Pachi Vázquez propón un pacto de país polo crecemento baseado na creación de emprego, facer fluír o crédito e apio ao investimento

Pachi Vázquez propón un pacto de país polo crecemento baseado na creación de emprego, facer fluír o crédito e apio ao investimento

Pachi Vázquez propón un pacto de país polo crecemento baseado na creación de emprego, facer fluír o crédito e apio ao investimento

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE foi o convidado dos almorzos da Tribuna Galicia do Foro da Nova Economía

Describiu a situación de Galicia como a de cinco anos batendo récords negativos: en paro, en crédito, de destrución de dereitos sociais, peche de empresas, abandono do pequeno comercio e autónomos, grandes empreas en serias dificultades.

"Non podemos seguir consolidando un país cuxas principais liñas defensivas seguen sendo a pensión dos nosos maiores e a emigración dos mozos mellor formados".

"O pasado ano reduciuse o crédito a familias e empresas en case 10.000M€. Só queda unha solución, que unha parte dos fondos públicos recibidos para sanear o sistema financeiro reverta directamente nas emresas e familias como créditos".

"Só o ano pasado a Xunta reduciu 8.000 funcionarios, médicos, profesores e traballadores sociais. Pero mantense 89 organismos autónomos da Xunta con 167 directivos. En Galicia quedan 270 organismos entre a administración local e autonómica".

"A redución do gasto da dereita é sempre a costa de trasladalo ás familias e ás empresas e de paralizar os investimentos estratéxicos, tanto en obra como en universidades, investigacón e innovación".

"Coa caída do noso sistema financeiro, caen ou tambalean sectores estratéxicos como as enerxías renovables e no acaba de chegar nada das novas inversións prometidas para o naval, a implantación da Mitsubishi, acuicultura, etc. Temos 67.000 persoas menos na Industria que no 2008".

"Riadas de mozos fan as maletas. 25.000 licenciados no paro, un de cada dous mozos galegos está no paro".

"A redución de becas, o incremento das taxas, o copago de comedores escolares incrementa o desequilibrio social. Un control de déficit sen control da estabilidade social, acabará nunha catástrofe social".

"Propoño superar a austeridade suicida e activar o crecemento económico".

"Activando un Plan de emprego, sobre todo para a mocidade: Cunha moratoria dos despedimentos por causas económicas. Mediante bonificacións do 100%, 75% e 50% das cotizacións en 3 anos para a contratación de mozos de menos de 30 anos" e 25.ooo becas contrato.

DISCURSO ÍNTEGRO DE PACHI VÁZQUEZ NO FORO DA NOVA ECONOMÍA

Desexo resaltar o extraordinario traballo que leva desenvolvendo Antolín dende hai nove anos no Parlamento Europeo.

O seu labor en Bruxelas e Estrasburgo vai moito máis alá das funcións que comparte co resto dos 753 deputados e deputadas da Eurocámara, pois é un dos principais defensores dos intereses de Galicia na Unión Europea.

Cuestións esenciais para Galicia como os sectores pesqueiro e agrogandeiro, ou os fondos europeos rexionais, están permanentemente na súa axenda de traballo coas autoridades europeas.

Grazas por poder compartir con todos vostedes unhas reflexións que nos deberían axudar a trazar o noso futuro como país e como sociedade.

Cinco anos. Levamos cinco anos nos que o noso entorno social, empresarial e político se está desmoronando nunha caída vertixinosa de todos os elementos que nos vertebran como sociedade.

Cinco anos batendo consecutivamente, ano tras ano, récords negativos: en paro, en crédito, en destrución de dereitos sociais, en peche de empresas, en abandono do pequeno comercio, de autónomos; grandes empresas simbólicas en tremendas dificultades, pero o máis grave de todo, probablemente, é que todo isto está sucedendo cunha gran resignación de gobernos e cidadáns.

Escoitamos machaconamente: “Non queda máis remedio que facelo...”

Pero realmente non hai outro camiño?

Temos que asumir dunha vez que é necesario plantexar outro camiño.

¿Acaso podemos recuperarnos como país sen un sistema financeiro que abra crédito e financiación para un novo modelo económico?

Unha vez que estoupou a burbulla inmobiliaria arrastrando toda unha economía especulativa, ¿estamos sentando en Galicia as bases para un cambio de modelo económico cara a unha economía produtiva e competitiva baseada no valor engadido?

¿Podemos apostar por sectores estratéxicos que, baseados na investigación e innovación, abran novos nichos económicos e de emprego?

“Ou imos seguir consolidando un país onde as principais liñas defensivas da nosa subsistencia, seguen sendo as pensións dos nosos maiores e a emigración dos nosos mozos mellor formados”.

¿Pode un país vivir con un de cada dous mozos no paro?, ¿con 25.000 mozos no paro?

“É necesario definir dunha vez onde temos que aforrar e onde temos que investir”.
É necesario plantexarlle ao goberno galego que esta actitude non da máis de si:

• Caída demográfica alarmante
• Envellecemento
• Perdemos demasiado tempo en análise cando a ecuación é fácil: estamos facendo un país no que os mozos cada vez teñen menos sitio; se non hai traballo, se non hai vontade de cambiar o modelo económico para abrir novas oportunidades, ¿cómo se van a quedar en Galicia?

A Galicia que necesitamos non se constrúe con publicidade e propaganda, ocupando o 80% dos telexornais, nin con demagoxias populistas:

Se constrúe:

• Apoiando á pequena e mediana empresa, con financiamento e crédito a cambio da consolidación ou creación de emprego.
• Canalizando os recursos públicos cara a organismos que teñen por principal obxectivo financiar novas empresas dun novo modelo económico competitivo.
• Reducindo os gastos innecesarios dunha parte das administracións, claramente ineficientes, e canalizando recursos cara ao crecemento económico.

Cando falamos de reducir a administración ¡coidado!:

• ¿Qué se reduciu nos concellos?: os traballadores sociais, fundamentalmente.
• ¿Qué se reduciu na Xunta?: médicos, profesores, traballadores sociais.

Só no pasado ano, 8.000.

Mentres seguen abertas as Deputacións e a administración paralela: chiringuitos.

E despedimos aos traballadores sociais que dan axuda a domicilio.

Fixemos un estudio no que en Galicia temos 270 organismos autónomos. Só 89 son da Xunta, e contan con 167 directivos, ademais doutras 120 persoas como persoal de gabinetes.

¿É lóxico pechar escolas e centros de saúde, e manter o palacete da Xunta en Madrid?

Ata onde podemos seguir paralizando a obra pública das infraestruturas estratéxicas de Galicia para facer un país competitivo?

Disto é do que quero falar.

¿A onde estamos chegando con estas receitas da dereita europea?: xa o estamos vendo:

• 6.200.00 parados
• Incremento do paro para o 2014
• Redución de saúde
• Redución de educación
• Redución das becas
• Redución das pensións
• Incremento do período de cotización

¿Ata onde pode resistir un país, como Galicia ou como España?

Permítanme que dentro da inmensa cantidade de problemas que nos atenazan intente definir un orde para plantexar un camiño cara á esperanza e ao futuro.

SISTEMA FINANCEIRO

• O Sistema Financeiro Galego, que abastecía de crédito a un de cada dous cidadáns en Galicia, non só deixa de ser o sostén dunha obra social e cultural, senón que se destapa unha gran estafa na que milleiros de cidadáns quedaron atrapados cos seus aforros bloqueados.
• Pasámonos escoitando os dous primeiros anos da anterior lexislatura que cando se fusionasen as dúas caixas, teríamos a 5ª Caixa máis potente de España, que habería beneficios dende o segundo ano, que todo estaba garantido nunha auditoría “due diligence”, que custara 1.100.000 euros, e se nos vendeu a todos que non había outro camiño máis ca ese.

A realidade vemos que foi moi outra:

Destápase unha situación imposible que en vez dos 1.060 millóns de euros que dicía a auditoría de KPMG, fan necesarios 10.000 millóns de euros de diñeiro público, moito máis que toda a débeda pública de Galicia.

Máis de 80.000 cidadáns atrapados en “preferentes e débeda subordinada”, peche de centos de oficinas, despido de milleiros de traballadores, a sinatura dun memorándum por parte do Goberno de España que impide pagar aos estafados, xubilacións millonarias de altos cargos e o máis importante, a pesar do uso de 10.000 millóns de euros de diñeiro público, non hai crédito nin para as familias nin para as pequenas e medianas empresas de Galicia.

Só o pasado ano reduciuse o crédito a familias e empresas galegas en case 10.000 millóns de euros.

Estamos en desvantaxe con Cataluña e Euskadi: eles salvaron La Caixa e as Kutxas. Nós non salvamos as nosas Caixas.

Ante isto só queda unha solución: Que unha parte dos fondos públicos recibidos para sanear o noso sistema financeiro reverta directamente nas empresas e familias como créditos.

SERVIZOS PÚBLICOS

Mentres sucede todo isto se desata unha carreira dos sectores máis conservadores contra os dereitos básicos fundamentais, sanidade e educación públicas, así como as políticas sociais.

Vaise instalando un estado de opinión jaleado polos sectores máis conservadores contra todo o que leve a palabra público:

Pouco importa que a Sanidade pública en España, estea nun 6,7% do PIB de custe, ou que a educación pública coa investigación e a innovación sexan a única saída do túnel económico no que entramos co estoupido da burbulla inmobiliaria.

Curiosamente cando a suma da débeda pública e privada de España roza os 4 billóns das antigas pesetas, sendo a pública do entorno dos 900.000 millóns, decidimos que o que é insostible é a educación, a sanidade e as políticas sociais.

A dereita en toda España e con maior vehemencia en Galicia, comeza a chamada austeridade para o control do déficit, dunha forma moi curiosa:

• Feijóo en Galicia en catro anos:

-Reduce o gasto sanitario, en educación, dependencia e área social en 3.000 millóns de euros.

-E lle damos ás Caixas 10.000 millóns de diñeiro público, iso si, coa condición de que non lle pagan aos que estafaron.

“Como non vai a estar a xente indignada”

Esas frases eufemísticas do Presidente e do goberno: “Hemos ahorrado 11 millones cada mes en gasto farmacéutico”, quere dicir que deixou de pagar eses millóns o goberno galego, e agora o pagan os pensionistas, os enfermos, os alumnos, as familias.

A redución do gasto ten dúas características fundamentais:

• Sempre é a costa de trasladar o gasto a familias e empresas
• Paraliza os investimentos estratéxicos tanto en obra como en universidades, investigación e innovación.

A nosa economía vai adelgazando á par que os nosos dereitos sociais, e o único que crece en Galicia de maneira espectacular é a nosa débeda pública que rolda xa os 9.500 millóns de euros.

TECIDO INDUSTRIAL

Cáese o noso sistema financeiro, caen ou tambalean sectores estratéxicos como as enerxías renovables, Gamesa, T-Solar, Pescanova, Caramelo, Fábrica de Armas, Privilege, e non acaba de chegar nada das novas inversións prometidas unha e mil veces no naval, Mitsubitshi, acuicultura, etc.

Hoxe temos 67.000 persoas ocupadas menos na industria que no 2008.

Se perderon o 30% dos empregos industriais que había ao inicio da crise.

Hai máis incertidume que nunca con respecto ao noso tecido industrial e aos nosos sectores estratéxicos.

MOCIDADE EMIGRANTE

O paradigma de Galicia non é só a zozobra dos nosos buques – insignia da industria, senón que mentres tanto as multinacionais se estean levando á nosa mocidade mellor preparada, e só ofrecen estragar os nosos recursos, como sucede coas novas explotacións mineiras a ceo aberto.

Riadas de mozos e mozas fan as maletas, 25.000 licenciados no paro, un de cada dous mozos galegos está no paro.

Pero o peor é, (permítanme que faga énfase nos datos de paro de maio de Galicia), que se nos venderon como tremendamente positivos: “descende o paro rexistrado en 6.500 persoas, e aumenta a afiliación á Seguridade Social en 3.200 ¿Onde están os outros 3.300 que faltan?

CIDADÁNS DE PRIMEIRA E SEGUNDA CLASE

A redución das becas (uns 1.800 estudantes galegos quedaron este ano sen beca, e o próximo serán máis); o incremento das taxas universitarias, o copago dos comedores escolares nos nosos colexios fai pensar cada vez máis nunha sociedade dual, se non o remediamos.

¿Pero cómo?:

“A estabilidade orzamentaria ten que ir acompañada dunha estabilidade social”.

ACTUACIÓNS

Temos que acabar coa mentira do déficit como fórmula que o cura todo. É máis, todo apunta a que como está sucedendo noutros países, un control do déficit sen control da estabilidade social, acabará nunha catástrofe social.

Hai que afrontar a realidade e despexar incógnitas:

• Cal é o noso futuro como sistema financeiro que nos axude a acceder ao crédito?
• Cal é a nosa estratexia e os nosos recursos reais nos sectores claves da nosa economía:

Naval
Eólico
Lácteo
Forestal
Pedra, etc.

• Onde poñemos a liña para garantir aos nosos cidadáns unha sanidade e unha educación públicas que nos permita ver con solvencia o noso futuro?
PROPOÑO UN

ACORDO PARA GAÑAR GALICIA:
EMPREGO+CRÉDITO+INVERSIÓN=CRECEMENTO

Un acordo baseado en TRES RAZÓNS:

• A austeridade extrema fracasou en Galicia. Só xerou máis paro, mais recesión, máis desigualdade e máis descontento social.

O RESULTADO É: aumentan os parados e aumentan os máis ricos.

É necesario impulsar un xiro que combine unha austeridade racional con políticas de crecemento e emprego.

• Galicia está nunha situación de emerxencia. Necesitamos que ese xiro se produza xa e empece a dar resultados inmediatos.

• Fai falla o respaldo de todos ou a maioría dos grupos parlamentarios para defender mellor ese xiro, no que está a clave para mellorar a nosa situación.

TRES OBXECTIVOS PARA UNHA PRIORIDADE

• Activar un Plan de emprego, sobre todo para os mozos.

PROPOSTAS CONCRETAS:

• Unha moratoria dos despedimentos, por causas económicas, durante 2013, 2014 e 2015, apoiada nun Programa especial de mantemento do emprego con axudas ás empresas en dificultades que se comprometan a non despedir aos seus traballadores e opten por unha redución de xornada.

• Bonificacións extraordinarias durante 3 años do 100% das cotizacións sociais o primeiro ano, o 75% o segundo e o 50% o terceiro para as medianas e empresas que contraten mozos menores de 30 anos.

• 25.000 Becas/contratos de 500 euros mensuais para os mozos e mozas menores de 30 anos, co obxectivo de incorporalos ao tecido produtivo nos próximos catro anos.

Neste punto, apoiamos a proposta socialista de que o gasto dedicado ao Plan de Emprego Xuvenil non compute como déficit.

• Segundo obxectivo: Obter financiamento para as PEMES, instando ás institucións europeas, especialmente ao BCE e ao BEI, así como ás entidades financeiras galegas e ao Igape, a que faciliten que lles chegue o crédito.

• Avanzar cara unha auténtica unión económica e monetaria que supere os desequilibrios actuais e por en marcha unha unión bancaria rompendo o círculo vicioso entre débeda bancaria e débeda soberana mediante a recapitalización directa dos bancos.

Aquí incluímos a petición da posta en marcha de medidas firmes e urxentes para combater o fraude e a evasión fiscal, garantir a equidade e a eficiencia dos sistemas fiscais.

En definitiva, superar a austeridade suicida e activar o crecemento económico.

Esa é a prioridade.

Hai xa algúns anos, o escritor Manuel Rivas definiu a Galicia como un “bonsái atlántico”. Era o xeito de denunciar que Galicia era unha magnífica árbore á que non se lle deixaba crecer.

Hoxe en día, sen embargo, Galicia ten máis paralelismo con outra metáfora. Unha metáfora contida no Limiar de Longa Noite de Pedra, de Celso Emilio Ferreiro:

Sen a seiva nutricia
esmorecen as gallas.
Arbre antigo, Galicia,
fendérono as machadas.

Algunhas citas literarias son a veces o mellor exemplo para explicar a realidade dun país:

En Galicia falta savia nutriente e sobran machadas.
A xestión da crise que se está facendo dende a Xunta, coloca a Galicia nunha situación de evidente debilidade, na que o resultado é o desmantelamento da nosa estrutura socioeconómica.

Para recuperala non queda máis camiño que impulsar o crecemento.

E para isto os socialistas galegos estamos totalmente dispostos.

Moitas grazas.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar