Pachi Vázquez acusa a Feijóo e Rajoy de "comerciar coas pensións dos nosos maiores"

Pachi Vázquez acusa a Feijóo e Rajoy de "comerciar coas pensións dos nosos maiores"

Pachi Vázquez acusa a Feijóo e Rajoy de "comerciar coas pensións dos nosos maiores"

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, sinalou en Ourense que Feijóo e Rajoy “queren comerciar coas pensións dos nosos maiores” e un goberno socialista “garantirá que non se tocarán as pensións”. Así o dixo no acto de homenaxe aos represaliados polo franquismo “Memoria, resistencia e futuro”, no que apuntou que un goberno socialista “garantirá que non se toquen as pensións” mentres o PP prepara unha baixada ou conxelación logo do rescate.

O líder dos socialistas galegos dixo que hoxe “constatouse unha nova mentira do PP, do señor Rajoy e de Feijóo acerca das pensións”, ao coñecerse a súa intención de conxelalas ou mesmo baixalas logo de pedir o rescate económico. Dixo que “tentan agochalo ata despois das eleccións de outubro”, pero resulta “tan evidente” que os medios de comunicación sinalaron hoxe a intención de conxelar as pensións á vista dun “rescate inminente”.

Sinalou que os pensionistas galegos, que cobran as pensións mais baixas do Estado, “tamén se xogan nas próximas eleccións autonómicas ter que vivir aínda con menos recursos”. Dixo que “esta é a carta marcada que agochan Rajoy e Feijóo para despois do 21 de outubro, cando queren tocar as pensións e rescindir milleiros de contratos dos empregados dos servizos públicos, moitos deles médicos e persoal sanitario”.

O candidato socialista lembrou que Rajoy e Feijóo “deron o primeiro paso en setembro, cando deixaron practicamente baleiro o Fondo de Prevención para o pago de pensións, que dispuña de 4.900 millóns e o deixaron en 500”. Advertiu que o seguinte paso “pode ser tocar o Fondo de Reserva, que co goberno socialista foi establecido en 67.000 millóns de euros”.

O responsable socialista sinalou que “cun goberno do PSdeG-PSOE a partires do día 21 de outubro non haberá copago sanitario en Galicia e ningún pensionista terá que pagar polas mediciñas que precisa”. Explicou que a implantación do copago sanitario “non é eficiencia, é cargar nos pensionistas unha parte do gasto farmacéutico”.

Criticou que o goberno “gábase do aforro farmacéutico de Galicia pero non di cánto están gastando os pensionistas do seu peto para compensar ese aforro”. Explicou que xa que “hai moitos medicamentos que quedaron fora do sistema e que os hai que pagar aparte” e “incluso hai enfermos que renuncian a determinadas medicinas porque lle son mais caras”.

Advertiu que a dereita “aproveita a crise” para eliminar os dereitos sociais postos en marcha polos gobernos de Felipe González, que “universalizou o sistema público sanitario e regularizou e dignificou o sistema de pensións”. Dixo que “nin a sanidade nin as pensións teñen culpa da crise, e polo tanto non teñen por qué pagala”, e puntualizou que “a crise que que a pague a banca e os defraudadores, pero on os que menos teñen”.

Homenaxe

O líder dos socialistas galegos presidiu hoxe o acto de homenaxe aos represaliados do franquismo “Memoria, resistencia e futuro”, no que foron galardoados 13 membros históricos do socialismo ourensán e vítimas da represión franquista como xesto de recuperación da memoria histórica. Pachi Vázquez chamou aos mozos e mozas a “manter vivos os valores que representan os maiores”.

Explicou que os homenaxeados representan “a memoria do acontecido no pasado que nos acompañará sempre”, a coraxe que dedicaron na súa vida “a loitar polas liberdades, pola igualdade e polos dereitos cívicos e sociais de todos os cidadáns”, e futuro en alusión á presenza dos mozos e mozas que son “os depositarios da nosa confianza no futuro”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar