Pachi Vázquez pide o voto para ser "o presidente das persoas, das familias, da verdade e do emprego"

Pachi Vázquez pide o voto para ser "o presidente das persoas, das familias, da verdade e do emprego"

Pachi Vázquez pide o voto para ser "o presidente das persoas, das familias, da verdade e do emprego"

O candidato socialista, Pachi Vázquez, pediu o voto para ser “o presidente das persoas, das familias, da verdade e do emprego, e non ser o presidente que engane a ninguén”. Así o dixo nas súas intervencións de peche da campaña electoral en Pontevedra e Santiago de Compostela, onde estivo acompañado polo secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba.

O candidato socialista pediu o apoio para formar “un goberno que garanta o cambio e pense na xente e nos seus problemas” e apoiar “a quen non da chegado a fin de mes, conseguir crear emprego e parar os recortes á sanidade e á educación”. Animou a repetir este domingo a manifestación en defensa da sanidade e do ensino, pero “en lugar de pancartas, leven as papeletas do PSdeG para defender os servizos públicos”.

Pachi Vázquez animou a votar “á mocidade, ás mulleres, ás familias, aos pensionistas, a todos os galegos e galegas que queren que o seu voto siga para defender os seus dereitos” porque “hai outra forma de saír da crise pagando mais os que mais teñen”. Dirixiuse así “á xente que ten esperanza e non lle ten medo ao futuro, ás familias, á mocidade e aos pensionistas para que co seu voto impidan os recortes de dereitos”.

Salientou que “unha ampla maioría de galegos e galegas queremos cambiar o goberno e ao país, e o único que nos pode facer dano é quedar na casa porque –explicou- eles non son tantos, pero van todos” a votar.

Futuro distinto

Apostou por “escribir un futuro distinto” dende un goberno “que fale dos problemas da xente” e instou a “escoller este domingo si queremos gastar en profesores ou médicos ou nas deputacións contratando e enchufando a aqueles que non veñen pensar mais que en si mesmos”.

Advertiu que Rajoy e Feijóo queren obter nestas eleccións un “cheque en branco” para “recortar os dereitos deste país, despedir aos traballadores públicos e recortar na sanidade e na educación públicas”. Puxo como exemplo a “barbaridade” da ministra de Sanidade que anuncia que retirará as mamografías da sanidade pública co que “aumenta o medo e os disgustos”.

O líder socialista anunciou que “non nos vai tremer a man” para aumentar os impostos á banca, ás grandes fortunas ou ás superficies comerciais para que os pensionistas non teñan que pagar os medicamentos. Comprometeuse tamén a anular os concertos aos colexios que segreguen por sexos para dedicar esas partidas a recuperar os libros de texto gratuítos, o transporte escolar, bolsas e comedores escolares.

Propuxo un “goberno das persoas, que saque adiante unha Galicia sen atallos” que apoie unha economía produtiva e que “crea en dar oportunidades de traballo” aos galegos e galegas. Lembrou así a súa proposta de bolsas – traballo para 25.000 mozos e mozas, 28.000 contratos para mulleres e destinar 60 millóns para impulsar a contratación de parados de longa duración.

Dicir a verdade

O secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, acompañou hoxe a Pachi Vázquez no peche da campaña, onde dixo que “Feijóo sabe de enxeñería contable, maxia e trampas, pero os galegos non necesitan un contable experto en trampas, senón a alguén como Pachi Vázquez, que lles mire á cara e lles diga a verdade, que fale claro e que lle diga non a Rajoy cando queira prexudicar a Galicia.

Rubalcaba aludiu así a que Feijóo desprazara 411 millóns de euros de déficit de 2010 a 2011 para agochar a situación financeira real de Galicia. Na súa intervención pediu o apoio para o candidato socialista e para “parar á dereita” e que Rajoy cambie a súa estratexia de recortes e desmantelamento do Estado do Benestar.

Dixo que Galicia “precisa poñer a un presidente que defenda a Galicia” a non a un Feijóo que “pasou de ser un tigre de bengala con Zapatero a ser un gatito ronroneante con Rajoy”.

Dixo así que “a Rajoy pásalle con Angela Merkel como lle pasa a Feijóo con Rajoy, que di a todo que si”. Aludiu así a súa actitude no Consello de ministros da UE, onde “foi incapaz de defender os intereses de España, algo que pagaremos todos” e sinalou que “tivo que vir Hollande –o presidente de Francia- a defendernos aos españois”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar