Pachi Vázquez: "Propoño abrir un periodo de análise e debate profundo que culmine no próximo Congreso Extraordinario do PSdeG sobre o camiño para recuperar a credibilidade perdida"

Pachi Vázquez: "Propoño abrir un periodo de análise e debate profundo que culmine no próximo Congreso Extraordinario do PSdeG sobre o camiño para recuperar a credibilidade perdida"

Pachi Vázquez: "Propoño abrir un periodo de análise e debate profundo que culmine no próximo Congreso Extraordinario do PSdeG sobre o camiño para recuperar a credibilidade perdida"

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, interveu hoxe no Comité Nacional Galego, que comezou co recordo a José Manuel Pose Mesura, ex delegado do Goberno en Galicia falecido a pasada semana, e do falecemento en Baracaldo da ex edil socialista Amaia Egaña diante do desafiuzamento da súa vivenda.

Pachi Vázquez propuxo hoxe "que este Comité Nacional abra un periodo de análise e debate profundo sobre o camiño que debe seguir o socialismo galego e español para recuperar a credibilidade perdida" que culminará co Congreso Extraordinario no próximo ano.

BORRADOR DA INTERVENCIÓN DE PACHI VÁZQUEZ

"Bos días.

Compañeiras e compañeiros:

Celebramos este Comité Nacional, Extraordinario, para analizar os resultados das Eleccións Autonómicas recentes.

Pero tamén para reflexionar sobre o que os socialistas galegos debemos facer ante estas circunstancias e para definir o noso futuro.

Permitídeme que comece dándolle as gracias a todos e todas os que participastes nesta Campaña Electoral.
O meu agradecemento ao Comité de Campaña, á Executiva, a todos vós e cada un dos militantes do partido que vos volcástedes e o destes todo con ilusión, con forza e con ganas.

Sobre todo, quero agradecerlle tamén a súa confianza os case 300.000 homes e mulleres que nos deron o seu apoio nestas eleccións.

E quero dicirlles que imos traballar dende o primeiro día, dende o Parlamento de Galicia, defendendo todas e cada unha das ideas e dos compromisos que acadamos con eles.

Farémolo con responsabilidade, con coherencia, redobrando esforzo e traballo non só para cumprir a nosa obriga, senón para recuperar a confianza dos miles de homes e mulleres que non viron en nós unha alternativa nestes momentos difíciles.

Os resultados non cubriron para nada as nosas ilusións, as nosas expectativas. É máis, se confirma que se ben o PP perde un número importante de apoios (127.000), nós perdemos moitos máis, que se refuxian noutros partidos da esquerda ou ben na abstención.

En Galicia tampouco fomos capaces de romper a tendencia. Se confirma que seguimos nun ciclo de malos resultados que dura xa dende as eleccións municipais, xerais e autonómicas.

Un ciclo que incluso en Andalucía provocou caídas do entorno dos 10 puntos, semellante ao que se deu en Galicia, pero que foi aínda máis acentuado en Euskadi.

Quero que estes datos que estou reflectindo non se entendan como unha escusa. Asumo persoalmente a responsabilidade dos resultados galegos. Pero coido que si son moi importantes para definir a folla de ruta que nos ten que ocupar para ser capaces de facer o que fixemos como partido dende fai máis de 130 anos.

Debemos sobrepoñernos ás dificultades e atopar o xeito de definir as nosas propostas, os nosos proxectos, a nosa vontade de serlle útiles aos cidadáns nestes momentos complicados.
Mirade:

Se tivera que resumir a miña experiencia nesta campaña, a definiría como moi centrada nos problemas reais dos cidadáns: no emprego, na sanidade, na educación, na dependencia, na igualdade, nunha nova fiscalidade máis xusta. Tamén diría que o fixemos con rigor, afinando no modelo económico.

Pero engadiría que nos faltou o principal, que é o que nos está pasando en toda España: CREDIBILIDADE.

Unha parte moi importante do noso electorado habitual, non nos cre capaces ou considera que non o imos a facer. En definitiva: non nos cre.

O castigo ao que fomos sometidos nas eleccións municipais, nas autonómicas e nas xerais aínda sigue moi vivo.

Polo tanto considero que ademais dos erros propios, meus, e da situación na que afrontamos estas eleccións no PSdeG, se deron unhas circunstancias que dende logo non eran o mellor escenario para concorrer a unhas eleccións (levamos seis meses renovando as nosas estruturas internas co desgaste que isto significa).

Amigas e amigos:

Asumamos que nos atopamos nunha situación onde non cabe outro camiño que non sexa ir a un profundo debate que revise todo aquilo que nos fai ser un partido que ten vocación de goberno, e que cando non acerta nos seus obxectivos debe tomar as decisións que sexan necesarias.

Debemos recorrer ese camiño interno ao mesmo tempo que en todos aqueles lugares nos que estamos representando á sociedade: Parlamento, Congreso, Senado, Concellos, Deputacións, institucións e organismos públicos. Prosigamos día a día co noso traballo, pero con máis forza se cabe.

O que nos toca agora é analizar as causas da perda da confianza da cidadanía no noso proxecto e abrir unha reflexión profunda sobre o noso futuro.

Por isto, propoño que este Comité Nacional abra un período de análise e debate profundo sobre o camiño que debe seguir o socialismo galego e español para recuperar a credibilidade perdida.

Non é un problema exclusivo do socialismo galego, é un problema do socialismo español, que se fixo patente coa irrupción da crise, sumíndonos nunha gran incerteza polas decisións tomadas e pola falla dunha resposta clara e contundente para explicar as causas da crise e para resolver os problemas creados.

Aquí está a orixe dunha parte importante da perda de credibilidade do socialismo, que non soubemos atallar e que nos pasou factura en cada proceso electoral:

nas municipais (perdendo a inmensa maioría do poder municipal que tiñamos)
nas xerais (tendo o peor resultado da democracia)
nas andaluzas (onde conseguimos cogobernar, pero a costa de perder por primeira vez as eleccións, con 9 deputados menos)
nas vascas (onde o PSE perdeu 9 deputados).
e dende logo, nas galegas, onde retrocedemos ao ano 2001 (41/17/17).

ELECCIÓNS GALEGAS

Nestas eleccións, todos os partidos políticos do arco parlamentario galego perdemos apoios, pero nós os que máis.

O PP perdeu 127.000 votos. O BNG perdeu 124.000, Pero nós perdimos 224.000.

Obtivemos, en total, algo máis de 299.000 votos. Coa perda de 224.000 votos, perdemos 7 escanos. O PP, perdendo 127.000, gañou 3 escanos.

A Lei D’hondt premia á forza maioritaria, e moito máis cunha disgregación da oposición como a que se deu nestas eleccións.

Non quero con isto evadir ningunha responsabilidade, senón poñer de manifesto que nestas eleccións se diron unha serie de circunstancias que contribuíron de forma decisiva á nosa pronunciada caída e ao triunfo sobrevalorado do PP.

A primeira, que estas Eleccións se produciron en medio dunha crise profunda, que nos castiga especialmente aos socialistas, porque nos seguen culpando dela.

A segunda, que existe unha desafección pola política que afecta especialmente aos Partidos de ámbito nacional, e que se acentúa cada día máis.

Os nosos resultados foron malos en todas as circunscricións e na inmensa maioría dos termos municipais.

Pero foi notoria a caída nos ámbitos máis urbanos, onde se deron ademais diferenzas moi significativas entre uns e outros.

Compañeiras e compañeiros:

O resultado electoral en Galicia, como o resultado electoral en Euskadi, como o resultado electoral que se prognostica para Cataluña, nos conducen aos socialistas a unha realidade: O noso Partido adoece neste momento da confianza da cidadanía.

Este é o noso problema de fondo. O gran problema do socialismo neste momento é atopar o camiño para recuperar a confianza da cidadanía.

Unha confianza que non se vai gañar dende o resentimento, senón dende unha reflexión profunda sobre o noso papel, o noso discurso e o noso proxecto nunha sociedade en crise.

Non é un problema exclusivo de Galicia. É de toda España e tamén europeo.

É un problema de renovación do proxecto socialista.

E isto é o que eu vos propoño: que hoxe iniciemos un debate a fondo para a renovación do noso proxecto e do noso partido.

Un debate que finalice nun Congreso Extraordinario, que aborde en profundidade os novos escenarios:
A política económica.
A política social.
A identidade territorial. O modelo de Estado.
E o modelo de organización interna do noso propio partido.

Un debate que revise todo aquilo que non está funcionando como nós queremos.

Temos que plantexar esta situación non só en Galicia, senón que temos que ser parte activa e fundamental desa Conferencia Política a nivel Federal, que debe definir sen dúbida un novo modelo de Partido e un novo Proxecto Político para España e para Europa.

En definitiva, un Partido mais representativo e un Proxecto mais ilusionante, que nos permita recuperar a credibilidade e a confianza de quen sempre nos apoiaron.

O Partido vai convocar un Comité Federal a mediados do próximo mes de decembro. Neste Comité quedará definida a folla de ruta a nivel do Estado, e entón marcaremos tamén o noso propio itinerario en Galicia, que finalizará nese Congreso Extraordinario Galego.

Será este Congreso o que marque a inflexión cara a recuperación da confianza, nun horizonte no que xa se albiscan as eleccións municipais.

Non podemos perder nin un minuto, pero temos que saber ben cara a onde queremos camiñar.

Debemos marcar un calendario que abra o debate para definir o noso futuro. Nin este Congreso pode ser un congreso máis, nin a Conferencia Política pode ser unha conferencia política mais.

Ambos deben ser a porta de entrada para un novo tempo para o socialismo galego e español.

Ou somos capaces de construír un proxecto que volva a ilusionar ou esta sangría de confianza continuará.

Tamén vos anuncio que, ao mesmo tempo que vos agradezo a vosa confianza, considero que cando se asumen responsabilidades como as que teño, e se inicia un proceso de cambio como este, as persoas individualmente somos irrelevantes, polo que nunca serei un problema senón que sempre traballarei para axudarlle a quen asuma as novas responsabilidades de xeito leal e disciplinado.

Un partido constrúese estando cada un onde lle toca, sen dramas, buscando o ben común, e respectando as decisións maioritarias.

Como secretario xeral do PSdeG e xunto con toda a Comisión Executiva quero contribuír á culminación deste proceso que deberá producirse neste Congreso extraordinario do próximo ano.

Como membro da Comisión Executiva Federal quero contribuír a que se desenvolva unha Conferencia Política Federal que marque o camiño a seguir polo Partido Socialista Español.

Non é momento para aventuras persoais, senón para a participación da militancia, que é quen ten que decidir o futuro do partido.

Mirade:

Representamos a 300.000 galegas e galegos que nos votaron o 21 de outubro. Somos a forza hexemónica da oposición no Parlamento Galego, dobrando en escanos aos demais partidos da esquerda.

Perdemos as eleccións, pero non perdemos a hexemonía da esquerda. E ímola poñer en práctica neste novo período de sesións.

Imos elixir aos compañeiros e compañeiras que nos representen mellor nas institucións e organismos que nos corresponden nesta nova lexislatura.

E imos exercer o noso papel con absoluta responsabilidade e rigor.

Non imos renunciar de ningunha maneira aos nosos postulados expresados con claridade durante a campaña:

Políticas de crecemento económico; políticas de emprego; sostemento dos Servizos Públicos sen recortes; fiscalidade xusta, equitativa e suficiente; un país moderno e eficiente sen duplicidades; defensa do autogoberno e avance nunha convivencia con memoria.

Esta é a nosa proposta e e este é o noso papel neste momento: Estamos nunha situación difícil e a prioridade da política é seguir facendo fronte á crise e crear emprego. Seguir defendendo os Servizos Públicos universais. Seguir defendendo o autogoberno e a pluralidade interna de Galicia.

Pero temos que facer moitas máis cousas:

Temos que dar as respostas adecuadas á crise e ás súas consecuencias. Cambiou a correlación de forzas dentro do Parlamento galego, pero fóra:

O paro sigue crecendo
As empresas seguen pechando
A sanidade pública sigue desmantelándose

Polo que temos que atopar o xeito de que as nosas propostas para estes problemas consigan a complicidade da cidadanía.

Pero ademais temos que facer fronte a outras cuestións, tamén, importantes. Atravesamos unha crise, non só económica, senón tamén política e social.

É fundamental analizar con profundidade os problemas da sociedade, os problemas que están xurdindo nas sociedades modernas de cambio de século, e elaborar un novo discurso.

Un discurso moderno e comprensible, que poida lograr a adhesión da cidadanía.

E para isto é para que vos propoño organizar o noso Congreso no 2013, para abordar con seriedade estes problemas.

Temos agora un tempo sen sobresaltos electorais. Podemos plantexarnos un traballo serio e sosegado para revitalizar o Partido e o noso proxecto.

E isto é o que eu vos estou propoñendo hoxe: un tempo de debate e reflexión sobre o noso Partido e sobre o noso Discurso Político.

Porque eu creo que estas son as dúas cuestións fundamentais para centrar o debate:

A Organización e o Discurso político.

1. A Organización: Hoxe o noso vello Partido estase convertendo nun Partido vello.
Temos unha organización anquilosada que non é capaz de saír fóra do seu propio ámbito.
Non estamos conseguindo que nova xente se involucre no proxecto socialista.
Sabedes que para min, o Partido Socialista é o máis prezado instrumento para facer política dende a esquerda. Hai que conseguir unha organización más aberta e accesible para permitir a participación dos progresistas deste país. E polo tanto, debemos buscar as fórmulas máis eficaces para facelo realidade.

E creo que debemos combinar tres cousas fundamentais:

A primeira, dar importancia ao propio Partido. Hai que traballar máis para o Partido. E hai que respectar máis ao Partido.

A segunda, saír á rúa. Abrir o Partido á xente. Estar en contacto coa realidade e coa xente.

E a terceira, crear canles de participación e estruturas intermedias nas que os progresistas, que non son militantes do Partido, poidan participar e enriquecer as nosas políticas.

2. Discurso Político

Si a organización do Partido se está quedando, nalgúns aspectos, caduca; co discurso político nos está pasando o mesmo.

E quero recalcar que a esencia dun partido político é o seu proxecto.
O que vai a levar á xente a sumarse ao noso proxecto son as ideas que defendemos, o relato político que facemos, da sociedade, da vida e do futuro. Sen un discurso que nos dea coherencia, de nada sirve a organización.

Creo que é urxente modernizar partes do noso discurso, para que sirva de guía en medio da desorientación que vivimos.

E creo que deben ser tres os grandes temas de discusión: A socialdemocracia, o Estado do Benestar, e o Autogoberno.

Os nosos valores e principios son inmutables, pero ¿as nosas propostas actuais responden realmente ás demandas sociais?

Somos o referente da creación e a defensa do Estado do Benestar, pero ¿somos capaces de liderar esta defensa e, sobre todo, de evitar a súa defenestración pola dereita en connivencia coa crise?

Estivemos sempre na primeira liña da orixe e a consolidación do Estado Autonómico Español, pero ¿poderemos responder con rigor e acerto tanto ás ansias independentistas como ás centralistas?

Compañeiras e compañeiros:

FOLLA DE RUTA GALICIA

Eu quero pedirvos hoxe a vosa participación activa na cimentación dun novo camiño para o PSdeG e para o PSOE.

Un camiño que debemos percorrer xuntos e que ten como horizontes mais inmediatos a Conferencia Política Federal e o noso Congreso extraordinario.

É preciso abrir un debate nas asambleas locais e trasladalo aos organismos provinciais e á Executiva Galega.

Entre todos tomaremos as decisións que correspondan ata a celebración do Congreso.

Mentres, non imos parar nas nosas funcións respectivas, no Parlamento Galego, no Congreso, no Senado, no Parlamento Europeo, nas Deputacións e nos concellos.
Farémolo con absoluta coordinación e coas directrices dos órganos correspondentes.

Non haberá ningún parón. Emprenderemos o novo camiño sen deixar de gobernar nin de ser oposición onde corresponda.

Neste proceso fai falla máis responsabilidade que nunca, pois non pode ser que os nosos problemas internos se trasladen á sociedade, como xa ten acontecido.

Non debemos cometer os mesmos erros. A primeira responsabilidade é defender e representar a quen nos deu a súa confianza. E isto require a máxima dedicación e esforzo.

Estou seguro que imos saír desta situación, pero tamén estou seguro que non o conseguiremos solos, senón que ten que ser un labor colectivo de todo o socialismo español.

Xa pasamos outras veces pos situacións semellantes e acabamos superándoas.
Será máis pronto que tarde, pero o será se todos nos poñemos a elo, sen protagonismos vanos ou interesados, senón dende a máxima colaboración, lealdade e respecto cara ao Partido e a súa militancia.

Esta é a base para poder saír da situación na que nos atopamos coas maiores garantías de éxito.

É o momento de plantexar propostas que axuden a resolver problemas, non a complicalos máis.

É o momento de traballar xuntos, para poder saír xuntos.

Isto é o que vos propoño dende a miña responsabilidade.

Moitas grazas".

32641281A

Artigos relacionados

1 Comentarios

  1. Roberto Perez
    Novembro 11, 2012 a 02:36

    Es necesario renovar toda la dirección del partido. Se necesita un cambio de generación y, afortunadamente, hay compañeros jovenes, preperados para devolver la confianza a los ciudadanos, con un programa nuevo y atractivo. Los actuales dirigentes, tienen que, dejar su postura personalista, aferrandose al cargo por, beneficios personales, en lugar de pensar en el beneficio del partido y, de los ciudadanos. Llevamos muchos años con los mismos responsables, cambiandolos de sitio, en lugar de cambiar de personas; están todos quemados y, desacreditados, lo demuestran los resultados electorales, no solo en galicia, en toda España. Ahora es el momento de la renovación para, que, los nuevos puedan darse a conocer, creando una nueva imagen del PSOE.
    Un saludo.

Deixar a resposta

Pechar