais para o futuro dos nosos sectores da pesca e da agricultura.

Que o futuro de Galicia depende do financiamento europeo para o período 2015-2020.

A semana pasada, como saben, estiven en Estrasburgo, mentres o goberno galego estivo ausente nestes e puiden comprobar persoalmente que aí é onde hai que estar para poder arranxar unha parte dos problemas actuais e futuros de Galicia. O próximo goberno galego debe vivir pegado a Bruxelas.

SANIDADE

O noso proxecto de cambio comprométese coa Galicia do benestar e da Igualdade.

A sanidade e a educación non crearon a crise nin teñen culpa dela. Polo tanto, deben blindarse para que ningún cidadán poida quedar excluído delas.

Nos primeiros cen días da Galicia do cambio, revocarei o inxusto e inútil sistema de copago sanitario.

Non pode ser que os pensionistas galegos, que son os que menos ingresos perciben de España paguen o mesmo que os cobran máis ca eles.

Levaremos ao Parlamento a lei que blinda o compromiso de aportar os recursos suficientes para garantir a sanidade e a educación públicas.

IGUALDADE

No noso proxecto de cambio, a igualdade é outro reto prioritario porque un país de desiguais nunca é un país de futuro. Apostamos pola creación dun "Sistema Galego de igualdade". Un sistema público de escolas infantís e servizos de conciliación que garantan efectivamente a igualdade e a conciliación da vida laboral e familiar.

Procederemos á anulación dos concertos cos centros educativos que se baseen na educación segregada por sexos porque é inxusto e ilegal.

Con este aforro, garantiremos a gratuidade dos libros de texto para as familias galegas.

Como conclusión:

Estamos inmersos na crise máis voraz que se recorde. A solución máis doada non é seguir incrementando o sufrimento. Hai que apostar polo crecemento.

E isto é o que eu propoño para a saída da crise en Galicia.

Propoño un programa cun itinerario e medidas concretas a curto, medio e longo prazo, e a vontade de levalas a cabo.

Os socialistas galegos temos este programa e temos a vontade de poñelo en marcha se conseguimos a confianza da cidadanía para gobernar despois do 21 de outubro.
O noso programa sostense en catro alicerces fundamentais:

• Creación de emprego
• Crecemento
• Blindaxe dos servizos públicos básicos, sanidade educación e dependencia.
• Xeración de máis recursos, cunha nova fiscalidade máis progresiva que nos permita dicirlle á xente que non vamos facer milagres, que vamos a redistribuír, que vamos a facer que os que mais teñen nos axuden a poñer en marcha a roda dese crecemento económico, que evidentemente é difícil pero é posible.

Esta é a miña receita para o Cambio en Galicia.

Esta é a nosa proposta socialista para transformar a economía do sufrimento sen sentido que só nos leva a mais paro e mais recesión a esa outra economía que é mais difícil pero é a que abre a fiestra do noso futuro, a economía do crecemento sostible, un crecemento en competitividade, en produtividade e blindando os grandes elementos que nos caracterizan como país: a nosa sanidade, a nosa economía e a nosa dependencia como elementos de garantía social e como alicerces do socialismo.

Moitas grazas

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar