Pachi Vázquez acusa a Feijóo de abdicar das súas responsabilidades en materia de emprego

Pachi Vázquez acusa a Feijóo de abdicar das súas responsabilidades en materia de emprego

Pachi Vázquez acusa a Feijóo de abdicar das súas responsabilidades en materia de emprego

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, acusou ao presidente da Xunta de renunciar ás súas responsabilidades en materia de emprego, facendo que Galicia triplique o crecemento do paro de España e dobre a media de destrución de emprego, de acordo cos últimos datos da EPA. Así o dixo na presentación das candidaturas socialistas de Vilalba, Foz e Porto do Son.

Coincidindo coa celebración do Primeiro de Maio, Vázquez criticou que Feijóo “non asume ningunha responsabilidade, e así o deixou claro no Parlamento, cando dixo que non tiña competencias para mellorar o emprego”. Esta situación, engadiu, demostra que “o que pasa é que é un incompetente” e continúa dilapidando o diferencial positivo con relación ao Estado que recibiu do goberno socialista na Xunta.

Explicou que a Xunta “ten todas as políticas activas de emprego transferidas, o que pasa é que as orienta mal e as distribúe peor, primando aos concellos gobernados polo PP e discriminando aos demais”. Dixo que, polo tanto, “algunha responsabilidade terá Feijóo e o seu goberno” para que Galicia sexa a cuarta autonomía de todo o Estado co peor comportamento en materia de emprego.

Pachi Vázquez aproveitou a súa visita a Lugo para recomendar á Xunta que aplique o “modelo a seguir” dos Plans de Emprego da Deputación presidida polo socialista José Ramón Gómez Besteiro. Dixo que de orientar as políticas activas de emprego da Xunta neste sentido “se poderían crear moitos postos de traballo”.

Transfuguismo

O líder socialista tamén acusou a Feijóo de perseguir que goberne o PP “aínda que non sexa a lista máis votada” recorrendo a comprar tránsfugas –como no caso de Folgoso- “en lugar de pedir perdón” por este método “perverso e antidemocrático”. Respondeu hoxe á proposta de Feijóo de que goberne a lista máis votada, que acolleu como unha mostra de que “sabe que non vai gobernar, e por iso quere inventar novas regras”.

Vázquez esixiu ao presidente da Xunta que dea conta destas prácticas nos concellos galegos, e engadiu que “se non o fai é porque non é un demócrata”. Explicou que “para iso quere o PP as institucións, para exercer o control político e acadar a “volta ao caciquismo puro e duro”, como facía Cacharro Deputación de Lugo e como fan Baltar en Ourense e Louzán en Pontevedra.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE advertiu que si o PP gaña as próximas eleccións locais suporá “o cambio do modelo social, do sistema sanitario, do sistema educativo, da dependencia e dos servizos sociais”. Así o anticipan, engadiu, os dous anos de Feijóo na Xunta, que cualificou de “absoluto fracaso” e de incumprimento do seu contrato con Galicia.

Criticou que mentres anunciou arranxar o paro en 45 días, reducir as esperas sanitarias e atender aos dependentes resulta que Galicia triplica o aumento do paro de España, ten as listas de espera máis elevadas da historia e “somos a última autonomía na aplicación da Lei da Dependencia”. Mentres, Feijóo “quitounos medicamentos, quitounos a gratuidade dos libros de texto, o Noitebús e as bolsas de estudos”.

Ademais acusouno de privatizar os servizos públicos e establecer o copago sanitario para os novos proxectos sanitarios. Dixo que mentres cando chegou á Xunta anunciou unha rebaixa de impostos “non deixa de subilos” incrementando o prezo da auga nun 140 por cento e aumentando o custe dos comedores escolares.

Alternancia municipal

Pachi Vázquez chamou á “alternancia socialista” para conceder a alcaldía a Eduardo Vidal e permitir a “rexeneración da vida municipal” cun rexedor que “comprometido cos servizos públicos esenciais e os servizos sociais” e “que poña tódolos recursos dispoñibles para promover a creación de emprego”.

Na súa intervención, criticou que a Xunta de Feijóo teña “abandonado o sector agrario”, que pechou 1.700 explotacións gandeiras no que vai de lexislatura, perdendo produtividade e competitividade nun sector “esencial na Terra Cha”. Lembrou que “tivo que ser un goberno socialista quen sacara adiante o decreto dos contratos homologados no sector leiteiro sen que a Xunta axudara o máis mínimo.

O líder dos socialistas galegos interveu así hoxe na presentación da candidatura á localidade encabezada por Eduardo Vidal, nun acto no que tamén participaron o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e a parlamentaria autonómica Sonia Verdes.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar