Pachi Vázquez preguntaralle a Feijóo polo grave deterioro da calidade democrática de Galicia

Pachi Vázquez preguntaralle a Feijóo polo grave deterioro da calidade democrática de Galicia

Pachi Vázquez preguntaralle a Feijóo polo grave deterioro da calidade democrática de Galicia

O presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, utilizará a sesión de control ao presidente no Pleno da próxima semana para denunciar o grave deterioro da calidade democrática que ven sufrindo Galicia coa xestión de Feijóo. Así o anunciou o portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, logo da reunión da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno.

Advertiu que o “clima” xerado en torno ao presidente da Xunta ten afectado negativamente a “o que se chama marca Galicia” en canto á actuación exterior do goberno para reforzar o tecido produtivo galego. Sinalou que as “fotografías impropias, inmorais e indecentes” de Feijóo co seu amigo narcotraficante, sen ter realizado unha explicación axeitada, “menoscaban a imaxe do presidente, do goberno e de Galicia”.

Losada denunciou ademais a “supeditación absoluta” do Parlamento ao servizo dos intereses do Goberno, “menoscabando o seu papel” ao agochar a información e as comparecencias solicitadas pola oposición e utilizalo “estratexicamente a prol do Goberno”.

Como exemplo sinalou a convocatoria das comisións de investigación e de estudo sobre as caixas e a corrupción o mesmo día e á mesma hora, cando hai outras tres comisións e unha Xunta de Portavoces no Parlamento. Acusou ao PP de “correr a cortina de fume para defender os intereses do PP e do goberno galego”.

Engadiu que a calidade democrática vese afectada polo uso “descarado” dos medios públicos de comunicación a prol dos intereses do goberno e do PP, cunha “transferencia directa dos impostos dos galegos para manter estes medios como axencia publicitaria do PP”. Criticou tamén o incumprimento da obriga de transparencia ao rexeitar o PP facer públicos os patrimonios dos altos cargos do goberno e organismos autónomos.

Comparecencias

O responsable socialista criticou que o PP teña rexeitado unha solicitude de comparecencia dos socialistas para que o presidente da Xunta dea conta do fracaso das súas políticas de emprego. Apuntou que Galicia está a incrementar os desempregados o dobre de rápido que o resto do Estado, mentres “a única explicación a que aumente lixeiramente o emprego e diminúan os cotizantes á Seguridade Social é que a poboación marcha de Galicia”.

Tamén criticou que o PP rexeitara unha comparecencia da conselleira de Facenda para dar conta da estratexia de Galicia diante do novo escenario de consolidación fiscal, que permite unha relaxación do obxectivo de déficit. Explicou que ao incrementar o déficit nun 0,5 por cento do PIB Galicia podería contar con 280 millóns de euros adicionais de orzamento.

O Pleno da próxima semana incluirá unha interpelación socialista para alertar do risco elevado de lumes no caso de que no verán haxa unha seca en Galicia mentres “despilfarra fondos na industria de apagar lumes”. Tamén levarán unha proposición non de Lei para denunciar o desleixo da Xunta diante da caída do 12 por cento do emprego nas industrias culturais.

Servizos públicos

O próximo Pleno incluirá tamén unha interpelación socialista sobre a reforma da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva en contra do retorno “de tres décadas” na normativa anunciada polo ministro de Xustiza. Considera “dramático” que España se teña situado de novo á cola de Europa no canto aos dereitos dos cidadáns, especialmente das mulleres, e subliñou que os socialistas “estaremos sempre a favor dos dereitos das mulleres a dispor do seu corpo”.

Finalmente, o Pleno incluirá unha proposición non de Lei en contra da reforma da Lei de Educación impulsada polo goberno central para “volver a unha escola segregada, segmentada, que diferencie entre ricos e pobres”. Sinalou que o PP “empeza con recortes, reforza con leis e acaba con dúas escolas para dous mundos diferentes” entre as familias con posibilidades e as que teñen menos recursos.

Teatro

En resposta ás preguntas dos xornalistas, o portavoz socialista dixo que “non sei si a Rajoy lle falta relato, o que si sei é que a Feijoó lle sobra teatro”, en resposta ás declaracións do presidente da Xunta, que onte aludía á “falla de relato” do goberno central. Dixo que Feijóo é un “actor malo que recorre os escenarios no papel de líder carismático dunha dereita fracasada en España e Galicia”.

Puntualizou que o “relato” de Feijóo é o dunha Galicia na que o desemprego medra o dobre que en España, o tecido produtivo está “voado polos aires” e a industria enfróntase a unha perda de emprego superior á dos anos 80. Mentres, dixo, mantense como “único relator do relato do déficit cero”, mentres mantén unha “imaxe pulverizada pola súa xestión e por unhas fotografías impropias, indecentes e inmorais”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar