Pachi Vázquez avoga por afondar nun debate programático e ideolóxico no seo do PSOE

Pachi Vázquez avoga por afondar nun debate programático e ideolóxico no seo do PSOE

Pachi Vázquez avoga por afondar nun debate programático e ideolóxico no seo do PSOE

O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, avogou por afondar nun debate programático e ideolóxico no seo do PSOE porque “o resultado non se pode resolver con solucións pequenas”. Así o afirmou en declaracións á Cadena Ser antes de viaxar a Madrid para manter mañá unha xuntanza de secretarios xerais e o sábado asistir ao Comité Federal.

Vázquez sinalou que “a dimensión da derrota nacional fai que teñamos que tomar decisións acordes coa magnitude dos resultados” e dixo que a xuntanza de mañá servirá “para escoitar as opinións e propostas de toda España”.

Apuntou que ante a “peor ola de aire conservador que viviu España”, os socialistas galegos “saímos ben” xa que “aínda que os nosos resultados non nos deixan satisfeitos, somos a segunda comunidade de España na que o PSOE acada o mellor resultado, mentres que o PP, aínda tendo uns grandes resultados en Galicia, saca aquí un dos peores de España”.

Sinalou que das oito cabeceiras de provincia que manteñen os socialistas en España, dúas están en Galicia, e que de 1.100 concelleiros e concelleiras o PSdeG pasa a 990”.

Por elo, salientou que o PSdeG “resiste, con dúas dimisións – as de Losada e Marón na Coruña- por cuestións fundamentalmente de ámbito persoal, e o resto con ganas de traballar no proxecto municipal socialista”.

Recoñeceu que no caso da provincia da Coruña, uníronse varios factores, entre eles a perda da alcaldía de Santiago por oito votos, que levou a que “as tres cidades sufrisen un importante revés”. “Temos que traballar e afondar na diagnose do que pasou, pero dende o traballo e a colaboración de todos e todas”. Aclarou que “houbo unha ola nacional, pero en cada concello todo o mundo fixo o que puido e con moitísima vontade de traballo”.

Preguntado polos pactos de goberno nos concellos, Vázquez sinalou que, “está todo moi incipiente e pendente de acordos dos consellos e comités, pero hai unha liña clara de que vai haber apoio á gobernabilidade dos partidos de esquerda en Galicia”. “É un primeiro paso importante”, apuntou, para engadir que “onde a forza máis votada sexa o BNG, o PSdeG prestará apoio e garantirá a investidura, e logo haberá que falar de xeitos de gobernabilidade”. “O máis importante é que a candidatura de esquerda máis votada saia adiante”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar