Pachi Vázquez insta a Feijóo a “poñer enriba da mesa” o Plan de Financiamento Universitario no prazo de tres meses

Pachi Vázquez insta a Feijóo a “poñer enriba da mesa” o Plan de Financiamento Universitario no prazo de tres meses

Pachi Vázquez insta a Feijóo a “poñer enriba da mesa” o Plan de Financiamento Universitario no prazo de tres meses

Os socialistas galegos presentarán unha proposta no Parlamento para instar a Feijóo a “poñer enriba da mesa” nun prazo de tres meses o Plan de Financiamento Universitario para os vindeiros cinco anos. Así o anunciou o Secretario Xeral do PSdeG e presidente do Grupo Parlamentario dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, tras manter unha xuntanza co reitor da Universidade da Coruña, José María Barja.

Con esta xuntanza, o líder socialista concluíu a rolda de reunións de traballo que mantivo nos últimos meses cos reitores das tres universidades galegas, a fin de coñecer de primeira man as súas necesidades. Vázquez coincidiu cos reitores en que “a única saída sólida da crise pasa por apostar pola sociedade do coñecemento”.

“Non hai saídas fáciles nin atallos”, advertiu, “o único xeito de saír desta crise é cambiar o modelo económico e apostar firmemente pola sociedade do coñecemento, a investigación e a innovación”.

Vázquez afondou na necesidade de “deixar de ser un país subsidiado” onde “dende o 1 de xaneiro somos mais os galegos e galegas que cobran pensión e están no paro –case 1.100.000- que os que cotizamos á seguridade social –menos de 1 millón-”.

“Isto só se consegue si somos capaces de abordar un modelo diferente de economía e se investimos os nosos recursos en ser mais competitivos e produtivos, sen deixar de garantir as prestacións sociais”. “Esta é a ecuación que temos que pechar e é imposible facelo sen realizar un investimento estratéxico nas nosas universidades”, afirmou.

Por elo, apuntou que “non caben escusas” nin “seguir mareando a perdiz” porque Feijóo “non leva dúas semanas nin dous meses no goberno, leva case dous anos ao fronte da Xunta de Galicia”.

Engadiu que “despois destes dous anos, a sociedade galega ten que saber cal será o futuro das nosas universidades e dos investigadores deste país”.

Acadar o 1% do PIB galego

Vázquez avogou por establecer un Plan de Financiamento Universitario nun prazo máximo de tres meses, co fin de conseguir que o investimento destinado ás universidades chegue ao 1% do PIB galego.

“É obrigatorio que Galicia saiba nos vindeiros tres meses o itinerario do financiamento das universidades de cara aos vindeiros cinco anos”, explicou, polo que lembrou ao Goberno galego que “non vale esconderse nin maquillar os datos cambiando o modelo para contar, porque seguindo o modelo convencional que usan todas as comunidades, o financiamento das universidades en Galicia non acada o 0,8 por cento do PIB. Esa é a realidade”.

Lembrou que outras comunidades si acadaron ese 1% do PIB, e aínda que recoñeceu que “isto non se consigue de hoxe para mañá” afondou na necesidade de que “todas as forzas políticas traballemos na mesma dirección”.

“Galicia pode vivir sen unha autovía máis ou menos, pero sen universidades, sen innovación e investigación, non temos futuro”, proclamou. Asegurou por elo que “é difícil de entender que en lugar de tomar medidas, as consellerías de Economía, Industria e Educación estean tirándose á cabeza o modelo de investigación porque ningunha o quere asumir”.

Vázquez brindou o apoio do PSdeG para acadar un acordo entre todas as formacións políticas para que do Parlamento galego salga unha proposta de financiamento para as universidades. “O camiño é difícil, pero temos que ser capaces de escribir ese camiño entre todos, conxuntamente”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar