Pachi Vázquez asiste á constitución do grupo de traballo de deportes da executiva do PSdeG

Pachi Vázquez asiste á constitución do grupo de traballo de deportes da executiva do PSdeG

Pachi Vázquez asiste á constitución do grupo de traballo de deportes da executiva do PSdeG

Os socialistas denuncian a falta de consenso acadada pola Lei do Deporte, un texto que ofrece a imaxe dunha administración obsesionada co control da dopaxe pero que non defende o dereito a realizar actividades deportivas ou a innovación e a investigación

Critican o constante descenso escandaloso das achegas e dos investimentos en infraestruturas deportivas da Xunta

A suba do IVE dos ximnasios acompañada polos recortes que están a sufrir os clubs e as federacións, provoca que o deporte só o poidan practicar as elites económicas da cidadanía, afirman os socialistas

Baixo a presidencia do Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, constituíuse o Grupo de Traballo de Deportes do PSdeG-PSOE. Este grupo, que coordinarán o Secretario Executivo deste área, Diego Fernández e a parlamentaria, Carmen Acuña, está formado por responsables orgánicos provinciais, concelleiros do PSdeG-PSOE, técnicos especialistas na materia e representantes de Federacións Deportivas, que se coordinarán co tecido deportivo galego para buscar solucións aos problemas relacionados co deporte.

Entre os asuntos que se abordaron na primeira xuntanza, estivo a Lei do Deporte de Galicia. Os socialistas critican a falta de consenso para a súa aprobación, o pasado 27 de marzo, e lamentan que traslade a imaxe de ser un texto dirixido á persecución da dopaxe, deixando á marxe asuntos substanciais como o dereito a realizar actividades deportivas. Tamén denuncian a incompleta visión do campo da investigación e da innovación deportiva dos populares que traslada o texto definitivo da lei.

En resumo, para o PSdeG-PSOE esta Lei constitúe un intento de maquillar a falla de compromiso do Goberno de Feijoo co deporte en Galicia.

Os socialistas quéixanse tamén de que, a pesar das múltiples demandas realizadas, non se aprobou un Plan de infraestruturas deportivas en Galicia. Isto permitiría un maior control sobre a funcionalidade das instalacións construídas.

Denuncian que as dotacións económicas destinadas ao deporte galego na etapa de Feijoo descenderon uns 45 millóns de euros, é dicir, recortáronse un 48% as achegas destinadas ao deporte en Galicia. En canto aos investimentos, os fondos dirixidos a equipamentos e a programas deportivos sufriron unha caída escandalosa do 88% das dotacións orzamentarias, pasando de 14,3 millóns de euros no 2009 a 1,7 no exercicio 2011.

Ademais, recuperando vellas políticas, os compromisos para novas infraestruturas deportivas non se fan conforme ás necesidades da cidadanía, se non segundo a cor da alcaldía dos concellos.

Os socialistas botan de menos que non se creara o rexistro de profesionais do deporte en Galicia. E recriminan á Xunta a falla de apoio ao deporte base, ademais de paralizar a promoción do deporte feminino. Denuncian tamén a adopción de medidas totalmente sectarias, como foi a supresión da Selección Galega de Fútbol ou a falta de apoio que trouxo consigo a desaparición do equipo de ciclismo galego.

O goberno de Feijoo fixo un brutal recorte nos fondos dirixidos aos concellos para infraestruturas deportivas, pasando dos máis de tres millóns de euros no ano 2009 a ser practicamente inexistentes neste período (272.000 euros), é dicir, unha caída de máis do 90%, subliñan os socialistas. Reducíronse as axudas dirixidas a clubs e a entidades deportivas, rebaixando en máis de 6,7 millóns de euros as transferencias destinadas a estes colectivos, este novo recorte supón unha terceira parte de recursos menos a dispor polas entidades e clubs deportivos de Galicia.

As achegas aos clubs deportivos estanse a pagar cun ano de retraso, imputando as correspondentes ao ano 2011 no orzamento 2012, polo que non cumpriron unha anualidade.

Os socialistas reprochan á Xunta que, tras aprobar un pírrico orzamento para o deporte no ano 2012, reuniron ás Federacións deportivas no mes de abril para comunicarlles que lles recortan sobre un 15% as achegas destinadas.

Todo isto o tratan de tapar e maquillar co Plan Galicia Saudable, Plan que unicamente é propaganda política, explica o Secretario de Deportes da Executiva do PSdeG-PSOE, Diego Fernández.

Os socialistas expresaron o seu compromiso coa demandada de que as instalacións deportivas dos centros educativos poidan ser utilizadas polas entidades deportivas e polos concellos fora do horario lectivo, variando o estipulado no convenio actual no que se lle da a última palabra aos centros educativos.

Para os socialistas é primordial que dende a administración autonómica se axude aos clubs e entidades deportivas para garantir o tecido deportivo e o deporte base en Galicia.

O PSdeG-PSOE criticou duramente a suba do 8% ao 21% o IVE dos ximnasios, pois esta medida, acompañada polos recortes que están a sufrir os clubs e as federacións, provoca que o deporte só o poidan practicar as elites económicas da cidadanía.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar