Pachi Vázquez: “Manteremos as cidades porque chegamos cos deberes feitos e Feijóo chega coa mochila baleira”

Pachi Vázquez: “Manteremos as cidades porque chegamos cos deberes feitos e Feijóo chega coa mochila baleira”

Pachi Vázquez: “Manteremos as cidades porque chegamos cos deberes feitos e Feijóo chega coa mochila baleira”

SANTIAGO. E.RODRÍGUEZ/AGN.- Manuel 'Pachi' Vázquez cre que a despedida de Zapatero -que estará nun mitin na Coruña- e o rescate de Portugal permitiron unha "resintonización" co electorado e confía en manter as cidades e xogar as deputacións do sur "en foto finish" o 22 de maio. Pachi Vázquez non esquivará o xogo duro: "Coa dereita desapiadada, non estamos para que nos veñan ameazar".

Que lles din as enquisas feitas despois de que Zapatero anunciase que non repetirá de candidato?

Son enquisas moi xenéricas e dan unha suba de entre 4 e 6 puntos, pero non as temos a nivel local. Ás veces os políticos somos moi dados a confundir os escenarios, pero o cidadán sabe moi ben cando lle preguntas polo seu alcalde, polo presidente autonómico ou o nacional. Aceptando que as ondas están complicadas, creo que os cidadáns van votar pensando só no mellor para o seu concello.

E o desgaste da crise?

Houbo un punto de inflexión: cando a xente viu o que lle pasou a Portugal cambioulle a visión, e o noso electorado, que non entendía que un goberno socialista propuxese alongar a idade de xubilación ou facer unha reforma laboral, está dando un xiro importante no último mes e resintonizando connosco.

Vai ser Núñez Feijóo a principal diana da súa campaña?

Non, os cidadáns saben moi ben que elixen alcalde e concelleiros, non a Feijóo, Rajoy ou Zapatero. O PP estase a dar conta de que foi un erro a estratexia de levar a Feijóo de 'candidato polos 315 concellos', que só tiña como maneira de tapar que os candidatos populares non teñen 'punch'. O PP ten unha gran falta de presenza na política municipal galega e o PSOE está nas sete cidades. Creo que este escenario se vai consolidar e non é unha visión voluntarista, senón feita cos datos demoscópicos e o día a día.

Hai un ano auguraba que todo quedaría igual menos Vigo, onde habería revolución. Manteno, ou a revolución viguesa é só a polémica con Príncipe?

Non, non. En Vigo houbo unha desafección coa Xunta porque Alberto Núñez Feijóo e o PP se equivocaron sacando toda a artillería pesada contra Vigo. Feijóo non pode pensar que o Goberno está para atacar, ten que respectar os alcaldes elixidos democraticamente. O que está a pasar con esta Xunta, con imputados por abuso de poder, nunca existira. Fraga era un home duro politicamente pero tiña respecto institucional; en Galicia estamos indo cara a un modelo de uso da Administración que nin Cacharro nin Baltar chegaron a facer nunca.

De darse unha campaña dura como a das autonómicas, optarán agora por entrar nos ataques?

Nós non queremos estar permanentemente no xulgado, pero hai cousas que non che deixan máis remedio que falar. Intentaremos que non, pero esta nova dereita é desapiadada e nós non estamos para que nos veñan ameazar.

O PP espera bos resultados en Vigo ou Ferrol...

En Vigo xa estaban moi cerca antes, pero as enquisas din que seguimos subindo en relación con 2007. En Ferrol hai un batiburrillo de partidos, pero todos os datos que manexamos dan que gobernará unha coalición de esquerdas.

Reconsiderará o seu futuro se os resultados do 22-M son malos?

O futuro dun político dúralle ata mañá, como o dun adestrador de fútbol. Nós temos unha cousa moi positiva, que é que estamos traballando todos a tope e o luns [23 de maio] non vai pasar nada porque non haberá unha apreciación de que non se traballou. Sempre hai opinións; eu sempre digo de coña que isto é moi fácil: se gañan, gañan os alcaldes; se perden, perdo eu. Perder calquera cidade sería importante, pero non debe pasar e imos xogarnos as deputacións do sur en foto finish. Un recordatorio: Feijóo é hoxe presidente da Xunta e hai catro anos perdeu Vigo, Ourense e Ferrol.

Mantiveron xa contactos co BNG de cara ao 23 de maio?

Non, hoxe por hoxe todos estamos pensando en sacar o mellor resultado, pero non cabe dúbida de que cando van dous programas de esquerda sempre vai haber elementos en común.

Que expectativas lle ve ao BNG?

Todos os datos que manexamos apuntan a que o BNG resiste ben, ten un nivel de entre o 15% e o 16% de voto no que resiste sempre.

A macrolicitación do Ave chegou en bo momento, pero hai dúbidas sobre o seu cumprimento real...

A licitación deixa en evidencia a Feijóo e o Goberno da dereita, que estaban encantados con que non se licitase o Ave. Deixounos descolocados e agora están buscando temas para criticar que son autenticamente puerís. Nós chegamos cos deberes feitos ás municipais e Alberto Núñez Feijóo chega coa mochila baleira.

Onde vai acudir vostede para a pegada de carteis?

Creo que debo ser coherente e debería estar en Ourense porque eu son de alí. Salvo que teñamos algo distinto, creo que farei a pegada acompañando o alcalde ourensán.

Espera coincidir con Baltar e o seu trombón?

A Baltar derramóuselle o trombón hai catro anos, agora xa pasou o daquelas cousas patéticas. O PP de Ourense non está para facer festas, está vivindo unha crise onde todos se din de todo e resulta escandalosa a proliferación de candidaturas independentes. Sendo prudente, este ano danse todas as circunstancias, todas, para que perda a deputación provincial: o efecto da desaparición do voto emigrante, a fortaleza do noso alcalde, a división...

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar