Pachi Vázquez chama a "converter o desánimo en votos para abrirlle as portas á esperanza"

Pachi Vázquez chama a "converter o desánimo en votos para abrirlle as portas á esperanza"

Pachi Vázquez chama a "converter o desánimo en votos para abrirlle as portas á esperanza"

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, chamou a “converter o desánimo e a desilusión en votos para abrirlle as portas á esperanza, á ilusión e blindar a educación e a sanidade sen deixar a ninguén no camiño”. Así o dixo nun mitin no Barco de Valdeorras no que advertiu que “as cousas en política non se cambian chorando, se cambian votando”.

Pachi Vázquez dixo que nas próximas eleccións “non nos xogamos si gaña o PP ou o PSdeG, xogámonos a educación e o futuro para os nosos fillos, que traballen ou non, que teñan oportunidades ou non, poder ir ao médico e non ter que pagar os medicamentos”.

Dixo que cun goberno de Feijóo haberá que pagar polas consultas na sanidade pública, tal e como está sucedendo en Portugal, e acusou ao PP de facer “que teñamos que ir a urxencias co monedeiro por diante ou pagar 600 ou 800 euros para poñer unha denuncia”. Reclamou “unha Galicia igual para todos e todas, cunha sanidade e unha educación pública, universal e gratuítas, que xa pagamos cotizando o IRPF”.

O líder socialista explicou que “non pagamos todos o mesmo” porque “quen ten moito paga moito cando traballa e o que ten pouco paga menos, pero todos somos iguais cando enfermamos”. Acusou ao PP de impoñer “dúas sanidades”, para ricos e de beneficencia, e dixo que “os médicos temos que pensar en curar ao enfermo porque non estamos para mirarlle a declaración da renda aos que veñen pola consulta”.

Rescate

Acusou ao PP de “rebaixarlle o sueldo a tódolos traballadores” e reducen o poder adquisitivo dos pensionistas mentres preparan un rescate “que non van pagar os grandes bancos, senón que a imos pagar todos”. Criticou que Rajoy e Feijóo queiran “quitarlle o diñeiro aos pensionistas, aos parados, aos enfermos e aos estudantes”, que son as vítimas, para dárllelo aos bancos “que nos meteron neste lío”.

Chamou a “comezar en Galicia un movemento de esquerda que lle diga ao sistema financeiro que ten pagar polo que fixo” e darlle “unha mensaxe clara a toda Europa e aos mercados que teñen que agardar un pouco porque temos que pagar a nosa comida, temos que ir ao médico e os nosos fillos teñen que ir á escola”.

Acusou a Rajoy e Feijóo de “levarnos camiño de Grecia e Portugal”, que “xa tiveron un rescate e están peor que nunca”. Advertiu que o PP “quere un país sen dereitos onde non quede nada” polo que puntualizou que “isto vai do modelo de vida que queremos”, e dixo que “ou nos plantamos e dicimos qué país queremos ou non vale chorar despois”.

Programa electoral

O candidato socialista presentou o seu programa electoral en Valdeorras, que dixo que é “o mais pequeno do mundo, de só cinco palabras: traballo, sanidade, educación, dependencia e igualade entre homes e mulleres”. Anunciou que mentres Feijóo “regálalles aos estudantes como premio fin de carreira unha maleta para emigrar”, os socialistas comprométense a conceder 25.000 bolsas – contrato na próxima lexislatura.

Anunciou un novo imposto á banca –como en Andalucía, Estremadura e Canarias- e ás grandes fortunas de mais de 120.000 euros de renda para retirarlle o copago aos pensionistas. Sinalou que mentres o PP “castiga a quen menos ten” a proposta socialista é retirarlle o concerto aos colexios que segregan por sexos para restablecer os libros de texto gratuítos e rebaixar o transporte e os comedores escolares.

Pachi Vázquez acusou a Feijóo de presentarse como “gran xestor” mentres agocha 400 millóns de euros de déficit –tal e como constatou o Consello de Contas-, fai medrar o paro o dobre que no resto do Estado e multiplica a débeda pública por tres. Dixo que o PP “minte como respira” agochando os contratos de Meisa con OK Hoteis para a Estación de Manzaneda tal e como agochan o contrato con Pemex.

Carmen Acuña

O líder socialista interveu neste acto xunto coa candidata socialista de O Barco, Carmen Acuña, o secretario provincial e tamén candidato número 3 por Ourense, Raúl Fernández, e o alcalde da localidade, Alfredo García. Acuña criticou que Feijóo “non fixera nada en tres anos e medio e de repente vaino facer todo nunha campaña electoral”.

Advertiu que a o goberno do PP suprimiu as axudas ao viñedo, anulou a área sanitaria de Valdeorras, colapsou as urxencias do hospital, fixo desaparecer o Plan da Lousa, descontrolou os lumes, deixou o chan industrial sen abaratar, as escolas a punto de pechar e “ten paralizada a economía e a industria de Valdeorras”. Mentres, dixo, vulnerou a Lei Electoral en 9 ocasións dende que convocou as eleccións.

Anunciou que un goberno de Pachi Vázquez “vai ter moi presente nos consellos de goberno o noso hospital, a nosa educación, os nosos montes, as nosas castañas e todo Valdeorras”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar