Pachi Vázquez advirte que os orzamentos para 2013 sitúan a España "no camiño de Grecia e Portugal"

Pachi Vázquez advirte que os orzamentos para 2013 sitúan a España "no camiño de Grecia e Portugal"

Pachi Vázquez advirte que os orzamentos para 2013 sitúan a España "no camiño de Grecia e Portugal"

O candidato á Presidencia da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE, afirmou que os orzamentos para 2013 que o Goberno central presentará hoxe indican que “España está camiño de Grecia e Portugal”, xa que deles se deduce que o estado se dirixe cara “o camiño do sufrimento, sen esperanzas, con máis paro, máis recesión social e menos dereitos sociais”. Pachi Vázquez participou esta mañá no programa El día menos pensado de RNE, conducido polo xornalista Manolo HH.

O líder dos socialistas indicou que as eleccións en Galicia servirán para que os cidadáns galegos expresen a súa vontade de “parar isto” e aposten por un modelo de crecemento. As eleccións galegas supoñen “a reválida desde Galicia a política do PP que conduce claramente a Grecia e Portugal”, onde “o sufrimento sen sentido xera estoupidos sociais, desasosego, paro e recesión”. “Se o paramos en Galicia tamén vale paralo en España”, afirmou.

Ao mesmo tempo, salientou que para el o sistema que pode servir de modelo nestes momentos é o francés promovido por François Hollande, capaz de dar esperanza e de devolver a ilusión aos grandes sectores socioeconómicos de Galicia “que atravesan serias dificultades”.

A isto hai que engadir, a xuízo de Pachi Vázquez, os datos do paro en Galicia que indican que mentres en España o paro medrou no período 2009-2012 un 42%, en Galicia fíxoo un 70%. “Esta é a realidade dun país que o está pasando moi mal”, afirmou. “O principal problema é o paro pero escolla o sector que queira, lácteo, naval, pesca, plans enerxías renovables” dixo.

Expectativas electorais

Preguntado sobre as expectativas de resultados electorais que manexa o PSdeG, Pachi Vázquez destacou que “estas eleccións están abertas e as enquisas din claramente que o PP pode perder a maioría absoluta”. “Debemos abrir as urnas con tranquilidade” e acatar a decisión dos cidadáns.

Negou que en Galicia se está a producir ningunha escisión na esquerda e puntualizou que “a gran fisura está na dereita, xa que existen un gran número de ex concelleiros do PPdeG que na actualidade están vinculados a Mario Conde”, o que trae “consecuencias directas no electorado de Feijoo”. “Se Feijoo perde a maioría absoluta terá que pactar con Mario Conde ou con grupos do seu partido”, dixo.

Ante isto, o líder socialista indicou que en España estanse a dar pactos de goberno en distintas comunidades autónomas conformados por partidos de distinta cor política sen que supoña ningún drama para os seus cidadáns.

Deporte

Por outra parte, o candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, comprometeuse en Sigüeiro –Oroso- a aprobar un Plan Estratéxico para o Deporte Galego acompañado dun Plan de Infraestruturas Deportivas Galegas para “construír o deporte galego de abaixo arriba”.

O líder dos socialistas galegos celebrou un encontro sectorial sobre o deporte no que explicou o programa socialista para establecer grupos de traballo que permitan organizar e impulsar o deporte escolar, universitario ou para maiores. Dixo que “trátase en definitiva de compartir as inquedanzas da xente que vive, ama e quere o mundo do deporte”.

Pachi Vázquez explicou que esta xuntanza forma parte da campaña de contactos con tódolos sectores cidadáns de Galicia, que neste caso é “singularmente apreciado por moito de nós” para constituír un “escenario de compromiso para construír a Galicia que queremos” neste caso xa “desenvolvendo o deporte dende a canteira escolar”.

Explicou que “o deporte constitúe unha parte substantiva do noso dereito á calidade de vida cidadá” e asumiu o “compromiso de mirar aos ollos” aos representantes do sector e establecer o deporte “como unha das claves do noso programa electoral”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar