Pachi Vázquez propón unha “fronte común” das forzas políticas galegas para impedir a subasta, fraccionamento e venda de NGB

Pachi Vázquez propón unha “fronte común” das forzas políticas galegas para impedir a subasta, fraccionamento e venda de NGB

Pachi Vázquez propón unha “fronte común” das forzas políticas galegas para impedir a subasta, fraccionamento e venda de NGB

Repróchalle a Feijóo que desbote esta proposta de acordo e bloquee a Comisión de Investigación de NGB para “tapar a realidade”

O presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, propúxolle ao presidente da Xunta unha “fronte común das forzas políticas galegas” para impedir a subasta de NGB, o seu fraccionamento ou a fusión con Bankia, que foi desbotada polo presidente na súa resposta ao líder da oposición na sesión de control. Vázquez reprochoulle tanto esta negativa como o bloqueo de novo a unha Comisión de Investigación sobre a fusión das entidades.

Vázquez reclamou unha “fronte común” das forzas políticas para presentarse diante do gobernador do Banco de España e do Goberno central e acadar a recapitalización da entidade a través do FROB, que sexa cen por cen público, que non se subaste nin se fraccione, que non se fusione con Bankia e que “unha vez saneado faga fluír o crédito ás familias e ás empresas, sen dedicarse á economía especulativa senón á produtiva”.

Reclamou “o mesmo trato para NGB que para Bankia, que vai recibir 19.000 millóns de euros de axudas que non terá que devolver”, polo que reclamou que as necesidades de recapitalización sexan cubertas con fondos públicos e “que non se fraccione nin se venda”.

O responsable socialista sinalou que Galicia “pide a gritos menos vanidade e mais acordos entre as forzas políticas”. Lamentou que o presidente da Xunta “siga ríndose e agochando a realidade” aos 2,6 millón de galegos e galegas con conta na entidade e aos afectados polas participacións preferentes e criticoulle que “non escoite e siga solo de vitoria en vitoria ata que non quede nada”.

Comisión de Investigación

O líder dos socialistas galegos acusou ao presidente da Xunta de intentar “tapar a realidade” dunha fusión que segundo a auditoría contratada pola Xunta era plenamente solvente. Explicou que a realidade é que actualmente o 93 por cento de NGB está en poder do Banco de España logo da súa capitalización a través do FROB, mentres tanto Caixa Bank como a Kutxa seguen sendo de titularidade das comunidades autónomas.

Acusoulle de “non querer Comisión de Investigación” porque “o primeiro que hai que investigar” é a foto de Feijóo cos responsables das entidades na sinatura da fusión. Lembrou que mentres a auditoría sinalaba que a fusión sería solvente, a realidade é que remata baixo titularidade do Banco de España.

Onde a auditoría dicía que a caixa resultante daría beneficios nun ano cunha capitalización de 1.190 millóns de euros, agora resulta que precisa de outros 4.500 millóns de euros, elevando o montante total a 7.600 millóns de euros.

Criticou que os responsables da entidade vaian comparecer no Congreso mentres o PP mantén a súa presenza vetada na Cámara autonómica e chamou a “dirimir as responsabilidades de cada quen neste proceso” e “saber qué vai pasar con NGB, coa Fundación de NGB e coa súa obra social”. Dixo que “é o momento de actuar con responsabilidade esixindo responsabilidades e de saber qué é o que vai facer vostede”.

Advertiu que o presidente da Xunta “siga sacando peito e continúa falando dos supostos bandazos do goberno socialista mentres Rajoy está a tumbos co sistema financeiro e afundindo a credibilidade deste país”. Instou a Feijóo a que “deixe de vivir nun mundo de fantasía, baixe á realidade e recoñeza que temos intervido o banco galego”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar