Pachi Vázquez propón un Observatorio de Prezos que garanta un mínimo para o leite

Pachi Vázquez propón un Observatorio de Prezos que garanta un mínimo para o leite

Pachi Vázquez propón un Observatorio de Prezos que garanta un mínimo para o leite

O candidato socialista á Xunta de Galicia, Pachi Vázquez, propuxo hoxe impulsar “un observatorio de prezos que garanta un prezo mínimo de venta” do leite e “implantar os contratos homologados de forma consensuada e con seguimento do cumprimento” dos mesmos. Así o dixo hoxe na visita a Vilalba e A Pastoriza, onde mantivo un encontro con representantes do sector.

Pachi Vázquez propuxo unha nova fiscalidade para as terras abandonadas ou improdutivas potenciando o Banco de Terras en Galicia e unha nova Lei de Montes. O dirixente socialista avanzou hoxe en Vilalba e A Pastoriza as propostas socialistas relacionadas co sector agrogandeiro galego, e advertiu que o sector lacteo galego “non pode estar abandonado da man de Deus”.

Neste acto estiveron presentes o Presidente da Deputacion de Lugo, Jose Ramon Gomez Besteiro, a Secretaria de Medio Rural da CENG, Ana Doval, o Alcalde de A Pastoriza, Primitivo Iglesias e o Alcalde de Pol, Lino Rodriguez, ademais doutros cargos socialistas.

Nun encontro con gandeiros, Vázquez reclamou sentarse a negociar co sector lácteo galego “para negociar os prezos coa industria e a distribución” e perseguir “a utilización do leite como reclamo”. Chamou a “sentarse a escoitalos pero sen enganar a ninguén”.

Situación intolerable

Pachi Vázquez advertiu hoxe que a suba do IVE “está agudizando a crise” do sector agrogandeiro, que “xa era intolerable polo elevado custe da produción e os baixos prezos do leite”. Dixo que este sector engloba a 11.400 explotacións leiteiras, 500.000 persoas e o 30 por cento dos concellos do rural en toda Galicia, que hoxe teñen que vender o leite a 0,26 euros mentres un quilogramo de penso pode custar 0,41 euros.

Engadiu que as explotacións leiteiras, malia constituír “o grupo mais dinámico da nosa agricultura”, teñen que enfrontarse ás “prácticas abusivas das áreas comerciais que especulan cos prezos do leite á baixa, á reforma da PAC, á liberalización da produción, a alza do 40 por cento dos custes de produción e á desaparición das cotas lácteas no horizonte de 2015”.

O candidato socialista dixo que “se somos os primeiros produtores de leite e os primeiros produtores de madeira, temos que desenvolver un sistema industrial innovador, acorde con estes recursos”. Dixo que “estes sectores son estratéxicos para Galicia e para o mantemento do mundo rural, que esmorece a pasos axigantados” e apostou por “parar xa este abandono e despoboamento”.

Preguntouse “cómo é posible que a nosa Comunidade, que é a maior produtora de leite en España, teña os prezos mais baixos”. E ademais criticou que na maioría dos colexios de Galicia “non se consume leite de Galicia”. Por ultimo aseverou que este sector “é clave no desenrolo” deste pais.

No que atinxe ao sector forestal, demanda “a ordenación da propiedade priorizando as medidas preventivas”. A maiores reclamou liñas de préstamo ou créditos específicos para o sector agrogandeiro, a través do IGAPE.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar