Pachi Vázquez denuncia que Feijóo permaneza “desaparecido” na reforma do sistema financeiro

Pachi Vázquez denuncia que Feijóo permaneza “desaparecido” na reforma do sistema financeiro

Pachi Vázquez denuncia que Feijóo permaneza “desaparecido” na reforma do sistema financeiro

O presidente do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Pachi Vázquez, denunciou hoxe que o presidente da Xunta permaneza “desaparecido” no momento da reforma do sistema financeiro. Criticou que eluda a responsabilidade de sacar adiante o sistema financeiro galego e lembrou que “cando hai problemas Feijóo non quere saír na foto” como nos incendios ou nas riadas.

O líder dos socialistas galegos ofreceu o apoio dos socialistas a un “gran acordo de país” para ter “un sistema financeiro galego capitalizado, próximo e que faga chegar o crédito aos homes e mulleres que necesitan dinamizar a súa economía”. Chamou a “abandonar o vitimismo” para buscar o mellor para Galicia “con realismo” e “pechar filas” en torno a un sistema financeiro “o mellor posible”.

Reclamou ao Executivo autonómico a toma de decisións “con rotundidade, complicidade, compromiso e sobre todo realismo” a través dunha nova Lei de Caixas e o acordo con patronal e sindicatos. Vázquez apostou por manter o sistema de caixas de aforros, pero advertiu que “entidades sen capital non poden cumprir a súa función”.

Vázquez reclamou a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento porque “ten a obriga de falarlle a Galicia, buscar o acordo e poñer en marcha as medidas necesarias para apoiar a capitalización” da entidade galega. Lamentou que Galicia afronte un dos momentos máis importantes para a economía galega co seu presidente ausente e optando pola teoría da confrontación en lugar da teoría da busca de solucións.

Criticou que “nin a conselleira de Facenda nin o presidente apareceran para explicar a situación” do sistema financeiro galego, e lembrou que a entidade autonómica non fixo públicas as cifras do “core capital”, ao contrario que o resto de entidades do Estado. Sinalou que “Feijóo coñéceas, a conselleira de Facenda e NCG tamén, pero Galicia non as coñece”, e reclamou “que falen e busquen modos de axudar ao sistema”.

Liñas xerais

Pachi Vázquez compareceu hoxe logo do encontro do Grupo Parlamentario no que foron analizadas as liñas principais de acción política para o próximo período de sesións no que cumpriranse dous anos de lexislatura nos que “Feijóo multiplicou os problemas de Galicia por dous, por tres ou por cinco”. Explicou que, ademais da situación financeira, os socialistas afondarán no desemprego, sanidade, dependencia ou educación.

Así, criticou que fronte á espiral de desemprego de Galicia, a Xunta responde coa ausencia total de políticas activas de emprego, a conselleira “desaparecida” e Feijóo “poñéndose de perfil”. Criticou tamén a aplicación do catálogo de medicamentos, que supón a presentación de recursos en contra dende os colexios farmacéuticos e as entidades representativas.

O líder socialista lamentou a maquillaxe das listas de espera sanitaria, cando na provincia de Ourense diminúen en pleno período de vacacións sanitarias e cos quirófanos pechados, o que evidencia “un trasvase de listas estruturais a non estruturais a través de subterfuxios”.

Pachi Vázquez advertiu tamén que a xestión da Xunta provoca que Galicia permaneza á cola de España en atención á dependencia, con 38.000 persoas á espera das súas axudas. Finalmente, criticou a “clara conculcación do acordo social” en materia educativa coa imposición “unilateral” da Lei de Convivencia, mentres “desploman as axudas á investigación”.

Reforma grupo parlamentario

O portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Abel Losada, presentou hoxe a nova Comisión Permanente do órgano, que reducirá os seus integrantes para acadar unha “maior axilidade de xesións”.

A dirección do Grupo estará integrada, ademais de polo presidente do Grupo e polo portavoz, por María José Caride, José Luis Méndez Romeu, Beatriz Sestayo, Carmen Gallego e Carmen Acuña como viceportavoces. Tamén formarán parte Concepción Burgo como secretaria e Ricardo Varela en calidade de vicepresidente segundo da Mesa.

Abel Losada pasa a formar parte da Comisión do Regulamento e deixa de ser portavoz de Economía e Industria e de integrar as comisións 6ª e 3ª, co que as súas portavocías son asumidas por José Luis Méndez Romeu, quen se une á Comisión 6ª, mentres a praza na Comisión 3ª é asumida por Carmen Acuña.

Explicou que Xoaquín Fernández Leiceaga asume a portavocía de Universidade, integrándose na Comisión 4ª, e formará parte tamén da Comisión de Revitalización Demográfica.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar