Pachi Vázquez comprométese a "blindar unha sanidade pública, universal e gratuíta"

Pachi Vázquez comprométese a "blindar unha sanidade pública, universal e gratuíta"

Pachi Vázquez comprométese a "blindar unha sanidade pública, universal e gratuíta"

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, comprometeuse hoxe a blindar unha sanidade “pública, universal e gratuíta”. Así o dixo nunha visita ás obras do futuro hospital de Vigo, no que a Plataforma en Defensa coa Sanidade Pública lle fixo entrega dun documento sobre a situación da sanidade galega e o Hospital de Vigo.

Neste encontro coa Plataforma sanitaria, no que tamén participaron o cabeza de lista do PSdeG por Pontevedra, Abel Losada, e a número 4 por Ourense, Carmen Acuña, o líder socialista puntualizou que a sanidade “non é gratuíta, senón que levamos pagando por ela toda a vida para que alguén nola quite agora”, en alusión á política de privatización do PP.

Comprometeuse polo tanto a “deixar sen efecto as medidas de recorte de dereitos á cidadanía e ás persoas traballadoras da sanidade” que levou a cabo Feijóo durante a pasada lexislatura. Subliñou que a sanidade pública “só pode ser universal, gratuíta e solidaria” e esixiu devolverlle o seu carácter de “refuxio seguro para os cidadáns” mentres que a dereita “provoca angustia e incluso medo”.

O líder socialista explicou que un goberno socialista racionalizará o gasto sanitario excluíndo o uso de modelos de financiamento público – privado, para que por primeira vez os centros asistenciais estean obrigados a publicar a súa memoria de xestión.

Hospital de Vigo

Pachi Vázquez comprometeuse a revisar o contrato do novo hospital de Vigo nos 100 primeiros días de goberno para “nunca permitir que alguén xestione con carácter privado” este centro hospitalario. Sinalou que o centro sanitario “está en grave perigo” por falla de financiamento cando o sistema financeiro “non da crédito a 20 anos”, o tempo previsto da adxudicación, e subliñou que “queremos un hospital público para Vigo”.

Comprometeuse a “revisar absolutamente todo” o que se refire a este centro sanitario por canto constitúe “todo un símbolo do que non se debe facer na sanidade pública”. Sinalou que constitúe un “cúmulo de mentiras, medias verdades e sobrecustes económicos innecesarios” cando o goberno recorta a sanidade, cobra os medicamentos aos maiores e despide ao persoal dos centros sanitarios.

Vázquez criticou que Feijóo estea “despilfarrando diñeiro cun modelo de adxudicación público – privada innecesario” co que “incumpriron normas, modelos de contrato e compromisos”. Por este motivo, dixo que un goberno socialista “levantará a documentación que temos para poñernos a negociar coas empresas e resolver o contrato en busca de acordos”.

Lembrou que a concesión asinada polo PP obrigará a pagarlle a unha empresa privada 70 millóns anuais durante 20 anos de concesión, un total de 1.400 millóns, fronte aos 750 millóns de euros con financiamento cen por cen público do proxecto elaborado polo goberno socialista e que foi desbotado por Feijóo ao comezo da lexislatura.

Subliñou que mentres o proxecto orixinal prevía 1.495 camas, o proxecto de Feijóo estima entre 600 e 900 camas, reduce os quirófanos de 36 a 22 e o volume de edificación reduciuse un 30 por cento.

Cultura

O candidato socialista mantivo tamén hoxe, na cidade de Vigo, un encontro con representantes do mundo da cultura no que acadou o compromiso de “poñer en marcha medidas compensatorias” para compensar a suba do IVE da cultura do 8 ao 21 por cento que ven de aplicar o PP dende o Goberno.

Explicou que o obxectivo é acadar o entorno do 10 por cento de IVE cultural aplicado en Europa, e confirmou tamén que “apoiaremos ás industrias e pequenas e medianas empresas do sector cultural e creativo” con “liñas de crédito especiais para potenciar as súas enormes capacidades de xerar actividade económica e benestar”.

Subliñou que os socialistas galegos, que “fomos os primeiros en presentar o programa electoral”, somos “os únicos que estamos presentando medidas propositivas e iniciativas de goberno” de cara ás próximas eleccións autonómicas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar