Pachi Vázquez, escollido candidato por aclamación á presidencia da Xunta, chama ao socialismo a “dicir alto e claro que toca cambio en Galicia”

Pachi Vázquez, escollido candidato por aclamación á presidencia da Xunta, chama ao socialismo a “dicir alto e claro que toca cambio en Galicia”

Pachi Vázquez, escollido candidato por aclamación á presidencia da Xunta, chama ao socialismo a “dicir alto e claro que toca cambio en Galicia”

Presenta as principais propostas do PSdeG para que o próximo goberno encare a saída da crise “con moito esforzo e sufrimento pero sen deixar tirado a ninguén”

Comeza a intervención enviando un saúdo aos familiares, amigos e compañeiros de Sonia Castaño, membro da executiva de Pontevedra falecida esta noite

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, foi escollido hoxe candidato á presidencia da Xunta por parte dos socialistas por aclamación do Comité Nacional Galego reunido hoxe en Santiago de Compostela e ao que asistiu o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba. O líder do PSdeG-PSOE chamou a “estar xuntos, collendo o millor de nós para dicir alto e claro que toca cambio en Galicia”.

Pachi Vázquez comezou a súa intervención saudando aos familiares, amigos e compañeiros de Sonia Castaño, membro da Executiva provincial de Pontevedra que faleceu esta noite nun accidente de tráfico.

Ofreceu a saída da crise en base a “moito esforzo e sufrimento pero sen deixar tirado a ninguén” fronte á “visión thatcheriana” do PP de Feijóo que “divide Galicia en dúas partes, a dos que poden pagar e os que non”. Así o dixo minutos antes de ser proclamado candidato pola totalidade dos preto de 400 membros do Comité Nacional que asistiron a este encontro salvo un voto en contra.

O líder dos socialistas galegos chamou á unidade porque “eu só non vou a ningún sitio, pero co partido unido non hai quen nos pare”, e propuxo as liñas mestras da súa proposta para “cambiar o sistema económico especulativo polo sistema produtivo” e saír da crise garantindo os servizos públicos “con sentido común e a costa de quen nos meteu nela e non dos que son as súas vítimas”.

Pachi Vázquez respondeulle hoxe a Feijóo que “debate xa, entre dous, entre tres, entre vintecatro, como queira, pero xa” para dicirlle que “enganou a este país” e que é un “escaqueante nato”. Sinalou que o presidente da Xunta “pasou de dicir que si gañaba Rajoy acabábase a crise, hoxe di que si goberna non fará nada do que diga Rajoy”.

O candidato socialista criticou a carga policial contra unha manifestación dos afectados polas preferentes e reclamou “que nin se lles engane nin se lles pegue aos que foron enganados”. Comprometeuse a constituír nos cen primeiros días de goberno un gabinete xurídico propio da Xunta “para axudar aos afectados, defenderse do engano e demostrar que eran aforradores e non especuladores”.

Propostas

Pachi Vázquez anunciou que “non hai café para todos”, polo que anunciou o peche dos 64 “chiringuitos improdutivos” que mantén a Xunta de Feijóo para investir o aforro nos sectores produtivos. Ofreceu así unha política centrada en acadar maiores ingresos e non recortar a quen menos ten, e comprometeu que en 100 días implantará un imposto á banca para recadar 50 millóns de euros.

Tamén anunciou o incremento do tramo autonómico do IRPF para as rendas mais altas, así como un imposto a grandes patrimonios e recuperar o imposto de sucesións, figuras impositivas para as grandes áreas comerciais e un imposto medioambiental para que “quen contamine, pague”. Contrapuxo así o “auste de contas ideolóxico” de Feijóo porque “é mais fácil cobrarlle a pensionistas, parados e enfermos”.

O xa candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta comprometeuse a exercer as competencias autonómicas en materia laboral para impulsar o traballo de mullers, mozos e mozas e parados de longa duración. Comprometeuse ademais a defender os dereitos dos discapacitados, presentándose como o candidato “dos que necesitan da Galicia solidaria”.

Reclamou “parar a carreira aloucada da dereita que vai directa ao abismo do paro e da recesión económica” escollendo “o camiño do coñecemento, universidades, competitividade, sectores produtivos e dereitos sociais”. Advertiu que a próxima medida do PP será detraer diñeiro público das pensións públicas, e criticou que “mentres nós presentamos as nosas propostas, Feijóo e Rajoy só queren agochar as súas realidades”.

Copago e segregación educativa

Pachi Vázquez anunciou que a súa primeira decisión de goberno será retirar o copago farmacéutico para os pensionistas porque “a sanidade non é a culpable desta crise”. Lembrou que Galicia ten as pensións mais baixas do Estado, con 604 euros ao mes, e criticou que o PP “non sexa capaz de acadar os 33 millóns de euros que supón o copago cando a sanidade custa 3.500 e a Xunta ten un orzamento de 9.000”.

O líder dos socialistas galegos anunciou tamén que nos cen primeiros días de goberno anulará os concertos públicos con calquera centro educativo que discrimina por sexos para aplicar “tolerancia cero coa desigualdade e coa segregación”.

Comprometeuse tamén a derogar o decretazo do galego aprobado por Feijóo para “machacar a lingua do país” e anunciou que calquera norma que afecte á lingua galega será aprobada por consenso porque “o galego é algo que nos une, non é patrimonio de ningún partido”.

Advertiu que o PP está intentando “desmembrar o Estado das Autonomías” e propuxo “reforzar o Estatuto de Autonomía” porque “Galicia é unha nacioalidade histórica que aspira ao máximo autogoberno”. Dixo que “nunca daremos un só paso atrás nos dereitos polos que loitaron milleioros de homes e mulleres de Galicia ata que chegou a dereita retrógrada”.

O peor presidente

O líder socialista acusou a Feijóo de “herdar a Galicia do benestar e deixar a Galicia do sufrimento” e demostrouse “o peor presidente da historia de Galicia” que “quedará na historia como o maior destrutor de emprego da autonomía”. Dixo que “conmais de 275.000 persoas no paro, a política económica de Galicia non pode seguir baseándose exclusivamente nos recortes e no control do déficit”.

Explicou que Feijóo é “o peor presidente” para as mais de 88.000 familias que non teñen ningunha prestación por desemprego, os case 50.000 xóvenes que non atopan traballo e teñen que emigrar, ou as mais de 133.000 mulleres que buscan traballo.

Tamén salientou as 300.000 persoas que están nas listas de espera da sanidade pública, os mariñeiros da flota cefalopodeira afectados polo protocolo con Mauritania, os produtores de leite que padecen os prezos mais baixos do Estado ou os traballadores de Gamesa, empresa pioneira do sector eólico, que se enfrontan a un ERE extintivo.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar