Pachi Vázquez: "Os dereitos sociais conseguidos por Felipe González están en risco se goberna o PP"

Pachi Vázquez: "Os dereitos sociais conseguidos por Felipe González están en risco se goberna o PP"

Pachi Vázquez: "Os dereitos sociais conseguidos por Felipe González están en risco se goberna o PP"

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, destacou hoxe o traballo realizado por Felipe González como presidente do Goberno socialista, que deu aos cidadáns dereitos públicos como a sanidade, a educación ou as pensións. “Todo isto está en risco se deixamos que goberne o PP, como está xa a pasar en Galicia”.

Así o afirmou en Ourense, no mitin no que interveu xunto á candidata, Laura Seara, o alcalde, Francisco Rodríguez, e o ex presidente do Goberno, Felipe González, a quen expresou o agradecemento “en nome dos centos de miles de homes e mulleres que viviron os seus últimos anos dignamente cunha pensión, dos que tiveron enfermidades e que gracias ao sistema de sanidade pública a superaron, e dos estudiantes sen recursos que puideron acabar as súas carreiras e sacar adiante este país”.

“Todo iso está en perigo o vindeiro día 20. En Galicia xa o sabemos, porque o PP leva case tres anos no goberno, sacándonos todo o que construímos durante anos”, afirmou.

Lembrou que Feijóo “se comprometeu a acabar co paro, coa crise, cos lumes, e en lugar disto está acabando con case todo o demais: cos dereitos sociais, a educación e a sanidade públicas”.

Sinalou que da crise “non se sae pechando escolas e hospitais” porque “Feijóo recortou miles de euros en educación e sanidade, pero o paro crece máis que no resto de España e aumentou o endebedamento mais nestes últimos anos que nos 28 anos anteriores”.

“O mellor dirixente é o que ten abertas as escolas e universidades en momentos difíciles, esa é a diferencia entre a esquerda e a dereita”, proclamou, “nos apostamos pola educación e a sanidade para todos, polo apoio á investigación, as becas e as pensións, pola igualdade de dereitos”.

Advertiu que o PP “está a desmontar a sanidade pública”. “En Galicia nos van a cobrar a todos. Empezaron pechando quirófanos polas tardes, sacáronlle medicamentos aos nosos maiores, logo a cobrar dez euros pola tarxeta sanitaria e fai un mes decidiron que quen non ten a cartilla en regra ou non está acollido por falla de recursos, entra por unha porta diferente”, explicou.

“Que mais nos fai falla para saír a rúa e dicirlle ao PP que non llo vamos a permitir? Iso é o que temos que facer o 20 de novembro”, sentenciou.

“Están desmontando a sanidade e a educación por ideoloxía, porque non queren o público; teñen iso de que todos somos iguais, pero uns mais que os outros”, ironizou.

Advertiu que o PP pretende facer en España o mesmo que está a facer en Galicia e nas comunidades nas que goberna. Fixo por elo un chamamento ao voto socialista, especialmente aos progresistas indecisos, aos que lembrou que “o PP xa nos enganou hai tres anos en Galicia, non podemos deixar que nos volvan a enganar, e estas eleccións as decidimos os votantes de esquerda”.

Defensa dos dereitos e a igualdade
Pola súa parte, a candidata ao Congreso, Laura Seara, destacou que “esta é a primeira campaña en democracia que facemos sen a ameza e as bombas de ETA, grazas a un Goberno socialista”.

Lembrou que foi un goberno socialista o que aprobou a Lei de Igualdade, “unha lei que o PP está a boicotear e que non apoiou o Congreso” e “fomos os socialistas os que construímos a España do Benestar e dos dereitos que o PP nos quere arrebatar”, sentenciou.

Pediu ás mulleres “que defendamos a igualdade con toda a nosa a forza e loitemos para que non se desperdicie a metade do talento da poboación”. “Rajoy ten un problema serio coas mulleres, non nos pode ver”, dixo: “lle molesta que decidamos libremente sobre a nosa maternidade e que loitemos por ter o mesmo salario, pero nos non vamos a retroceder”, proclamou.

“Temos que loitar por todos os dereitos que aprobamos e que están publicados no BOE coas firmas dos presidentes Felipe González e José Luís Rodríguez Zapatero”. Contrapuxo isto co “silencio covarde de Rajoy cando Aznar nos metía nunha guerra vergoñenta en Irak, xa que só falou para dicir que a que foi a maior catástrofe medioambiental de Galicia eran un hilillos de plastilina”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar