Pachi Vázquez propón un goberno "forte e de progreso que saia da crise preservando a educación, a sanidade e os dereitos"

Pachi Vázquez propón un goberno "forte e de progreso que saia da crise preservando a educación, a sanidade e os dereitos"

Pachi Vázquez propón un goberno "forte e de progreso que saia da crise preservando a educación, a sanidade e os dereitos"

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, presentou aos 95 candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE co obxectivo de “presidir un goberno de progreso, un goberno forte, cunha maioría clara para a saída xusta da crise preservando a educación, a sanidade e os dereitos de todos e todas”.

Así o dixo no acto cos candidatos socialistas no parque de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, no que presentou “un goberno de progreso cunha clara maioría para facer realidade os soños dos galegos e galegas e acabar co pesadelo dunha dereita que fixo culpables ás vítimas da crise”.

Vázquez presidiu este acto no que presentou o lema de precampaña “Galicia quere, Galicia pode” e ofreceu aos galegos e galegas “cambiar o sufrimento por crecemento” económico sempre “preservando a educación, a sanidade e os dereitos dos galegos e galegas”.

O candidato do PSdeG-PSOE presentouse disposto a encabezar o “equipo do socialismo galego para que Galicia cambie” a un goberno “progresista, de esquerda e galeguista” grazas aos 49 homes e 46 mulleres que concorrerán as eleccións autonómicas. Dixo que o equipo socialista preséntase “con humildade, franqueza, seguridade e confianza para ofrecer un proxecto e ideas para sacar adiante este país”.

Pachi Vázquez retratou a situación difícil dos principais sectores económicos e industriais de Galicia e ofreceu un “modelo de Galicia alegre, innovadora, competitiva, formada, optimista para a que os dereitos sociais son o primeiro”. Lembrou a proposta de suprimir o copago aos pensionistas ou a anulación dos convenios cos colexios que segregan por sexo.

Anunciou que un goberno socialista “non fará un só despido en sanidade ou no persoal docente” para manter a calidade dos servizos públicos, aprobará un plan de emprego xuvenil para garantir a contratación de 25.000 mozos e mozas, e dixo que “un país cun 50 por cento de paro xuvenil escribe a súa sentenza de morte”, e comprometeuse a recuperar a gratuidade dos libros de texto.

Bastión

Pachi Vázquez dixo hoxe que Galicia será “o bastión ara frear a unha dereita insensible” e os recortes que representan “Rajoy e o seu corresponsal en Galicia Núñez Feijóo”. Apuntou que “nunca Galicia foi tan decisiva, unhas eleccións galegas tiveron tanta importancia nin nunca tanta xente estivo mirando para os galegos e galegas” porque, dixo “Galicia é decisiva” para “facer valer a nosa forza e dicir basta”.

Engadiu que “temos a oportunidade de expresarnos fronte á dereita, e a mellor expresión de vontade política é ir ás urnas” para dicirlle a Feijóo e Rajoy que “non queremos nin mais enganos nin mais sufrimento”. Advertiu que a “axenda oculta” do PP consiste en “ir polas pensións e as prestacións de desemprego dos galegos e das galegas, destrozar a sanidade e minorar a educación pública”.

O candidato socialista ofreceu “un goberno para defender a Galicia e non para bailarlle a auga a Rajoy”. Presentou un modelo de esquerda que garanta “a educación, a sanidade e a dependencia”, que defenda un sistema financeiro propio, que garanta o crédito e “devolverlle os cartos aos 43.000 galegos e galegas estafados pola fraude das preferentes e subordinadas”.

Pachi Vázquez defendeu “unha Galicia que crea en si mesma e non se poña de xeonllos” e advertiu que “poñeremos pé en parede para defender o noso autogoberno, o respecto á nosa lingua e a cultura galegas”. Anunciou o “rexeitamento frontal a quen teña a intención de minorar o noso autogoberno e diminuír as nosas competencias”.

Manifestación

O candidato socialista veu á dereita “obsesionada cuns recortes que xeran mais paro e recesión” e o obxectivo de “aproveitar a crise para levar por diante os dereitos e as posibilidades de sacar adiante ao país”. Lembrou así aos “centos de milleiros de cidadáns e cidadás” que hoxe estanse manifestando en Madrid “en defensa do Estado do Benestar” e dicirlle a Rajoy e Feijóo que “xa está ben”.

Dixo que estes cidadáns queren “frear a quen quere cambiar o país a base de recortes e mentiras”, e representan aos 276.000 galegos e galegas que están no paro, aos mais de 51.000 mozos e mozas de Galicia sen traballo, ás mais de 131.000 mulleres galegas que perderon o seu posto de traballo, aos mais de 750.000 pensionistas que teñen que pagar as súas mediciñas.

Tamén representan, engadiu, ás “ducias de miles de familias que non poden pagar o custe da educación dos seus fillos” ou aos “traballadores do naval, do sector agrogandeiro, do sector eólico, do sector público, da sanidade, da educación e da dependencia e aos milleiros de empresarios e autónomos” que tiveron que pechar os seus negocios.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar