Pachi Vázquez presenta a Ponencia Marco como "o punto de partida para dar a alternativa política a Galicia"

Pachi Vázquez presenta a Ponencia Marco como "o punto de partida para dar a alternativa política a Galicia"

Pachi Vázquez presenta a Ponencia Marco como "o punto de partida para dar a alternativa política a Galicia"

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, presentou hoxe a Ponencia Marco, que definiu como “un modelo de partido para facer máis país” e que será “o punto de partida para dar a alternativa para o cambio de goberno en Galicia”. “Os socialistas galegos só podemos ter un obxectivo: estar unidos, fortes e dar unha alternativa política a este país”, proclamou.

“Galicia é a nosa tarefa. O que nos preocupa son os problemas dos galegos e galegas, por iso, neste documento plantexamos 556 propostas para a reactivación económica e a creación de emprego, e outras 390 para blindar os servizos públicos básicos e facer máis eficientes as administracións públicas”, apuntou Vázquez.

Salientou que este documento “ofrece propostas e respostas a cada un dos problemas de Galicia, plantexando alternativas para saír da crise, para crear emprego e para manter a sanidade e a educación públicas”. “Estes son os eixos fundamentais, porque son as prioridades de Galicia, e, polo tanto, son tamén as prioridades dos socialistas galegos”, engadiu.
A Ponencia recolle máis de 2.000 propostas e postulados “que son os cimentos do proxecto colectivo e alternativo do PSdeG para acadar a confianza dos galegos e galegas e propiciar o cambio político en Galicia”, explicou Vázquez.
A estas engadiranse as emendas que presenten as agrupacións locais, ás que xa se lle remitiu este documento a pasada semana.

ECONOMÍA E EMPREGO, AS PRIORIDADES

Vázquez lembrou que Galicia está inmersa “na peor crise que se recorda”, e que todos os datos amosan un empeoramento do emprego, da produción industrial, do financiamento empresarial e familiar, do consumo e doutros factores que contraen o desenvolvemento económico.
“Temos máis de 271.000 homes e mulleres no paro, e a previsión doutros 30.000 máis neste ano, ademais das 25.000 familias nas que non entra nin un só ingreso”, lamentou.

“Isto evidencia que a política económica de Galicia non pode seguir baseándose exclusivamente nos recortes e no control do déficit”, sinalou.

“Nós cremos que se pode saír da crise, pero que hai que facelo doutra maneira”, dixo, “os socialistas temos alternativas para a reactivación económica e a creación de emprego”.

Así, o documento recolle 169 medidas e propostas concretas para a reactivación económica e industrial de Galicia e 52 para crear emprego, con tres puntos clave: “máis competitividade, máis emprendemento e máis innovación”.

MANTEMENTO DOS SERVIZOS PÚBLICOS BÁSICOS
“O proxecto socialista non é só un proxecto de política económica alternativa, senón un proxecto social e vital, que garanta os dereitos cívicos e as prestacións sociais, e teña como meta o progreso de todos os cidadáns”, afirmou Vázquez.

Por elo, considerou “necesario e urxente” incentivar a reactivación económica e a creación de emprego, pero sendo capaces de manter o carácter público, universal e gratuíto dos servizos públicos básicos, en especial, da sanidade, a dependencia e a educación”.

Así, a Ponencia Marco recolle un total de 390 propostas, das cales 96 se centran na sanidade e educación públicas.

Recalcou que son propostas “rotundamente contrarias aos recortes indiscriminados na sanidade, educación, dependencia e servizos sociais; e contrarias á privatización, o copago e a perda de calidade de servizos e prestacións, apostando pola mellora da eficiencia dos servizos mantendo as dotacións orzamentarias necesarias”.

A estas engadiu as 169 propostas para a reforma e máxima eficiencia das Administracións Públicas. En especial, da Administración Local, con 116 propostas; e da administración autonómica, co obxectivo de incrementar a súa eficiencia sen a perda de dereitos dos traballadores e traballadoras.

AUTOGOBERNO, MODELO DE PARTIDO E ALTERNATIVA POLÍTICA
Vázquez tamén defendeu na súa intervención a importancia do posicionamento de Galicia en Europa e no mundo, e salientou que “ter peso en Europa non é un problema senón unha necesidade, incrementar o autogoberno non é un problema senón unha necesidade, e a nosa lingua, o galego, non é un problema senón unha vantaxe”.

Por iso avogou por impulsar unha reforma do Estatuto “que outorgue máis liberdade e máis poder aos galegos e galegas; cun consenso que faga de Galicia máis país”.

Salientou que a Ponencia Marco inclúe 118 propostas neste senso, das cales 21 son de reforzo da Autonomía e Autogoberno, e 90 da promoción da nosa lingua e cultura.

A Ponencia Marco afonda ademais na participación da militancia nos órganos de decisión do partido, así como na apertura á sociedade, plantexando 119 postulados e propostas, “que configuran un modelo de partido socialista e galeguista adaptado ás circunstancias políticas, económicas e sociais actuais”.

Vázquez sinalou que inclúe unha proposta de estatutos con máis de 730 postulados, que buscan “unha organización política moderna, eficiente e forte para liderar o proceso do cambio político en Galicia”.

Así, o proxecto do PSdeG “diríxese á procura do Rexurdimento de Galicia en todas as ordes: económica, social, cultural e identitaria”, resumiu.

Vázquez apuntou que a Ponencia Marco é “o punto de partida para dar unha proposta de alternativa e cambio en Galicia” e defendeu que “este ten que ser o desafío principal do socialismo galego”.

“En Galicia, como en España, o PP empezou a costa abaixo, xa que en só un mes o PP en España perde dous puntos en intención de voto, mentres que en Galicia perde máis”. “Por iso, os socialistas galegos só podemos ter un obxectivo: estar unidos, fortes, e dar unha alternativa política a este país”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar