Pachi Vázquez esíxelle a Feijóo explicación sobre a subhasta express de NCG Banco

Pachi Vázquez esíxelle a Feijóo explicación sobre a subhasta express de NCG Banco

Pachi Vázquez esíxelle a Feijóo explicación sobre a subhasta express de NCG Banco

O presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, reclamou a comparecencia de Feijóo no Parlamento de Galicia sobre a subhasta express de NCG Banco. O líder dos socialistas galegos advertiu que o anuncio feito onte “de maneira tranquila” suporá “a desaparición de miles de millóns de euros de diñeiro público e do sistema financeiro galego”.

O líder dos socialistas galegos reclamou a comparecencia do presidente da Xunta na Comisión de Economía do Parlamento e solicitou de xeito oficial ao goberno galego “os documentos do goberno de España relativos á posta á venda de NCG Banco”. Reclamou debate na Cámara autonómica para que o goberno e os grupos parlamentarios “digamos qué sistema financeiro queremos para o noso país”.

Reivindicou “a política galega con maiúsculas, un goberno galego que se plante e que cara a cara lle diga ao FROB e ao goberno de España que queremos garantías para os inversores, para os aforradores galegos, para os estafados polas preferentes, que se manteñan as sucursais e un sistema financeiro propio”. Reclamou coñecer “por qué agora que o banco está saneado e temos beneficios vamos a vender a entidade perdendo miles de millóns de euros”.

Pachi Vázquez dixo que “non se pode despachar cunha visión triunfalista” unha decisión que suporá “volatilizar” os 9.000 millóns de euros invertidos polo FROB para nacionalizar a entidade. Considera unha “temeridade” que as forzas políticas e sociais asistiran impasibles á desaparición do diñeiro dos contribuíntes e a ver “cómo se externaliza o sistema financeiro e a ver cómo nin temos crédito nin temos banco galego”.

Advertiu que “non se pode dicir á chita calando que o vamos subhastar en setembro e que xa lle encargamos a unha auditora que diga cánto vale: xa está ben de auditoras” e revelouse contra a pretensión do goberno galego de “manternos calados e levarnos polo ronzal”.

O responsable socialista puxo como límite a recuperación dos 9.000 millóns de euros de diñeiro público invertidos na nacionalización, pero advertiu que as perdas van ser “de escándalo” mentres o goberno empéñase en “vender unha imaxe triunfalista”.

O líder dos socialistas galegos aludiu á Comisión de Investigación sobre a desaparición das caixas para sinalar que “é moi importante saber por qué pasou isto, pero é moi importante saber o que vai pasar, cómo vai quedar o crédito galego e cántos miles de millóns de euros de diñeiro público vamos a perder os contribuíntes cunha subhasta feita no verán para que pase rapidamente”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar