Pachi Vázquez anuncia que un goberno socialista volverá contratar profesores e sanitarios

Pachi Vázquez anuncia que un goberno socialista volverá contratar profesores e sanitarios

Pachi Vázquez anuncia que un goberno socialista volverá contratar profesores e sanitarios

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, comprometeuse en Ourense a “volver a contratar a profesores e sanitarios” e a non despedir a ningún traballador público”. Nun mitin en Ourense, asegurou que os orzamentos educativos e de sanidade non serán nunca inferiores aos do exercicio anterior.

O líder dos socialistas galegos anunciou que o seu Goberno “non despedirá a ningún traballador público nos próximos catro anos, xa que non hai dereito a que hoxe teñamos 2.500 profesores menos que fai catro anos”, e insistiu “volveremos contratar profesores e sanitarios”.

Vázquez participou nun mitin electoral en Ourense no que tamén participou o ex vicesecretario xeral do PSOE, Alfonso Guerra, a candidata socialista María Quintas e o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, apostou por “saír da crise pola esquerda”.

Lembrou ademais que hoxe comezou o xuízo polo desastre do petroleiro Prestige “un accidente no que nos quixeron enganar a todos dicindo que iso non estaba pasando", e criticou que “os responsables daquilo seguen presidindo o Goberno de España”.

Por iso reclamou “parar outra marea negra, a de Rajoy e Feijóo”. E resumiu “temos que poñer en marcha outra marea: a marea silenciosa dos homes e mulleres que non queren volver pasar por iso; dicir a Feijóo e Rajoy que xa está ben de enganos e mentiras”.

Asegurou que un goberno socialista destinará os seus recursos a apostar polo sistema produtivo, os emprendedores, o comercio e os autónomos para “cambiar a economía do sufrimento pola economía do crecemento” garantindo os servizos públicos. Anunciou que fará “que tódalas consellerías se centren en aforrar mais en gastos innecesarios e improdutivos para incentivar a creación de emprego”.

Neste sentido, anunciou unha nova fiscalidade que xerará mais ingresos cun maior control da fraude fiscal, a aplicación dun novo imposto á banca e o incremento da fiscalidade dos grandes patrimonios e as grandes áreas comerciais, ademais de aplicar impostos medioambientais.

Pachi Vázquez comprometeuse a aplicar un “plan de choque” para “empregar e dar ocupación a 7.000 mulleres cada ano”, ademais de garantir outros 15.000 contratos para parados de longa duración e 25.000 bolsas contrato para mozos e mozas.

Saír da crise pola esquerda

Vázquez dixo que as próximas eleccións serán “un referendo sobre os recortes de Rajoy e de Feijóo” porque “imos votar sobre os recortes e se queremos que os sigan aplicando”. Chamou ao voto para frear a política antisocial do PP e para que Galicia “sexa a comunidade pioneira na saída da crise pola esquerda”.

Anunciou que o próximo domingo Galicia demostrará que “hai outra forma de saír da crise pola esquerda”, e animou a “seguir traballando ata o último minuto para convencer aos indecisos e aos centos de miles de galego e galegas indignados con Rajoy e Feijóo”. Advertiu que “si a maioría dos que están indignados e queren cambio votan, haberá cambio”. Dixo que o día 21 “imos escribir unha das páxinas máis fermosas da historia de Galicia”.

Ademais comprometeuse a que este cambio permita saír da crise garantindo a gratuidade e a universalidade da sanidade pública, os recursos suficientes para o sistema educativo público de Galicia, e facendo da igualdade entre homes e mulleres “unha ferramenta útil, por xustiza e para aproveitar a metade do talento de Galicia”.
Afirmou “imos blindar a sanidade e a educación, porque elas non son as culpables da crise, senón as vítimas”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar