Pachi Vázquez: “Feijóo está a permitir o espolio de Galicia"

Pachi Vázquez: “Feijóo está a permitir o espolio de Galicia"

Pachi Vázquez: “Feijóo está a permitir o espolio de Galicia"

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, acsou a Feijóo de permitir o “espolio de Galicia” tanto no noso sistema financeiro, como no tecido industrial, e nos sistemas educativo e sanitario públicos. Así o afirmou na presentación das candidaturas de Ourense, na que participaron o candidato á presidencia do Goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba, o ministro de Fomento e candidato ao Congreso por Lugo, José Blanco, e a secretaria de Estado de Igualdade e cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Laura Seara.

Vázquez iniciou a súa intervención expresando o agradecemento de todos os socialistas galegos a José Blanco “o home que máis fixo por Galicia e que máis está a facer”. “Gracias pola túa fortaleza, por manterte firme ante aqueles que queren facer da difamación e da calumnia a súa ferramenta de traballo”, dixo, dirixíndose a Blanco.

“Quen ten que explicar moito son os directores do Igape, o presidente da Xunta e a consellería de Facenda. Eles son os que viron as irregularidades nas subvencións, e agora que non lle pidan explicacións a ninguén porque son eles os que as teñen que dar”, proclamou.

Vázquez fixo un chamamento aos socialistas galegos para afrontar as eleccións xerais apoiando a Alfredo Pérez Rubalcaba “que representa a esperanza de moitos homes e mulleres que estamos a traballar para que non pase en España esa longa noite de pedra na que nos quere meter a dereita”.

“Digan o que digan, non hai nada decidido, e nos queremos gañar estas eleccións competindo para crear emprego e para apuntalar os piares básicos do Estado de Benestar, non como o PP, que converteu as eleccións nunha competición de recortadores de sistemas públicos”, proclamou.

Sinalou que o PP pretende facer en España o que está a facer Feijóo en Galicia que é “ingresar menos recursos e desfacer mais os sistemas públicos”. “O PP converteu a Galicia no laboratorio de ideas do PP, e xa sabemos o resultado: mais crise e mais desemprego”.

“Os que tiñan fórmulas e sabían como arranxar todo, cando entraron na Xunta acabaron con todo”, sinalou, para lembrar que “cando Feijóo chegou ao Goberno galego tiñamos en Galicia Caixa Galicia, Caixanova e Banco Pastor, hoxe non temos ningunha”.

Lembrou que Feijóo pasou de afirmar que convertería a Galicia nun modelo de sistema financeiro, “a conseguir un banco no que só temos o sete por cento, e o resto é do Banco de España, que aporta 3.500 millóns de euros grazas a un decreto socialista que permite manter viva a esperanza de sacar adiante un sistema financeiro galego”.

“Feijóo está a permitir o espolio de Galicia, do noso sistema financeiro, do noso tecido industrial e do noso sistema sanitario e educativo públicos”, proclamou. “Non podemos permitir que Galicia quede sen un sistema financeiro propio”.

Por elo pediu a Feijóo “que deixe de pasear e dar leccións por España e que veña a afrontar os problemas dos galegos e galegas, que é para o que é presidente da Xunta”. “Se están pechando os servizos públicos sanitarios, si está desaparecendo o sistema financeiro e si estamos caendo no tecido industrial e pechando explotacións gandeiras, a culpa é do Partido Popular”.

Acusou ademais ao PP de mentir cando afirman que defenden os servizos públicos, e neste senso lembrou que “hai 1.760 traballadores menos en sanidade e educación públicas. “Nos queremos para Galicia a blindaxe das nosas políticas sociais e queremos ideas claras, propostas claras e contas claras, que é o que nos ofrece Alfredo Pérez Rubalcaba”, proclamou.

En Ourense tampouco nos vamos deixar gañar
A candidata ao Congreso por Ourense, Laura Seara, iniciou a súa intervención con un recoñecemento ao traballo que está a desenvolver o alcalde Francisco Rodríguez en Ourense, e agradecementos aos compañeiros e compañeiras que a acompañan nas candidaturas, presentes no acto.

Citando a frase de Rubalcaba na pasada Conferencia Política, Seara afirmou que “en Ourense tampouco nos vamos a deixar gañar”. Destacou que os socialistas “apostamos por un modelo que nos defende a todos e todas” e advertiu que “non permitiremos que aniquilen un sistema que tanto nos custou levantar, como é o Estado de Benestar, que é o que pretende facer o PP”. “Detrás de cada recorte da dereita hai un negocio ou un negociete”, afirmou.

Seara subliñou o traballo realizado polos socialistas pola provincia de Ourense, en especial ao ministro de Fomento polo esforzo inversor realizado co AVE “que está chamado a ser a nosa maior esperanza de progreso”. “Ao PP moléstalle o AVE, mentres queren converter a Ourense non gran vertedoiro de Galicia, e non llo imos permitir”.

A socialista lembrou que esta semana tres mulleres recibiron o premio Nobel da Paz por primeira vez na historia, e por elo quixo lembrar “que todos os avances que as mulleres acadamos na historia deste país teñen a firma do PSOE”. Destacou os avances conseguidos coa Lei de Igualdade ou a Lei contra a Violencia de Xénero, entre outras, “que ao PP non lle gustan”.

“Hoxe as políticas de igualdade son unha necesidade, non se pode desperdiciar a metade do talento da poboación que está en mans das mulleres”, sentenciou. “Nos entendemos a política con razóns e con emocións, só así se cambia o mundo, e temos que estar máis fortes que nunca, coa cabeza e co corazón, para gañar este partido”, remachou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar