Pachi Vázquez propón investir 60 millóns anuais para a inserción laboral de 25.000 mozos e mozas

Pachi Vázquez propón investir 60 millóns anuais para a inserción laboral de 25.000 mozos e mozas

Pachi Vázquez propón investir 60 millóns anuais para a inserción laboral de 25.000 mozos e mozas

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, anunciou un investimento
mínimo de 60 millóns de euros ao ano para acadar a inserción laboral de 25.000
mozos e mozas menores de 30 anos. Así o dixo logo dunha xuntanza de traballo
coas delegacións de UGT e CC.OO., encabezadas polos seus secretarios xerais, José
Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, respectivamente.

O responsable socialista explicou que o emprego centrará as principais accións dun goberno
socialista logo das eleccións autonómicas do 21 de outubro “dende o diálogo
social e o compromiso cos mais desfavorecidos, que son os homes e mulleres
desempregados”. Os socialistas galegos abordaron hoxe cos sindicatos as
fórmulas para aplicar a nova política de inserción laboral para mozos e mozas.
Explicou que este novo plan de emprego estará constituído con fondos procedentes dunha nova
fiscalidade á banca, ás grandes fortunas, grandes superficies comerciais,
empresas contaminantes e da loita contra a fraude fiscal. Advertiu que “non me
vai tremer a man” para aplicar esta nova fiscalidade mentres o PP de Feijóo
aplícalle o custe da crise “a pensionistas, parados, enfermos e estudantes”.
Dixo que actualmente hai 50.000 parados e paradas xóvenes, 25.000 deles titulados, polo
que advertiu que Galicia “será un país morto” de non ser quen de ofrecer “un
posto de traballo, un posto de inserción laboral ou unha axuda para contratar a
un de cada dous mozos” e “cambiamos o modelo produtivo para comezar a mover a
roda da economía galega”.

Pachi Vázquez criticou os datos do paro coñecidos onte, xa que, dixo, “o presidente da Xunta
aínda non explicou cántos parados e paradas están agochados detrás da clave
S-698” pola que os parados en formación non computan nas listas de demandantes
de emprego. Lembrou que o paro medrou en Galicia un 70 por cento dende que
chegou Feijóo, máis que no resto do Estado, onde medrou un 42 por cento.

Baluarte

O líder dos socialistas galegos dixo hoxe que as eleccións galegas constituirán un
referéndum para as políticas de Rajoy e “o baluarte para dicirlle a España que
a política de Rajoy e de Feijóo non vale” e que “non lles imos permitir meter a
man na hucha das pensións”. Instou a frear en Galicia as políticas do PP porque
“sabemos que veñen polas nosas pensións”.
Así o dixo logo de confirmarse hoxe que Rajoy utilizou os fondos de previsións das mutuas para
financiar as pensións no verán e, explicou, “leváronse 4.400 millóns de euros”
dun fondo que conta cun total de 4.600. Criticou que teña optado por acudir a
este fondo “en lugar de aplicar un modelo de economía produtiva”.
Criticou que Rajoy e Feijóo teñan escollido “o camiño mais fácil” de ir “a por quen menos
ten” en lugar de aplicar unha nova fiscalidade ás grandes fortunas.
Advertiulles que “sabemos que veñen polas pensións e que queren pasar unha
barreira que pensamos que nunca ían superar” aplicando unha política neoliberal
que “só vai crear mais paro, recesión e crise”.

Advertiu que “saberemos as contas de Galicia ao pasar as eleccións” e criticou a “enxeñería”
aplicada por Feijóo para agochar as cifras adiantando o peche do exercicio
contable a 30 de setembro, co que “o 25 por cento das facturas da Xunta son
directamente rexeitadas”. Dixo que esta estratexia é a mesma coa que agochou o
informe de KPMG sobre a viabilidade da fusión das caixas ou as cifras do paro.
En resposta a preguntas dos xornalistas, Pachi Vázquez advertiu que Feijóo tamén ten agochado
o suposto contrato coa empresa mexicana Pemex para supostamente construír
varios buques nos estaleiros galegos. Así o dixo logo de que onte o presidente
do comité de empresa de Navantia en Ferrol anunciara que a petroleira mexicana
contratou con Corea dous dos buques anunciados por Feijóo.

 

 

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar