Vázquez avoga por "un gran acordo por Galicia" para a recuperación económica, participación e defensa do público

Vázquez avoga por "un gran acordo por Galicia" para a recuperación económica, participación e defensa do público

Vázquez avoga por "un gran acordo por Galicia" para a recuperación económica, participación e defensa do público

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, avogou por acadar “un gran acordo por Galicia” para buscar fórmulas de recuperación económica e xeración de emprego, participación dos cidadáns e defensa do público. Para elo considerou necesario “que o Goberno galego deixe de esconderse e negar a crise en Galicia” e que se estableza un marco normativo ante o novo escenario económico e político, que pasa pola reforma do Estatuto de Galicia.

Tras a xuntanza da Permanente do PSdeG, Vázquez salientou que “con este Goberno, a Galicia vaille peor nesta crise que ao resto de España”. Aludiu así ao crecemento de desemprego, que en Galicia duplicou ao do resto do Estado nestes dous anos; mentres a caída de afiliados á seguridade social medrou o dobre que en España; o diferencial do PIB nos últimos dous anos caeu o 75%, co que Galicia perde aceleración económica; e mentres, o turismo en España medra a un ritmo do 7%, en Galicia decrece ao 8%”.

“Son datos demoledores”, sentenciou Vázquez, aos que engadiu a grave situación que atravesa o naval galego e a preocupación existente no sector pesqueiro. Por elo, dixo, “é difícil de entender que o Goberno galego siga negando a crise en Galicia e que Feijóo se negue a comparecer no Parlamento, e pediulle “que non esconda os problemas dos galegos detrás dos problemas do PP, cun presidente que pensa máis en Génova que en Galicia”.

Fronte a iso, avogou por “sentarnos a falar co Goberno galego de todo o que preocupa á cidadanía: das fórmulas para acadar acordos para mellorar a situación económica e o desemprego; acadar acordos para a defensa do público; habilitar canles de democracia participativa para entrar a fondo nos procesos que está a demandar a sociedade, que incluiría reformas no regulamento parlamentario; e abordar un modelo para simplificar a administración local e para acadar unha austeridade real”.

Reforma do Estatuto
O líder socialista apuntou que ante a situación que afronta Galicia “non podemos estar en inferioridade económica e lexislativa co resto das comunidades” polo que defendeu un acordo entre as forzas políticas para a reforma do Estatuto “para axeitar o novo escenario político a un modelo lexislativo que recolla todas estas cuestións”.

“Estamos no momento clave para garantir aos galegos e galegas que a saída da crise, coas demandas cidadáns, collen forza e xeito político nun novo marco estatutario”. Este novo marco recollería “o que todos queremos e o que a sociedade está a demandar a berros: unha administración local sinxela, operativa, eficiente e austera, e que garanta os servizos públicos e blinde a igualdade lexislativa de Galicia, en dereitos e deberes, co resto de España”.

Advertiu nesta liña que Galicia acudirá ao Consello de Política Fiscal e Financeira “en inferioridade de condicións económicas con respecto ás comunidades que xa reformaron o seu Estatuto”.

Vázquez adiantou así que a principal reivindicación dos socialistas galegos no 25 de xullo será este gran acordo por Galicia, e sinalou que “ese día encheráselle a boca ao Goberno galego falando de Galicia, pero “o que hai facer é traballar nun novo modelo de democracia participativa”.

Un modelo que incluiría a reforma electoral si é necesario, e a modificación do regulamento do Parlamento galego para mellorar as canles de participación cidadá, por exemplo á hora de presentar e tramitar Iniciativas Lexislativas Populares. Vázquez recoñeceu que actualmente o Parlamento ten “un regulamento obsoleto e farragoso, que ten pouco que ver co que demanda a sociedade, que é unha administración rápida, áxil, austera e máis participativa”.

Avogou por “ir máis alá” coa proposta “dun novo marco lexislativo para o noso país; un novo Estatuto que nos daría ferramentas para chegar a Madrid cun acordo no que os investimentos do Estado non sexan voluntaristas, senón legais”. Apostou tamén por acadar unha “austeridade real” simplificando os custos da administración, seguindo a máxima de “un servizo, unha administración”, e que inclúa a regulación de modelos de retribución de alcaldes e todos os servizos que dependen do Goberno galego e do Parlamento.

Por elo, dixo que os socialistas galegos farán dos últimos 18 meses da lexislatura “un escenario de busca de acordos para defender aos cidadáns, no que o Goberno galego empece a dar exemplos de redución de gasto, de simplificación administrativa, e de eficiencia política”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar