Pachi Vázquez anuncia a estratexia colectiva dos socialistas para presentar alternativas contra o desemprego

Pachi Vázquez anuncia a estratexia colectiva dos socialistas para presentar alternativas contra o desemprego

Pachi Vázquez anuncia a estratexia colectiva dos socialistas para presentar alternativas contra o desemprego

Un documento recolle a acción común que os 64 deputados e deputadas do PSdeG levarán a cabo nos distintos foros en materia de políticas activas de emprego, modelo de financiamento, modelo de Estado ou defensa dos concellos ante a reforma da Lei de Bases de Réxime Local

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE manifestou a satisfacción pola incorporación ao traballo de Carmela Silva, presente na reunión

Lamenta que chegara tan tarde, pero espera que o proceso investigación a Baltar permita que non se volvan repetir prácticas masivas de clientelismo en Ourense

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, salientou da reunión interparlamentaria que mantiveron hoxe os representantes do PSdeG-PSOE a “unidade de acción” unha “estratexia colectiva” para levar aos distintos foros institucionais “os problemas que atenazan á sociedade” e as solucións “que os cidadáns demandan”.

O PSdeG-PSOE ten 64 deputados, que confiren representación aos socialistas de Galicia no Congreso, o Senado, Parlamento de Galicia, Parlamento Europeo e Deputacións, que na reunión de hoxe reforzaron a coordinación da acción política “nas áreas que consideran os socialistas prioritarias.

Os socialistas elaboraron hoxe un documento que centra as prioridades que van abordar neste comezo de ano os grupos parlamentarios do PSdeG-PSOE. Pachi Vázquez salientou a preocupación social polo desemprego, a grande crise económica e a crise nos sectores produtivos do país.

“España lidera o paro en toda Europa e Galicia lidera o crecemento do paro en España”, denunciou o Secretario Xeral dos socialistas galegos, ao abeiro dos datos de decembro. A este dato habería que engadir a preocupante predición de varios organismos internacionais que cifran un crecemento de seis puntos o paro para 2013, mentres que nos Orzamentos de Galicia decrecen nun 40% as partidas destinadas a políticas de emprego, “isto é incomprensible”, critica Vázquez.

Acusa ao Goberno galego de “renderse” a esas predicións, que, de cumprirse poden situar a Galicia por riba dos 300.000 parados “aos que non lles queda unha soa esperanza nin ilusión de ver cómo poden sacar adiante a súa necesidade vital”.

Pachi Vázquez culpa a Feijóo de que cada vez haxa máis persoas que non buscan emprego, nin se molestan a enviar currículos porque saben que “diante deles hai un Goberno insensible que non quere oír falar” dos seu principal problema.

Por iso os socialistas van traballa coordinadamente en todas as institucións onde teñen representación para presentar iniciativas sobre políticas activas de emprego, plans de emprego xuvenil, ou para modificar o sistema financeiro galego “que este goberno sigue tapando”, apunta o máximo dirixente dos socialistas galegos.

En relación ao sistema financeiro Vázquez afirmou que “todos coñecemos que ten data de caducidade”, e condenou o “ocultismo sobre o noso futuro” financeiro por parte de Feijóo. Cada día almorzamos cunha nova situación ata o punto de que os propios sindicatos solicitan xa que se subaste a entidade con carácter inmediato, “mentres o Goberno galego sigue ausente e oculto e di que non ten nada que ver”.

Os socialistas presentarán iniciativas que reflicten a preocupación da sociedade polo sector industrial, cuxo índice “cae estrepitosamente”, sobre o sector eólico, completamente paralizado e sen crear un só posto de traballo ou o sector pesqueiro.

Mención especial fixo Pachi Vázquez ao sector naval. Para o Secretario Xeral dos socialistas galegos “onte se confirma unha vez máis que non había licitación, non había contratos con PEMEX” . Cualificou de “grotesca” a información emanada da Xunta na que se di que, os contratos se van dar igual a pesares de terse que someter previamente a concurso. Esixe aos populares que “deixen de enganar á xente” que está a sufrir despedimentos masivos e que ven que o Goberno de Feijóo e o de Rajoy, lonxe de incentivar políticas de contratación “estaos enganando”.

Os socialistas continuarán coa defensa das garantías sociais. Reprochou Vázquez que “non hai goberno que incumprira as promesas electorais ao ritmo que o de Feijóo”, citando que, en contra do que prometeran, “tocaron as pensións, non solucionaron o das preferentes, hai copago para o transporte sanitario e ortopedia, tocouse o soldo dos funcionarios, é difícil ir á velocidade de incumprimentos que leva este Goberno”, aseverou.

En relación ao debate do modelo de autogoberno, Pachi Vázquez adiantou que os socialistas presentarán un modelo de Estado “que non comparte nin o soberanismo catalán nis as posturas centrípetas do PP”.

Referiuse tamén á probable aprobación no vindeiro Consello de Ministros do día 18 da reforma da Ley de Bases de Réxime Local, e que retira as competencias aos concellos de menos de 20.000 habitantes para concentralas nas deputacións. Salientou que, dos 315 concellos galegos, a maioría se verán afectados por esta lei (salvo unha veintena aproximadamente). Vázquez anunciou que na vindeira semana, a través dos representantes na Fegamp, os socialistas deixarán clara a posición fronte ao PP “que quere destrozar a autonomía local”. “É o momento de unir esforzos e dicirlle a Feijóo e a Rajoy que non poden anular a política de contacto cos cidadáns”.

No Parlamento de Galicia, o Secretario Xeral do PSdeG anunciou que o seu grupo asixirá que se cumpla a lei da Compañía de Radio e Televisión de Galicia e que “se esta a incumprir sistematicamente polo Goberno”. Consecuencia disto, estase “nun limbo xurídico incomprensible”. O 17 de decembro pasado remataba o último dos prazos dados para o seu cumprimento, polo que o Grupo Socialista está a estudar as medidas para esixir ao Goberno o cumprimento da lei.

Sobre a redución do deputados proposta polo PP, Vázquez considera curioso que “un partido que aumenta o número de asesores do seu presidente, propoña a rebaixa dos compoñentes dos grupos parlamentarios que representan aos cidadáns”. “Recortes en gastos si, en recortes en democracia participativa non nos atoparán”, dixo o dirixente socialista.

Pachi Vázquez manifestou en nome propio e dos presentes na Interparlamentaria dos socialistas galegos a “enorme satisfacción” por contar coa presenza de Carmela Silva na reunión, tras facer efectiva a súa incorporación a actividade política logo dun tempo dedicado ao tratamento da súa enfermidade.

Preguntado pola decisión de Baltar de pedir a baixa no PP antes de prestar declaración ante o xuíz, Vázquez situou este xesto dentro da “batalla interna do Partido Popular” e afirmou que corresponde a Rueda e Baltar explicarse sobre a súa relación política. De todos xeitos matizou que “ o que me parecería exemplar é que non fixera todo o que fixo”. “A xustiza que non chega a tempo é menos xustiza”, dixo en relación coa tardanza en tramitarse as reiteradas denuncias socialistas, pero espera Vázquez “que sirva para que non se repitan estas prácticas masivas de clientelismo” na provincia de Ourense.

Respecto á moción de censura en Vilamartín, encadrase por parte do dirixente socialista “na política de compra de vontades dentro do PP de Ourense”. Salientou que en este municipio hai un bo alcalde socialista que “rematou cunha saga familiar vinculada á dereita” e recordou que “a que vai ser alcaldesa, foi a que lle puxera a moción ao seu propio pai”, co que quixo deixar definida á futura rexedora de fraguarse a moción.

Documento da Interparlamentaria (en pdf)

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar