Pachi Vázquez levará a desaparición das caixas galegas aos tribunais

Pachi Vázquez levará a desaparición das caixas galegas aos tribunais

Pachi Vázquez levará a desaparición das caixas galegas aos tribunais

 

O presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, anunciou que o PSdeG levará aos tribunais a xestión que levou á desaparición da caixas galegas porque “alguén ten que pagar por mentir, por malgastar, por estafar e por enriquecerse ilicitamente”. Así o dixo na comparecencia de Feijóo na Comisión de Investigación das caixas, na que acusou ao presidente da Xunta de “enganar” co proceso de fusión.

O responsable socialista anunciou unha denuncia para “depurar responsabilidades políticas e xurídicas e para que o Parlamento non sexa cómplice” da estafa. Acusou ao presidente da Xunta e á ex conselleira de Facenda Marta Fernández Currás de mentir e ser cómplices cos anteriores xestores ao malgastar, estafar aos preferentistas e enriquecerse ilicitamente coas indemnizacións millonarias.

Afeoulle ao presidente da Xunta que “logo de catro anos falando a diario da fusión das caixas, agora que xa non hai caixas resulta que vostede non é responsable de nada”, e engadiu que “diga o que diga a Comisión, pasará á historia como o enterrador do sistema financeiro de Galicia”.

Pachi Vázquez situou ademais a Feijóo como “cómplice necesario” da decisión de Rajoy, o ministro De Guindos, o Banco de España e o FROB “van regalar o banco deste país”, incluíndo 9.000 millóns de euros de diñeiro público inxectados, logo de anunciar a subasta de NGB durante o verán. Explicou que “si os cidadáns malamente poden entender que se rescate un banco con diñeiro público, o que non entende ninguén é que se regale”.

Xulgado
Pachi Vázquez reclamou a interposición dunha denuncia no xulgado “polo saqueo do aforro e das caixas galegas” e levar á xustiza a petición de responsabilidades xudiciais dos actores desta “gran estafa a Galicia”. Advertiu que, de non ser esta a conclusión da Comisión de Investigación, serán os socialistas galegos os que tomen a iniciativa diante dos tribunais.

Sinalou que Feijóo e o PP serán os “responsables de que Galicia siga crendo na política e no Parlamento” ou non en función de si depuran as responsabilidades pertinentes “caia quen caia”.

O líder socialista esixiulle ao presidente da Xunta que “deixe de mentirlle ao Parlamento e a Galicia” e acusouno de ter retrasado a Comisión de Investigación logo de 20 meses de tela solicitado os socialistas galegos para deixar pasar as eleccións e eludir as súas responsabilidades. Dixo que o PP quere “dar por pechada a maior desfeita da historia do sistema financeiro deste país”.

Por este motivo, dixo, os socialistas galegos presentarán as súas propias conclusións en base ás 75 horas e 50 comparecencias na Comisión de Investigación porque “esta Comisión non pode ser a alfombra debaixo da que se esconde todo o lixo deste caso”.

Engadiu que “Galicia non perdoaría a este Parlamento que isto sexa unha representación teatral, un lavado de cara”.

Engano

Advertiu que o presidente da Xunta “enganou ao Parlamento, aos galegos e galegas, aos das preferentes, aos empresarios galegos que investiron e perderon 70 millóns de euros, aos traballadores das caixas ou aos sindicatos”.

Acusouno de ter presionado politicamente en Galicia coa maioría absoluta “e chantaxeado ao Banco de España coa posición do PP na reforma bancaria” ata que Galicia quedou sen sistema financeiro. Dixo que “das moitas posibilidades” o presidente da Xunta “escolleu a peor, escolleu o camiño que remata coa desaparición das caixas”.

O responsable socialista criticou que na Comisión “ninguén é responsable de nada” despois dunha “fusión política forzada polo PP”, de ter gastado 9.500 millóns de euros de diñeiro público, de estafar 1.800 millóns de euros en preferentes e subordinadas, de pechar 400 oficinas, despedir a 4.000 traballadores e deixar sen crédito ás familias e empresas galegas.

Explicou -amosando as imaxes de Feijóo brindando cos responsables das caixas no momento da fusión- que a conclusión do proceso é que “nin temos caixas, nin temos banco, nin temos crédito”. Dixo que “a única realidade é que das tres nacionalidades históricas, Galicia, Cataluña e Euskadi, a única que queda sen sistema financeiro propio é Galicia”.

Auditoría

Como exemplo, sinalou que a suposta auditoría empregada por Feijóo para xustificar a fusión “non era auditoría nin due diligence, era un corta e pega que custou un millón de euros”, que ademais “non recomendaba a fusión”, que incluía que “tiña que colocar 400 millóns de euros en preferentes”.

Ademais, este documento estimaba un custe de 1.100 millóns de euros “e houbo que poñer 9.500, mais que a débeda pública de Galicia”, e “en vez de prexubilar a 1.200 traballadores houbo que despedir a 4.000” e finalmente “hai que vender por o que nos dean e xa! NGB a un fondo de inversión norteamericano, ou inglés, ou á banca nacional”.

 

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar