Pachi Vázquez acusa ao Goberno central e á Xunta de “relegar ao ostracismo a cultura galega cos seus recortes”

Pachi Vázquez acusa ao Goberno central  e  á  Xunta de “relegar ao ostracismo a cultura galega cos seus recortes”

Pachi Vázquez acusa ao Goberno central e á Xunta de “relegar ao ostracismo a cultura galega cos seus recortes”

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, mantivo un encontro con representantes do sector cultural galego, a fin de presentarlles as propostas do PSdeG neste eido. O encontro contou coa presencia, entre outros, da presidenta da Asociación Galega de Productores Independentes, Dolores Ben; o presidente da Asociación de Empresas do Audiovisual Galego, Ramón Domínguez, o presidente da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, Jorge Coira; o vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xosé Antonio Pedreira; o director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, Luis Ferreiro Moredo; e o escritor Suso de Toro.

Vázquez fixo un alegato a prol da cultura galega, dos creadores e da industria. Criticou que os recortes dos gobernos de Rajoy e Feijóo, xunto á suba do IVE danan seriamente a un sector “xa de por si desprotexido e despreciado pola dereita”, e o relegan ao “ostracismo”.

Vázquez reivindicou a cultura e a lingua galegas como “parte esencial da nosa identidade” e lembrou que “sen identidade non hai autonomía, nin comunidade histórica nin autogoberno”.

Por elo criticou a intención do PP “que ten que ver co desprezo absoluto á cultura en xeral e aos seus axentes en particular”. “Cando se fai un recorte tan drástico en cultura sen un plan alternativo, estase a socavar a propia base que a sustenta”, afirmou.

Pachi Vázquez criticou non só os recortes do Goberno central senón a inexistencia dunha política cultural por parte do Goberno de Feijóo.

Sinalou que os apartados de cultura e comunicación do programa dos socialistas galegos recollen as liñas esenciais do xeito de entender o papel da acción pública neste sector, e subliñou que un plan de goberno nesta materia “debe contar coas persoas e colectivos que o fan posible”.

Por elo, o candidato socialista á presidencia da Xunta comprometeuse a definir conxuntamente co sector un modelo de funcionamento nos primeiros tres meses de lexislatura. Propuxo así “facer una primeira posta en común dos requisitos mínimos, e despois a adecuación das necesidades do sector a esas bases para, por último, poder definir o modelo e implantar de xeito inmediato as liñas de traballo”.

Pachi Vázquez apuntou que “non podemos condicionar o futuro do sector a forzar contidos para encher os contenedores, como no caso da Cidade da Cultura, nin se lle pode destinar todo o orzamento”.

Defendeu a necesidade de buscar a complicidade dos galegos e galegas facendo productos atractivos, que ao mesmo tempo teñan vocación universal; así como “facilitar o acceso á cultura a todos e todas, sen excepción”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar