Pachi Vázquez preguntará no próximo pleno polo impacto en Galicia dos recortes na sanidade e na educación

Pachi Vázquez preguntará no próximo pleno polo impacto en Galicia dos recortes na sanidade e na educación

Pachi Vázquez preguntará no próximo pleno polo impacto en Galicia dos recortes na sanidade e na educación

Abel Losada lamenta que o PP rexeite a comparecencia do presidente da Xunta para explicar uns recortes “dobremente discriminatorios para Galicia”

O presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, utilizará a sesión de control do próximo Pleno do Parlamento para preguntarlle a Feijóo polo impacto dos recortes anunciados por Rajoy na sanidade e na educación galegas. Así o anunciou o portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día da Sesión Plenaria da próxima semana.

Losada explicou que o recorte de 10.000 millóns de euros anunciado polo Goberno central a pasada semana constitúe unha “coartada ideolóxica” por parte da dereita para “menoscabar e coartar” os servizos públicos esenciais competencia das comunidades autónomas. Desmentiu que o recorte sexa necesario para a sostibilidade dun sistema porque, explicou, é máis barato e eficiente en España que na media da UE.

Engadiu ademais que este recorte resulta “dobremente discriminatorio” con Galicia, por canto esta autonomía leva tres anos padecendo uns fortes recortes en educación e sanidade por parte de Feijóo. Acusou así ao presidente da Xunta de “abandeirar a ortodoxia neoliberal” do PP aplicando uns recortes aos que outras autonomías se negaron “facendo uso das súas competencias”.

Así, apuntou que o novo recorte supón que “chove sobre mollado” de cara a unha sanidade que xa perdeu case 500 millóns e 1.200 traballadores e unha educación que veu reducido o seu orzamento en mais de 400 millóns e perdeu 1.000 docentes dende a chegada de Feijóo á Xunta. Dixo que o axuste para Galicia será así “comparativamente peor” mentres o conselleiro de Educación “acolle entusiasta as medidas do ministro Wert”.

Os socialistas galegos dedicarán a sesión de control a estes recortes logo de que o PP rexeitara as solicitudes de comparecencia do presidente da Xunta e do conselleiro de Educación para dar conta da repercusión dos mesmos no sistema público galego.

Advertiu que os recortes en educación supoñen un ataque á calidade da educación que “vai en contra dunha sociedade mais xusta e igualitaria” e contra a competitividade do Estado, que frea a mellora do capital humano cuns recortes drásticos en I+D.

Abel Losada anunciou tamén a presentación dunha Proposición non de Lei sobre os recortes específicos para a sanidade galega dirixida a garantir unha sanidade universal pública e gratuíta. Salientou a necesidade de “optimizar o gasto e facer axustes -por exemplo no gasto farmacéutico-”, pero considera “irrenunciable” que “manteñan a porta aberta e gratuíta a todos aqueles cidadáns que necesiten atención sanitaria”.

Economía e emprego

O responsable socialista anunciou tamén unha serie de iniciativas relativas á economía e emprego de Galicia, nas que nomeou unha moción para que a Xunta adapte o seu orzamento para 2012 á caída de investimento rexistrada no orzamento aprobado por Rajoy logo das eleccións andaluzas. Salientou que o Goberno galego debe acomodar as previsións de ingresos a un diferencial de 3 puntos do PIB confirmado nos Orzamentos.

Tamén será debatida unha proposición non de Lei sobre as medidas dirixidas á recuperación dos espazos naturais afectados polos lumes no pasado inverno. Salientou que a ausencia de políticas preventivas e a descoordinación nas labores de extinción fixeron arder as tres principais zonas naturais sensibles de Galicia, como son as Fragas do Eume, o Xurés e a Serra do Invernadoiro.

A próxima sesión plenaria tamén incluirá dúas interpelacións sobre o incremento dos EREs en Galicia e sobre a situación dos afectados polas participacións preferentes de NCG, e reclamou o “imprescindible compromiso” do goberno galego cos afectados en lugar de “buscar responsabilidades externas”. Finalmente, será debatida unha pregunta oral sobre a “desaparición” do goberno galego na situación do naval en Vigo e Ferrol.

En relación ás iniciativas relativas á gobernanza e calidade democrática, os socialistas presentarán unha moción para que o goberno galego elabore unha Lei de Publicidade Institucional que garante a transparencia e equidade na relación do Executivo cos medios de comunicación.

Tamén será debatida unha pregunta oral para que a Xunta dea conta da condonación da multa de 3 millóns de euros a Telmo Martín como responsable da promotora Construcuatro pola construción de vivendas en Silgar –Sanxenxo-. Advertiu que esta decisión foi tomada “pola porta de atrás” mentres Feijóo “anunciaba mais recortes para Galicia e reclamaba mais esforzos aos cidadáns”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar