Pachi Vázquez avoga por “traballar codo con codo” para capitalizar o sistema financeiro galego

Pachi Vázquez avoga por “traballar codo con codo” para capitalizar o sistema financeiro galego

Pachi Vázquez avoga por “traballar codo con codo” para capitalizar o sistema financeiro galego

O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, ratificou hoxe o compromiso socialista coa defensa e fortalecemento do sistema financeiro galego. Para elo, avanzou que establecerá contactos cos distintos axentes económicos a fin de “buscar do o itinerario máis axeitado para conseguir que o crédito e a liquidez chegue aos homes e mulleres deste país e a emprendedores e empresarios, salvagardando a galeguidade do sistema financeiro”.

“Os bancos e caixas son para gardar con solvencia os nosos depósitos e para facer chegar crédito aos nosos empresarios e emprendedores”, destacou Vázquez, á vez que afondou na necesidade de “garantir a galeguidade do noso sistema financeiro, consolidando o modelo de caixas para que, a través da súa obra social poida reverter na sociedade galega, unha serie de recursos que van dinamizar a nosa cultura ou as nosas infraestruturas”.

“A busca dese camiño é o que nos obriga”, proclamou, á vez que apostou por “traballar codo con codo” para capitalizar o sistema financeiro galego. Lembrou que “formamos parte dun sistema financeiro nacional e internacional”, polo que desbotou posturas de “ aillamento, vitimismo, confrontación ou pouco realismo” que “ non conducen mais que a melancolía e o fatalismo”.

“Temos viabilidade e temos forza”, sinalou Vázquez, que afondou na necesidade de “buscar itinerarios neste novo escenario económico que permitan fortalecer o sistema financeiro de Galicia”.

Vázquez reiterou por elo a necesidade de que Novacaixagalicia faga públicos os seus datos de “cor capital”, xa que “se temos fortaleza hai que defendela e se temos debilidades hai que contrarrestalas”, e sinalou que “mentres todas as caixas xa publicaron a súa situación, “en Galicia seguimos sen sabela”.

“Novacaixagalicia ten que dar estes e outros datos, porque penso que van evidenciar fortalezas, e hai que poñer estas fortalezas sobre a mesa para garantir que somos un sistema viable”, sinalou o líder socialista.

Estatuto
Por outra parte, Vázquez referiuse a outras cuestións abordadas na reunión da Permanente do PSdeG, entre elas as conclusións da Convención Autonómica de Zaragoza, que serviu para “ratificar a defensa dos socialistas polo modelo do Estado Autonómico, cuestionado polo PP”.

Sinalou que para o PSdeG “o Estado das Autonomías significa a modernización e a mellora da calidade de vida de todos os territorios” e avogou por “máis competencia e eficiencia para as autonomías” como o mellor xeito para poñer en marcha os recursos e as políticas máis próximas aos cidadáns.

Neste punto, lembrou que Galicia segue sen abordar a reforma do Estatuto, e lamentou que “por culpa de Feijóo, Galicia quede en inferioridade de dereitos con respecto ao resto do Estado”. Chamou a atención sobre a “incoherencia” e “deslealdade” que supón que o PP aprobe a reforma do Estatuto en Extremadura mentres boicotea un Estatuto para Galicia.

“Está claro que Feijóo non quere mais competencias para Galicia”, sentenciou.

“Feijóo bloqueou a reforma cando estaba na oposición e volve a facelo sendo presidente”, sinalou. “Non pode haber maior deslealdade con Galicia, que o feito de que un presidente, en lugar de buscar apoios para a reforma do Estatuto, faga o posible para bloqueala”, engadiu.

Lembrou que un novo Estatuto suporía “máis competencias e financiamento” polo que acusou a Feijóo de “negar maior financiamento para Galicia por un concepto puramente político”. “É moi doloroso cunha nacionalidade histórica como a galega se vexa obrigada a ir no furgón de cola do modelo autonómico por culpa de Feijóo e do PP”, lamentou, á vez que acusou a Feijóo de ser “cómplice” ao colocarse na liña “antiautonomista de Rajoy”.

Vázquez tamén ratificou, ao igual que o fixo esta fin de semana en Zaragoza, a “defensa a ultranza dos sistemas públicos, principalmente a sanidade, a educación e a dependencia”.

Neste senso, apuntou que “a palabra clave para saír da crise é a educación” e sinalou que “as comunidades que aposten polo capital humano, combatendo o fracaso escolar, mellorando formación profesional, investindo en becas, universidades, investigación e desenvolvemento, serán as que pasen a liderar o crecemento económico”. Por elo, adiantou que o PSdeG manterá unha acción parlamentaria centrada na defensa dos servizos públicos fronte aos ataques do PP, e ratificou “a aposta dos socialistas galegos pola sociedade do coñecemento como saída da crise”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar