Pachi Vázquez anuncia 60 millóns para "cambiar os luns ao sol por luns de esperanza e traballo" aos parados de longa duración

Pachi Vázquez anuncia 60 millóns para "cambiar os luns ao sol por luns de esperanza e traballo" aos parados de longa duración

Pachi Vázquez anuncia 60 millóns para "cambiar os luns ao sol por luns de esperanza e traballo" aos parados de longa duración

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, comprometeuse a que logo do 21 de outubro “non haberá nin un euro para nada mais que para crear postos de traballo e apuntalar ao goberno como motor de emprego”. O líder socialista explicou o seu programa dirixido a impulsar a economía produtiva e reactivar a creación de emprego.

Pachi Vázquez anunciou hoxe un fondo de 40 millóns de euros para impulsar a contratación de parados de longa duración e “cambiar os luns ao sol –en alusión ao título da coñecida película- por luns de esperanza, traballo e dunha política distinta”. O líder socialista anunciou que “non prometemos milagres, nós faremos mais cobrándolle aos que mais teñen para crear emprego e garantir a educación e a sanidade”.

Explicou que un goberno socialista destinará tamén 39 millóns de euros para conceder 25.000 bolsas contrato de un ano de duración, ademais de outros 60 millóns de euros para crear 28.000 postos de traballo para mulleres en paro. Ademais, anunciou o reforzo de inspeccións de traballo para aplicar a Lei de Igualdade aprobada na pasada lexislatura e que os homes e mulleres cobren o mesmo por igual traballo.

Así o dixo nun mitin no que tamén interviñeron o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a candidata por Pontevedra Julia López Vázquez.

Vázquez comprometeuse a “presidir este país para cambiar este país”, e “non deixar que os meus netos e fillos teñan que emigrar, quen ten que saír de Galicia son os nosos produtos e as nosas empresas” competitivas. Criticou que Feijóo, que anunciaba acabar co paro en 45 días, mandou un galego ao paro cada dez minutos, 6.000 cada 45 días, e lembrou que “cando llelo dixen eu no Parlamento el respondeume yo del paro no sé nada”.

Apostou por “cambiar a resignación e desilusión por esperanza e futuro” e comprometeuse a “dicir a verdade, porque para enganos e mentiras Rajoy e Feijoo chegan abondo”. Aludiu ás declaracións de Esperanza Aguirre alabando a Feijóo e díxolle “que o leve para casa e o deixe alí, non se preocupe que o luns llelo vamos poñer dispoñible”.

Chamou a “converter a desilusión e o disgusto en enerxía e forza” para o 49 por cento dos galegos e galegas que queren cambiar o goberno e parar á dereita porque, dixo hoxe que comezou o xuízo do Prestige, “me sangra o corazón ao ver ao responsable do Prestige presidindo España”. Pediu así a “forza de Vigo para gañar as eleccións e cambiar este país sen dobrar o xeonllo, porque non hai que agocharse”.

Servizos públicos

O candidato socialista reclamou “repartir ben as cargas” para que teñan que asumir a crise os seus responsables e non os que menos teñen. Así, dixo que en lugar de privatizar a sanidade e despedir profesores, un goberno socialista aplicará un imposto á banca e aumentará a fiscalidade ás grandes fortunas e grandes superficies comerciais, e en lugar de aumentar os impostos da auga, como quere facer Feijóo, subirá a fiscalidade ás empresas contaminantes.

Dixo que “en sanidade e educación nin un metro atrás” e anunciou que “en lugar de botar a profesores e médicos” o goberno socialista “non despedirá un só traballador público” e anunciou volver a contratar persoal para as escolas e hospitais e garantir así reducir as cifras de fracaso escolar e as listas de espera en sanidade.

Anunciou que un goberno socialista anulará os concertos cos colexios concertados que segregan por sexos para destinar os fondos a libros de texto gratuítos, transporte escolar, comedores e bolsas para estudantes.

Pachi Vázquez acusou ao PP de “cobrar os medicamentos para desmantelar a sanidade pública porque odian á sanidade pública” e advertiu que “en contra do que din, si realmente non fora rendible non quererían privatizala”. Neste sentido, anunciou que un goberno socialista “fará que o Hospital de Vigo volva ser público porque esta cidade non merece un presidente que condene a Vigo a ser diferente da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra”.

Longa noite de pedra

Pola súa parte, o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, acusou ó PP de estar a facer o que sempre quixo facer, un axuste de contas do Estado de benestar e dixo que o próximo domingo “os galegos podedes evitar a longa noite de pedra que queren Rajoy e Feijoo para Galicia”. Defendeu que se equivocan os populares ó dicir que non é posible a sanidade universal, os dereitos laborais ou a educación pública. “Iso é pura ideoloxía de dereitas”, denunciou. Fronte a iso, “os socialistas non deixaremos atrás a ninguén”.

“A este respecto cualificou a política da dereita de inxusta, inmoral e economicamente desastrosa. Si cara é a educación máis cara é a ignorancia”. E engadiu que “hai políticas alternativas: podemos pedir esforzos ás grandes fortunas e ós bancos para impedir recortes en desemprego, dependencia e becas”, explicou.

Rubalcaba sinalou que a dereita pódese definir con tres palabras: incompetencia, mentiras e insensibilidade social. “A dereita de hoxe, é a mesma de hai dez anos”, sinalou en referencia á responsable do fracaso e do engano na xestión do afondamento do Prestige.

“Os galegos teñen a oportunidade de dicir non ós recortes e si a unha política alternativa. Se Feijóo perde, Rajoy terá que replantexarse as políticas que están traendo o sufrimento a este país”. Referiuse á revalorización das pensións, “ se tivesen pensado facelo, xa o terían feito”, denunciou. E lamentou as mentiras ós pensionistas, 730.000 galegos, cando din que soben as pensións, “cunha man o 1% e por detrás o IVA, IRPF e copago”. Se a dereita perde en Galicia, terán que replantearse, entre outras, a política de pensións”.

Respecto a crise económica, esixiu a Rajoy que en Europa “sexa firme na defensa dos intereses dos españois”. “É o momento de dicirlle que sexa con Merkel tan duro, como mínimo, como o foi cos pensionistas e cos cidadáns”, e pediu “o mesmo trato para os cidadáns que tedes preferentes, que para os cidadáns que teñen os cartos en banco intervidos alemanes”.

Pediu o voto para Pachi Vázquez e alertou do risco de que a xente se quede na casa. Por iso, mostrouse convencido de que “en Galicia hai unha maioría de cidadáns que quere cambio, si todos os galegos e galegas que queren cambio de goberno van a votar, haberá cambio”. “Cando non se vota, iso tamén é una decisión política, déixase a decisión en mans doutros”, engadiu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar