Pachi Vázquez anuncia accións xurídicas para levantar o segredo da Comisión de Investigación

Pachi Vázquez anuncia accións xurídicas para levantar o segredo da Comisión de Investigación

Pachi Vázquez anuncia accións xurídicas para levantar o segredo da Comisión de Investigación

O presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, anunciou que os socialistas galegos emprenderán accións xurídicas no caso de non levantarse o segredo da información que manexa a Comisión de Investigación sobre as caixas. Así o dixo antes da sesión deste órgano, no que o portavoz socialista, Abel Losada, lembrou que este Grupo remitiu unha solicitude de amparo neste sentido o pasado venres sen que fora respondida a día de hoxe.

Antes da Comisión de Investigación, o líder socialista, Pachi Vázquez, advertiu que os socialistas galegos “demostraremos xuridicamente” que a documentación declarada reservada polo PP “non pode ser segredo”. Advertiu que “mais pronto que tarde conseguiremos que toda Galicia teña acceso a documentos que pagaron tódolos cidadáns deste país”, en alusión a suposta auditoría de KPMG que segundo Feijóo avalaba a fusión.

O responsable socialista dixo que esta documentación demostra “o gran fiasco do sistema financeiro de Galicia provocado por un goberno e un presidente que intenta esconderse detrás desta Comisión de Investigación”. Acusou así a Feijoó e ao PP de converter o órgano nunha “comisión de desinformación” para amparar un “lavado de cara” do presidente.

Vázquez salientou o seu “profundo escepticismo” sobre o traballo deste órgano polos impedimentos do goberno galego que apuntan a “un intento do goberno e do PP de tapar a principal resopnsabilidade de que Galicia quedara sen sistema financeiro”. Reclamou que se faga público un informe que segundo a Xunta dicía que a fusión sería viable con 1.000 millóns de euros pero xa recibiu 9.000 e hoxe “non da crédito”.

Amparo

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, lembrou ao comezo da sesión que a presidencia da Cámara e do Parlamento aínda non respondeu á solicitude de amparo emitida polos socialistas galegos o pasado venres para levantar o segredo daquela documentación. Dixo que os criterios para declarar a reserva non se sosteñen por canto se basean “na preservación de estratexias de negocio dunhas entidades que hoxe non existen”.

Ademais, criticou as dificultades impostas pola Cámara para o acceso á información, nunha sala de reducidas dimensións na que se atopan mesturados os documentos segredos e os públicos. Isto impide o acceso á información pública aos técnicos que colaboran cos grupos parlamentarios.

Denunciou tamén a “epidemia de exterminio de anexos importantes” que foron excluídos da documentación remitida á Cámara, o que augura a “ocultación premeditada dalgunhas cuestións” relacionadas coas asembleas xerais das entidades financeiras. Finalmente, criticou que o PP utilice o escaso tempo de traballo do órgano para “introducir un ritmo que impide ter vista a información de maneira eficiente”.

Losada subliñou o “escepticismo radical” dos socialistas galegos diante da estratexia do goberno galego para impoñer “retraso e néboa” nos traballos deste órgano, como demostra a estratexia de facer coincidir no mesmo día, mañá venres, das comparecencias mais relevantes, co obxectivo de “difuminar esta comisión”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar