Pachi Vázquez aposta por reforzar sectores estratéxicos mentres "Feijóo está encantado consigo mesmo e di que todo vai ben"

Pachi Vázquez aposta por reforzar sectores estratéxicos mentres "Feijóo está encantado consigo mesmo e di que todo vai ben"

Pachi Vázquez aposta por reforzar sectores estratéxicos mentres "Feijóo está encantado consigo mesmo e di que todo vai ben"

O secretario xeral do PSdeG e candidato á Xunta de Galicia, Pachi Vázquez, avogou hoxe por reforzar os sectores estratéxicos de Galicia co fin de “converter a economía especulativa en economía competitiva e produtiva”. Así o afirmou nunha visita á Feira do Moble da Estrada, na que lamentou a “soidade” na que o Goberno de Feijóo deixou aos sectores produtivos de Galicia nestes anos e na que apostou pola posta en marcha de medidas para a súa potenciación.

O líder socialista dixo que “Feijóo está encantado consigo mesmo e di que todo vai ben, pero non pode ir ben ata que teñamos claro que temos que pensar só en Galicia e en sacar adiante este país”, proclamou.

“Temos un Goberno e un presidente que non dan a cara, que están escondidos a ver si pasa o tempo”, lamentou Vázquez, quen lembrou que “o mesmo Feijóo que percorría Galicia ofrecendo solucións, agora está agochado esperando a ver se pasa este mal trago”.

O líder socialista avogou por traballar para “parar a economía do sufrimento para comezar coa economía do crecemento”. Sinalou que “en Galicia somos os primeiros produtores de madeira pero non somos quen de darlle valor engadido, ao igual que sucede co leite e outros sectores”.

Afondou así na necesidade de contar cun goberno que aposte polos sectores estratéxicos. “Non podemos deixalos sos en momentos difíciles, como está a facer o Goberno de Feijóo. Vir cando vai todo ben é fácil, pero hai que vir a axudarlle cando as cousas non van tan ben para buscar solucións”, dixo.

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta apuntou que “para que haxa emprego ten que haber un goberno que queira emprego, e que poña en marcha medidas reactivadoras da economía”.

Canalizar o gasto improdutivo
Fronte ao desinterese do Goberno galego, Pachi Vázquez avogou por facer “unha Galicia distinta”, e reducir o gasto improdutivo para canalizar todo ese gasto a potenciar os sectores estratéxicos. “Non son problemas destes sectores, senón problemas de país”, remachou.

Fronte a isto, Pachi Vázquez transmitiulle ao sector madereiro o seu compromiso “de ilusión, optimismo e traballo, porque non van a estar sos, senón que nos estaremos permanentemente pensando en cómo axudar”.

Aludindo ao candidato do PP, dixo que “algúns din que hai que aguantar sen respirar, pero non se pode aguantar mais. Necesitamos un goberno proactivo que se meta no problema e queira sacar adiante este país”.

“Cando escoito dicir ao presidente da Xunta que Galicia vai mellor digo: pois cómo irán os outros”, ironizou, para lembrar que “Galicia non vai mellor, porque o paro crece o dobre que no resto do Estado, destrúense o dobre de empresas que en España, e pecharon o dobre de comercios”.

Paralización Cidade do Moble

Nesta liña, o candidato socialista á presidencia da Xunta criticou que tanto o Goberno galego como o Goberno da Estrada “enganaron á xente” respecto á Cidade do Moble. “Antes de chegar a gobernar dixeron que o ían arranxar todo, e cando chegaron desapareceron”.

“A Cidade do Moble é necesaria porque é símbolo, sistema de axuda á competitividade e a incrementar produtividade”, destacou, á vez que lamentou que “nin o Goberno da Xunta, nin moito menos o Goberno local teñen a cabeza en buscar unha solución”.

Pachi Vázquez ratificou así o seu compromiso con ese proxecto, xa que “o sector forestal é clave na economía produtiva, e A Estrada ten que ser capital deste sector estratéxico”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar