Pachi Vázquez destaca o esforzo dos concellos socialistas para resolver os problemas ante o escapismo de Feijóo

Pachi Vázquez destaca o esforzo dos concellos socialistas para resolver os problemas ante o escapismo de Feijóo

O secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, esixiu a Feijóo que explique os motivos polos que, con 250.000 parados en Galicia, rebaixou 60 millóns de euros para políticas de promoción do emprego. Fixo estas declaracións no acto de presentación da candidatura ao Concello de Arteixo, encabezada por Pilar Soutuo, e na que participou xunto ao vicesecretario Xeral do PSOE, José Blanco.

Neste acto lembrou que “segundo os últimos datos da EPA, Galicia triplica o crecemento do paro en España, confirmando que somos a cuarta comunidade con peor comportamento en materia de desemprego”. Subliñou que “a día de hoxe o paro é o problema máis grave que ten Galicia, polo que é deber dun goberno e dun presidente responsable dar a coñecer aos cidadáns galegos como pensa facerlle fonte a esta situación”.

Neste senso, Vázquez esixiulle a Feijoo que explique que fai coas políticas activas de emprego, e recalcou que “son da súa competencia”. Ademais esixiulle que diga “alto e claro” por que destina máis fondos aos concellos que teñen menos poboación e menos número de parados, pero que sen embargo están gobernados na súa inmensa maioría polo PP.

“Isto é o que ten que explicar, en vez de seguir botando as culpas de todos os males de Galicia aos demais”. Vázquez fixo así referencia as palabras de Feijoo nunha entrevista, onde afirmaba que “si los presidentes autonómicos fuésemos responsables del paro, no necesitaríamos al presidente del Gobierno”.

Neste senso, Pachi Vázquez recriminoulle a Feijoo que “cando estaba na oposición, non dicía o mesmo, entón a culpa do paro era de Touriño”. “ Feijoo é incapaz de asumir ningunha responsabilidade, nin de resolver ningún problema de Galicia”, aseverou.

Dous anos de recortes en Servizos Sociais
Pachi Vázquez sinalou que “a primeira preocupación dos cidadáns é o paro e a economía, pero tamén lles preocupa a sanidade, a educación, a dependencia e os servizos sociais que están en Galicia máis deteriorados que nunca”.

Dixo que Feijoo “quere privatizar a sanidade e introducir o copago como modelo de financiamento” mentres deteriora o sistema público, con 250.000 pacientes esperando pola primeira consulta e 120.000 pola proba diagnóstica. Engadiu que Feijoo coa súa xestión situou a Galicia, “no furgón de cola na aplicación da Lei da Dependencia” con máis de 41.000 dependentes á espera dunha prestación “que non lles van conceder”.

O líder dos socialistas concluíu dicindo que “as políticas sociais son o marchamo dos gobernos socialistas, pero tamén o son os investimentos, porque nesta lexislatura municipal que culmina, fomos os gobernos socialistas da Xunta e do goberno Central quen realmente sacamos adiante aos concellos de Galicia”.

Por todo elo, destacou o traballo realizado polos alcaldes e alcaldesas socialistas como a de Arteixo “que demostrades que o PSdeG é un partido que aúna esforzos, defende os dereitos dos cidadáns e, ante o escapismo de Feijóo e da Xunta, axuda a resolver os problemas dos veciños e veciñas”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar