Pachi Vázquez propón un Pacto polo Monte e contra o Lume para xerar emprego, aproveitar o potencial forestal e fixar poboación no rural

Pachi Vázquez propón un Pacto polo Monte e contra o Lume para xerar emprego, aproveitar o potencial forestal e fixar poboación no rural

Pachi Vázquez propón un Pacto polo Monte e contra o Lume para xerar emprego, aproveitar o potencial forestal e fixar poboación no rural

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, nun acto no Parlamento de Galicia co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, presentou sendos documentos para aproveitar o potencial forestal de Galicia, para crear emprego, para fixar poboación no medio rural e para conseguir que os lumes forestais deixen de ser unha das nosas principais preocupacións cada verán

Pachi Vázquez considera que é preciso retirar o texto da Lei de Montes, a debate no Parlamento, xa que só un gran acordo entre as forzas políticas pode propiciar o comezo dunha nova política que estableza o reequilibrio territorial que tanto se necesita en Galicia

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, ven de presentar, nun acto celebrado no Parlamento de Galicia a Declaración Institucional co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente e que os socialistas galegos centran na promoción dun gran Acordo polo Monte Galego e unha Proposta contra os lumes forestais.

Xunto a Pachi Vázquez compareceron os e as responsables da Executiva e do Grupo Parlamentario socialista de Agricultura e Medio Ambiente, así como representantes municipais desta área das grandes cidades e vilas de Galicia.

O monte galego representa máis do 67% da nosa superficie. Temos máis de 2 millóns de hectáreas de superficie forestal, dos que 1,4 Ha. son de superficie arborada. Galicia é a comunidade coa maior produción madeireira de España. Practicamente, a metade de toda a madeira que se produce en España é galega.

Todo isto representa, para os socialistas galegos, un potencial de extraordinario valor, conformando un patrimonio económico, medioambiental e social estratéxico para o desenvolvemento sostible de Galicia. Sen embargo, preto de 1 millón de hectáreas deste monte atópanse en estado de abandono.

Son múltiples as causas que provocan esta situación, pero cómpre destacar dúas: O minifundio, con máis de 600.000 propietarios, e o regulamento inadecuado das figuras societarias.

“É preciso mudar esta tendencia”, aseverou Vázquez. Para o PSdeG-PSOE cómpre implantar un novo modelo lexislativo e económico que permita aproveitar esta riqueza e facer máis rendible e sostible a súa explotación.

Pachi Vázquez afirmou que “só un gran acordo entre as forzas políticas pode propiciar o comezo dunha nova política para o medio rural que permaneza no tempo e estableza o reequilibrio territorial que tanto se necesita en Galicia”.

Este acordo impulsado polo dirixente socialista pivota sobre os seguintes eixos: Considerar o monte galego como unha acción estratéxica de Goberno, que contemple a valorización integral e o aproveitamento multifuncional do monte. A creación de emprego vinculado á agricultura, á gandería e á explotación forestal. Dotar de recursos económicos e de financiamento ao sector. Unha nova fiscalidade e modificación da lexislación estatal para que contribúan á agrupación de propiedades.

Para os socialistas é prioritario retirar o actual texto da Lei de Montes. Pachi Vázquez aposta por unha lei que “permita unha xestión forestal que aproveite todas as potencialidades do monte, redefinindo a estratexia forestal de Galicia como instrumento de planificación a longo prazo” que debe promover a valorización dos productos forestais en base á transformación das producións que xeren valor engadido, fomentar a utilización de frondosas, caducifolias e autóctonas, promover as agrupacións de propietarios forestais e fomentar o investimento en I+D+i neste sector.

LOITA CONTRA O LUME

Para o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE “ningún país pode soportar un promedio de 10.000 incendios forestais ano a ano, sen facer unha profunda reflexión sobre as causas e as actuacións a desenvolver para solucionalo”.

Por esta razón, Pachi Vázquez presentou hoxe, no nome dos socialistas galegos, unha Proposta contra os lumes forestais, consistente en “converter a loita contra o lume nunha loita de país”, adoptando as seguintes medidas:

Reforzar as medidas de prevención, optimizando a execución dos fondos europeos a través das liñas de axuda e das medidas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia. Avanzar na ordenación do territorio creando unha estrutura territorial resistente fronte ao lume: promovendo espazos agrogandeiros e implicando ás empresas concesionarias de explotacións nas tarefas de limpeza e prevención. Avanzar na dotación dun dispositivo de extinción profesionalizado e permanente ao longo de todo o ano. Apostar pola disuasión, concienciación e transparencia informativa o polo planeamento preventivo fronte aos incendios forestais. E, finalemmente, reforzar os mecanismos de cooperación entre a Xunta e os corpos e forzas de seguridade do Estado.

Todas estas medidas, conforman “un conxunto de accións que nós cremos fundamentais para aproveitar o potencial forestal de Galicia, para crear emprego, para fixar poboación no medio rural e para conseguir que os lumes forestais deixen de ser unha das nosas principais preocupacións cada verán”, afirmou o máximo dirixente dos socialista galegos.

Acordo polo Monte Galego

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar