Pachi Vázquez considera "imposible" superar a crise sen igualdade entre homes e mulleres

Pachi Vázquez considera "imposible" superar a crise sen igualdade entre homes e mulleres

Pachi Vázquez considera "imposible" superar a crise sen igualdade entre homes e mulleres

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, dixo hoxe que resulta “imposible” superar a crise económica sen igualdade entre homes e mulleres. Así o dixo no acto de ofrenda floral ante a escultura de Concepción Arenal de Ourense como conmemoración do día Internacional da Muller, ao que asistiron cargos institucionais e políticos, ademais do alcalde da cidade, Agustín Fernández.

O líder socialista explicou que o acto de hoxe constitúe un “berro para manter a dignidade, as políticas de igualdade e o compromiso político para romper cos desequilibrios” de xénero. Pachi Vázquez reivindicou hoxe as “grandes liñas” escritas polas políticas de igualdade xa que, dixo, “resulta imposible abordar as políticas de crecemento sen referendar a equiparación de salarios, compromisos e capacidades”.

Dixo que os socialistas “queremos referendar hoxe o noso compromiso con centos de mulleres que están pasándoo fatal” nun país “cun goberno que situou as políticas de igualdade na UVI e que feminizou a pobreza” xa que, puntualizou, “as mulleres son as primeiras que están pagando nunha crise desta dimensión”.

Así, dixo que “non pode ser que as mulleres cobren un 25 por cento menos que os homes cando traballan, e non pode ser que cando se xubilan teñan unhas pensións un 25 por cento mais baixas”, mentres nas listas do paro hai “moitas mais mulleres que homes”.

Vázquez trasladou o “sentimento de milleiros de homes e mulleres que cren firmemente nas políticas de igualdade” e reivindicou “o compromiso de que as políticas de igualdade teñan un espazo preeminente nun mundo no que só se fala de economía e dos mercados” e apostillou que “si non é así estaremos condenados ao fracaso”.

100 días

O líder socialista fixo tamén balance dos 100 primeiros días de goberno de Feijóo, protagonizados, dixo, polo “paro, corrupción e engano sistemático aos cidadáns”. Fixo un relatorio dos principais incumprimentos do presidente da Xunta ao baixar o salario aos funcionarios, implantar o copago sanitario, non pagar aos afectados pola fraude das preferentes ou fracasar na reposición do diñeiro aos inversores de NGB.

Engadiu que “agora entendemos por qué adiantou as eleccións 6 meses, para facer un engano masivo ao país” e reclamou que “pregunten polos floteis de Navantia dos que non hai nin avais, polo dique flotante que tampouco hai, e díganlle aos funcionarios de Traballo afectados polo ERE que Feijóo comprometérase a non facer despedimentos”.

Finalizou sinalando que “100 días despois os que cremos na política temos que apostar, en lugar de polo paro, a corrupción e o engano, pola ilusión, a esperanza e o traballo”.

En resposta a preguntas dos xornalistas sobre a consulta á militancia para escoller ao próximo secretario xeral do PSdeG-PSOE, amosouse “orgulloso” de que os socialistas galegos sexan os primeiros de España en plantexar a “liña de futuro da participación cidadá na toma de decisións políticas individualmente”.

Salientou que a proposta de referendo “está atopando acollida” e apostou por acadar nas próximas datas os mecanismos concretos para levalo adiante. Dixo que “o que abre o camiño sempre atopa obstáculos, pero ao final estamos encabezando aos milleiros de socialistas en toda España que cren que este é o camiño axeitado”.

MANIFESTO 8 DE MARZO. DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

O 8 de marzo do ano pasado denunciamos a recén aprobada Reforma Laboral do PP, e usabamos o tempo futuro no noso Manifesto para anunciar o recorte en dereitos que supoñería para as mulleres. Este ano 2013 constatamos enormes retrocesos.

A dereita intenta instalar a idea de que a crise económica é responsable de todo, que non é o Goberno do PP o causante dos recortes senón a herdanza recibida. Pero, non nos deixemos enganar: non é crise todo o que reloce.

A igualdade foi avanzando en España durante os anos de Democracia. Este avance traduciuse nunha vida mellor para as mulleres deste país, así como en máis dereitos para elas e para o conxunto da sociedade.

Isto foi posible grazas ao labor dos Gobernos Socialistas, pero sobre todo grazas á propia sociedade que se modernizou -grazas ás organizacións, ás feministas, á esquerda política e, sobre todo, ás mulleres-. Desta forma, as mulleres fomos ocupando espazos no emprego, na política, e na sociedade, mentres nos achegabamos, en todos os indicadores de participación e calidade de vida, aos homes, rompendo con iso progresivamente a desigualdade. Non obstante, a igualdade non era de todo efectiva, aínda existían e aínda existen desequilibrios. Necesitabamos tempo para seguir avanzando, pero sobre todo para consolidar o conseguido. Un tempo fundamental como comprobamos nestes últimos catorce meses. Porque este último ano, no que o Partido Popular asumiu o Goberno, asistimos a uns dos maiores despropósitos da historia da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O emprego, a premisa que permite a autonomía das persoas, é a nosa principal preocupación. No inicio da crise creceu o desemprego masculino - como efecto da destrución de emprego nalgúns sectores de actividade - non obstante, no momento actual, o desemprego feminino crece espectacularmente como efecto directo das políticas que o Goberno do PP está a aplicar, tal e como comprobamos nos últimos datos da EPA. Esta destrución de emprego é o resultado directo da Reforma Laboral, unha regulación que ademais fai imposible o dereito á conciliación da vida familiar e laboral. E tamén é o resultado do desmantelamento progresivo do Estado do Benestar e os servizos de atención ás persoas, así como o debilitamento de estruturas de apoio ás mulleres tan importantes como a rede de CIMs. A Reforma Laboral do PP expulsa aos sectores máis vulnerables do emprego, e aí están as mulleres. Ademais deixa sen dereitos ás mulleres traballadoras, a todas en xeral e especificamente ás que teñen traballo a tempo parcial, traballo temporal, ou a aquelas que teñen responsabilidades familiares.

O desmantelamento do Estado do Benestar e a política de austeridade do goberno eliminan servizos públicos esenciais, onde traballan moitas mulleres, tanto na Administración Pública coma nas empresas prestadoras. Así, é a redución dos dereitos relacionados coa educación, coa saúde, coa atención á dependencia, cos programas e actuacións dirixidos a mellorar a calidade de vida, o que fai que as mulleres queden en desemprego e ademais que teñan máis dificultades para a conciliación.

Esta lista de recortes en dereitos das mulleres amplíase co anuncio do Goberno do Estado de cambiar a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, cun obxectivo, eliminar o dereito a decidir das mulleres. O camiño está marcado co nomeamento dun novo Comité de Bioética de claro nesgo ultraconservador, no que a maioría dos seus membros se declarou abertamente en contra da decisión das mulleres.

E aínda máis, a lei de taxas xudiciais provoca unha desigualdade no acceso á xustiza, que deixará a moitas mulleres sen a posibilidade de acudir a ela mesmo naquelas ocasións que pretendan escapar dunha situación de violencia de xénero. A todo isto debemos sumar a redución de presupostos e servizos dirixidos a combater a violencia contra as mulleres, tanto no Goberno do Estado como no Goberno da Xunta de Galicia.
Estas accións, e estes recortes, están cargados de ideoloxía. Cando se publicaron no BOE e DOGA non estaban sós, estaban acompañados de múltiples mensaxes que viñan tamén das mesmas filas conservadoras; mensaxes que relacionan a autenticidade de ser muller coa maternidade, a defensa da educación segregada de nenos e nenas, a eliminación da educación para a cidadanía. Mensaxes que pretenden situar ás mulleres de novo nas tarefas de coidado, a crianza e a dependencia.

Todo o acontecido nos catro anos de Goberno de Feijóo como no último ano no Goberno de Rajoy nos leva a un mesmo lugar, bastante familiar, os nosos propios fogares. Porque, en definitiva é o que está a promover o Partido Popular: a volta ao fogar das mulleres.

Dende o Partido Socialista non obstante seguimos traballando pola igualdade e a emancipación das mulleres. Porque cremos que a igualdade entre mulleres e homes é un piar da nosa democracia, e porque temos o firme compromiso cun modelo social que garante a xustiza e a equidade. Sen dúbida, o cambio que necesitamos para saír desta crise, que é económica, pero tamén política e social, pasa por contar con todos e con todas, homes e mulleres, sen desperdiciar capacidades, facendo que a igualdade sexa o centro do cambio.

Ante esta situación este 8 de marzo reclamamos:

- Á derrogación da Reforma Laboral.
- Ao desenvolvemento dun Plan de Emprego para as mulleres de Galicia, que inclúa políticas activas específicas, a promoción do autoemprego e o desenvolvemento dun Plan de Igualdade das mulleres no emprego, dirixido a promover a igualdade e a eliminar a desigualdade salarial.
- Ao mantemento dos dereitos recollidos na Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia.
- Á promoción de políticas que permitan a corresponsabilidade na vida laboral e familiar de homes e mulleres, e o cumprimento da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.
- Ao mantemento da Lei actual de Saúde Sexual e Reprodutiva e Interrupción Voluntaria do Embarazo, así como de todos os centros de planificación familiar da nosa Comunidade.
- Ao impulso de políticas e servizos de prevención da violencia de xénero e apoio ás mulleres que a sofren.
- Á derrogación da Lei de taxas xudiciais.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar