Pachi Vázquez comprométese a “rematar coa especulación” no agro e retirar as subvencións a empresas que non estean ao día no pago aos produtores

Pachi Vázquez comprométese a “rematar coa especulación” no agro e retirar as subvencións a empresas que non estean ao día no pago aos produtores

Pachi Vázquez comprométese a “rematar coa especulación” no agro e retirar as subvencións a empresas que non estean ao día no pago aos produtores

O candidato socialista á Xunta, Pachi Vázquez, comprometeuse a “rematar coa especulación no agro” e retirar as subvencións a empresas que non estean ao día no pago a produtores. Así o anunciou tras manter unha xuntanza con representantes dos sindicatos agrarios, cos que abordou as súas principais preocupacións e aos que lle presentou as propostas do PSdeG para este sector.

Vázquez destacou que os socialistas galegos queren “mirar aos ollos ao rural, e non darlle as costas como está a facer o Goberno de Feijóo”, tendo en conta a importancia das explotacións agrogandeiras, das que viven 65.000 familias en Galicia, e nas que o sector lácteo é clave.

“Se teño a responsabilidade de gobernar este país, como norma sagrada, ningunha empresa recibirá subvencións se non está ao día do pago aos produtores”, sinalou.

Denunciou que, por exemplo na vendima, “hai empresas que reciben subvencións do Goberno galego que aínda non lle pagaron as uvas do ano pasado aos seus agricultores que llas venden, e o mesmo pasa cos produtores de leite”.

Vázquez comprometeuse ademais a adoptar medidas para “que se deixe de usar o leite como elemento especulativo”, exercendo as competencias de inspección, control, consumo e competencia do Goberno galego. “Hai practicas ilegais abusivas e especulativas neste sector que provocan un claro prexuízo aos agricultores e gandeiros e o goberno non pode facer a vista gorda e mirar para outro lado”.

Lembrou que “é inexplicable que os gandeiros galegos, principais produtores de leite, reciban os prezos máis baixos que Asturias ou Andalucía, e que distribuidores e áreas comerciais vendan o leite por debaixo do custo”.

O candidato socialista avogou ademais por facer unha ruta de futuro para este sector, e facelo máis competitivo, para o que se comprometeu a pactar co sector nos primeiros cen días de goberno unha proposta para incrementar a terra útil.

“Para competir necesitamos territorio, e Galicia non pode seguir vivindo nun minifundio”, explicou, á vez que defendeu cumprir os obxectivos anuais de incremento da superficie agraria ante os novos retos da PAC.

Por último o líder dos socialistas galegos expresou o “rexeitamento frontal” do PSdeG aos contratos obrigatorios entre produtores e industrias do sector lácteo, que pretende aprobar o Consello de Ministros.

Criticou que se obrigue as agricultores a asinar un contrato sen coñecer as condicións do mesmo e avogou por poñer enriba da mesa unha figura de mediador que garanta que entre o contrato e o contratado “haxa un equilibrio e se sigan uns criterios”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar