Pachi Vázquez anuncia unha oposición dura para parar a unha dereita sen piedade de ninguén

Pachi Vázquez anuncia unha oposición dura para parar a unha dereita sen piedade de ninguén

Pachi Vázquez anuncia unha oposición dura para parar a unha dereita sen piedade de ninguén

Propón un partido “útil” para defender ao país dunha dereita á que “dálles igual os enfermos que os pensionistas, unha dereita que lles da igual os das preferentes que os traballadores públicos”

Considera unha barbaridade afastar a política de proximidade da cidadanía, rexeita o proxecto do Goberno que deixa en mans das deputacións os concellos de menos de 20.000 habitantes

Rajoy e Feijóo sabían o de Baltar, pero foi o PSdeG o que desde sempre o viña denunciando. Advirte que Feijóo volverá a contar co apoio de Baltar este sábado, no Congreso do PPdeG

O líder socialista propón un pacto de todas as forzas políticas polo emprego, en contraposición a Feijóo, que só fala de despedimento de traballadores públicos e de privatización de servizos básicos

O Partido Socialista vai traballar desde a oposición “con toda dureza” para parar a unha dereita que “non ten piedade de ninguén”, anunciou hoxe o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, nunha entrevista no programa Bos Días da TVG. Vázquez propón un partido “útil” ao país contra unha dereita á que “dálles igual os enfermos ou os pensionistas, unha dereita á que dálle igual os das preferentes ca os traballadores públicos, e que agora van privatizar a maioría dos concellos de Galicia”.

Rexeitou que o Goberno do PP vaia aprobar o vindeiro día 25, no Consello de Ministros, un proxecto de Reforma da Lei de Bases de Réxime Local polo que se suprimen de facto os concellos de menos de 20.000 habitantes. Vázquez salienta que isto suporía que nas provincias de Lugo e Ourense “só quedarían as cidades”. “Esa é unha barbaridade que vai afastar a política cotiá dos cidadáns”, denunciou o dirixente socialista. “Os servizos públicos, o lixo, a asistencia social... van privatizalas e non sobran os concellos, o que sobra é o gasto superfluo”, argumentou. Pachi Vázquez tampouco é partidario de que se afasten os servizos básicos dos cidadáns, porque o receptor do servizo “non debe saír prexudicado”. Polo tanto, non comparte o informe do empresariado alentando á supresión de concellos.

Todos os concellos de menos de 20.000 habitantes, a maioría, van quedar delegados nas deputacións, “imaxínese Ourense”, salientou Pachi Vázquez. “A deputación de Ourense xestionando todos os concellos da provincia é un escándalo de dimensións bíblicas”, exclamou.

Preguntado pola investigación a José Luis Baltar por prevaricación continuada, Pachi Vázquez recordou que el fora portavoz na Deputación e que o Partido Socialista levaba moitos anos denunciando as irregularidades nas contratacións desta institución. “O sabía Feijóo e o sabía o PP, e Feijóo usou a Baltar para gañar estas eleccións”, acusou Vázquez. “É curioso que sexa agora, logo das eleccións, cando ninguén quere saber de Baltar e todos o repudian”, ironizou, “os que sempre o repudiamos, o que o denunciamos foi o Partido Socialista”. Pachi Vázquez adiantou que o vindeiro sábado, “Feijóo volverá a contar co apoio de Baltar e da trama de corrupción de Blatar e de Louzán”. O próximo venres, continuou, “ o Partido Popular vai aprobar unha lei que lle vai dar todo o poder ás deputacións e fai desaparecer a máis do 50% dos concellos galegos”.

Recriminou ao Presidente da Xunta que non propoña pactos para crear emprego e só o faga para desmontar a sanidade pública, para reducir deputados ao mesmo tempo que el aumenta asesores. “Imos acadar máis de 300.000 galegos e galegas en paro e reducen nun 40% as políticas de emprego” polo que Vázquez lanzou a proposta dun pacto de todas as forzas políticas para a creación de emprego.

“Gañar unhas eleccións non che da dereito a destruír o modelo de país e un modelo social, cando queiran pactos para crear emprego, defender a sanidade e a educación públicas, imos estar aí, pero que non nos chamen mentres despiden a miles de traballadores públicos, porque aí non nos van atopar”, sentenciou o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE.

O PRIMEIRO CONGRESO DO NOVO SOCIALISMO

Preguntado polas conclusións do pasado Comité Federal do PSOE, Vázquez definiu o momento polo que están a pasar os socialistas como “duro”, polas derrotas electorais, pero “fermoso”, porque “estamos escribindo un novo modelo socialista”. O PSOE ten uns valores de máis de 130 anos, “pero hai que actualizalos”, explica o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE. Os socialistas comprometéronse a “renovar, actualizar e solucionar os problemas dos cidadáns con propostas distintas”.

Este proceso vaise distinguir pola aposta pola participación. Tal e como anunciou Vázquez, os socialistas esperan a participación de miles de galegas e galegos. Unha cidadanía que, a tan só pasados tres meses dunhas eleccións, xa comprobaron que os populares enganaron aos pensionistas, aos funcionarios, aos das preferentes, que enganaron ao sistema financeiro, o naval... “Esas mentiras todas nos dan forza para volver traballar, desde a oposición, en construír un país distinto, baseado nun novo modelo para uns tempos novos”, dixo.

Pachi Vázquez manifestou a súa intención de defender nesa Conferencia Política a elección polo sistema de primarias dos Secretarios Xerais, “porque é a única maneira de que se poida escoller aquí” por este método. “Esa batalla política vouna a dar e creo que o imos conseguir”, sentenciou. Por iso é partidario de celebrar primeiro a Conferencia e a continuación o Congreso Nacional. Rexeitou “a guerra de sillóns, e o debate de caras” e apostou porque o congreso galego sexa “o primeiro do novo modelo” do socialismo.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar