Pachi Vázquez presenta un proxecto renovado para o rexurdimento económico, social, cultural e identitario de Galicia

Pachi Vázquez presenta un proxecto renovado para o rexurdimento económico, social, cultural e identitario de Galicia

Pachi Vázquez presenta un proxecto renovado para o rexurdimento económico, social, cultural e identitario de Galicia

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, anunciou a liña de traballo que os socialistas galegos están a desenvolver para a elaboración dun proxecto renovado, que terá a Galicia como prioridade, e que busca o “rexurdimento económico, social, cultural e identitario de Galicia” tras tres anos de goberno nefasto do PP.

“Galicia, a nosa tarefa” será o lema do XII Congreso do PSdeG, que se desenvolverá no mes de marzo, e que segundo explicou Vázquez, “non é un congreso máis, senón un punto de inflexión”.

Por elo, tras reunirse cos ponentes dos 19 grupos de traballo que elaborarán as propostas principais do documento base do congreso, subliñou a importancia de que este documento constitúa un proxecto, “no que a nosa tarefa principal sexa demostrar que é posible facer unha Galicia distinta”.

“A prioridade do PSdeG é Galicia”, sentenciou, “serlle útiles ao noso país e defender aos galegos e galegas buscando unha saída da crise sen perder os dereitos conseguidos, ademais de ser máis fortes como partido para facer máis forte a Galicia”, aseverou.

“Os problemas de Galicia, despois de tres anos de goberno da dereita, están claros, e as solucións son as que temos que aportar nos”, apuntou, tendo como obxectivo principal “a reactivación económica e a creación do emprego, mantendo o carácter público, universal e gratuíto dos servizos básicos”.

“Vamos a facelo percorrendo o noso país de punta a punta, falando con militantes, simpatizantes, empresarios, sindicatos e colectivos sociais, culturais e veciñais, para recoller as súas aportacións”, adiantou.
“A escoita activa é o elemento clave, que ten que servir ademais para fortalecer o noso partido”, sinalou, polo que tamén anunciou que estas propostas se recollerán a través da web www.galiciatarefa.com.

Considerou así “indispensable” a implicación de toda a sociedade galega, a fin de elaborar un proxecto que será “o noso guión para sacar adiante este país e para afrontar as eleccións autonómicas”.

Recuperar a confianza

Por elo sinalou como obxectivo do PSdeG “recuperar a confianza dos cidadáns para acadar o cambio político que precisamos neste país”.

Lembrou que Galicia está inmersa na “peor crise dos últimos tempos”. “Por elo son necesarias e urxentes medidas que reactiven a economía e a creación do emprego, blindando a sanidade e educación públicas”, subliñou.

Destacou que “o proxecto para o cambio en Galicia implica unha nova política económica coa que nos comprometemos firmemente, que ten que compaxinar o control do gasto co financiamento e o apoio a sectores estratéxicos”.

Avogou así pola “competitividade, emprendemento e innovación” como os “tres piares básicos do modelo económico que propoñemos para Galicia”, xunto a un proxecto “social e vital, que garanta dereitos cívicos e prestacións sociais, e que teña como meta o progreso e a calidade de vida dos cidadáns”.

Rexurdimento de Galicia
“A dereita levounos a un debilitamento da economía, desmantelamento dos servizos públicos, paralización das grandes infraestruturas, anulación do autogoberno e unha significativa perda da identidade”, afirmou. “Por elo é necesario crear un proxecto, o do novo partido socialista, centrado no rexurdimento deste país en todas as ordes: económica, social, cultural e identitaria”, engadiu.

Neste senso, defendeu que o PSdeG é un partido “con vocación de goberno” ademais de “a única forza capaz de concitar a maioría suficiente para propiciar este cambio en Galicia”.

Lembrou que “os socialistas sempre estivemos nos cambios políticos que foron necesarios para Galicia, impulsando dereitos democráticos e civís e temos experiencia en distintos gobernos”.

“A nosa tarefa clara é presentar unha alternativa que saque a Galicia da crise, e dicirlle aos galegos e galegas que hai outra forma de facer as cousas, e que fronte a un PP que non foi quen de sacar adiante ao país nos si temos un proxecto crible para este país”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar