Pachi Vázquez: “A coalición PSdeG-BNG é unha unión natural; o normal é que saia ben”

Pachi Vázquez: “A coalición PSdeG-BNG é unha unión natural; o normal é que saia ben”

Pachi Vázquez: “A coalición PSdeG-BNG é unha unión natural; o normal é que saia ben”

p>Entrevista no xornal dixital Diovio. Escrito por Raquel Pazos / Moncho Mariño. Fotos de Iván López

O secretario xeral dos socialistas galegos, Manuel ‘Pachi’ Vázquez, fala con DIOIVO sobre a crise económica, social, financiera pola que pasa Galicia e sobre as próximas eleccións galegas, que espera para finais deste mesmo ano. "Se coma presidente da Xunta non es quen de sacar desta situación a este país, convoca canto antes", aconséllalle a Feijóo.

Moita xente opina que o PSOE e o PP representan o mesmo, segue a ser o PSOE un partido de esquerdas?

Eu creo que cada día máis. Houbo un momento no que non foi así, no que era moi difícil dicir que nos separaba. Un momento no que un movemento socialdemócrata como o noso recibe un mazazo en 2008, no que as circunstancias da débeda obrigan a ir a un modelo de facer política que o noso electorado non só non entende, senón que ademais ao mesmo tempo, catro millóns de persoas quedan sen traballo. Cada vez somos máis os que vemos que isto non é un problema de déficit, senón de débeda. Así, podemos chegar ao paradigma de ter déficit cero en Galicia con 400.000 parados. En España creo que cada vez hai máis xente que di que hai que facer políticas de esquerda, con maiúsculas e sen complexos.

Entón, se tiveran gañado as últimas eleccións xerais, terían virado á esquerda?

Non tiñamos oportunidades de gañalas, porque cando fas cousas que a xente non entende, non as podes gañar. Baixar impostos é progresista? Non. Os rescates bancarios?Tampouco. A xente non entende que lles quites cartos e llos deas aos bancos.

Que precisa entón o PSOE para volver a contactar co seu electorado?

Precisa facer o que estamos dicindo. O problema é que nos crean. O que dixo Rubalcaba está pasando todo. Debemos catro billóns de euros, dos que a administración debe un. Pero nós, familias e empresas, debemos o resto. Se non temos crecemento nin emprego, non poderemos pagar. Hai que apostar por un control do déficit razoable. É moi elemental. Como axustamos contas co pasado?

Entón, vivimos todos por riba das nosas posibilidades ou foron só algúns?

Para chegar a esa situación, fomos moitos os que o fixemos, porque nos induciron a facelo.

NovaGaliciaBanco é un sitio fiable para meter os cartos dos galegos?

Os galegos somos como somos. Temos os cartos aí e non os sacamos. É incomprensible... Quero mandar unha mensaxe de tranquilidade, o diñeiro que está aí está máis seguro que nunca, o dos depósitos. Está tan seguro coma en calquera outro sitio, porque date conta que NGB neste momento, aínda que Feijóo segue maquillando, o 93% é do Banco de España. Se o diñeiro non está seguro no Banco de España, é que xa non hai lugar seguro onde ter o diñeiro.

Vostede ten diñeiro en NGB?

Eu teño un ollo clínico horroroso, teño contas en todos os sitios que están mal.

En Bankia tamén?

En Bankia tamén. NovaGalicia, Caixanova... afortunadamente pouco. Pero para min é unha preocupación, coma para o resto.

Pedro Puy reiterou hai uns días a súa disposición para unha comisión de investigación sobre as caixas no momento no que se producise unha recapitalización sobre NGB, como valora esta iniciativa?

Iso é un quedaben para non facelo. Eles saben que o principal responsable da fusión das caixas, máis alá dos seus presidentes, é Feijóo, que se enfrentou ao Banco de España que sempre dixo que fusionar as dúas caixas galegas que competían no mercado era unha tolemia. É inexplicable O partido popular que vai facer? O que fai sempre: comisións de investigación, si, pero só do básico. Con isto o que xeramos é un deterioramento da clase política e damos a imaxe de que nós somos uns jetas que queren levar a pasta e non se morden entre eles.

Ao final haberá que recorrer aos tribunais de Xustiza ordinarios para saber que sucedeu en NGB?

Eu creo que sí. Estou convencido que alguén terá que ir ao xulgado. Se foramos como tiñamos que ser, a propia fiscalía tería que investigar isto. Estamos falando de que o presidente do goberno galego encarga unha auditoría a unha empresa, KPMG, que di que a fusión necesita 1.100 millóns e que despois debería dar beneficios. Levamos 8.500 millóns e, para arranxalo, o Estado lle encarga a mesma empresa que mire a ver que pasou. Algún día haberá xustiza neste país. Se aquí hai un desfase de 8.500 millóns, que é case o orzamento da Xunta para todo un ano, isto non pode quedar de maneira que ninguén saiba nada. Se eu tivera a oportunidade de dirixir este país, a primeira medida que faría sería convocar unha comisión de investigación para saber que sucedeu.

No Congreso está a tramitarse un Real Decreto para poder cambiar as preferentes por participacións ou accións. María Xosé Caride dixo esta semana que os socialistas presentarán unha emenda a este punto para que os afectados recuperen os aforros. Pensa que aínda é posible?

Na meirande parte dos bancos españois, xa recuperaron os cartos. Quen queda? Queda Bankia, porque xa canxeou por accións. O gran problema das preferentes é Galicia. Que temos aquí? Que a unha poboación envellecida lle timaron unhas participacións e hai un banco que agora non quere resolvelo. Aí hai un burato de 1.000 millóns de euros. Eu espero que cando se recapitalice de novo este banco, se obrigue a que unha parte de eses cartos se lle traslade aos canxes por preferentes. Se non vai a haber un lío espectacular.

Vostede ve posible unha banca pública?

Hai que ter en conta que o Estado ten o 93% de NovaGaliciaBanco, polos 2.160 millóns do FROB 2. Se agora se necesitan 4.500 millóns máis... temos xa un banco público. Eu teño a teoría de que se o diñeiro é público, o banco sexa público. Hai unha situación excepcional. Cando lle inxectemos os 4.500 millóns, teremos un banco saneado, pero con diñeiro público. Entón imos facer unha cousa: un banco público e galego. Non mo fraccione nin mo poxe. Traballemos nun sistema non especulativo e cando pasen dez ou quince anos e os bancos volvan valer diñeiro, se vostede quere, véndao, pero que o contribuínte recupere os 8.500 millóns. Isto xa é o que van facer con Bankia.

Como vai afectar o rescate á banca española?

Vainos afectar dunha maneira moi complexa. O que me preocupa é que os intereses dese diñeiro computarán coma déficit e se traducirán en novos recortes en sanidade, recortes en infraestruturas, recortes en educación. A nós vainos afectar niso. En fin, vannos espremer moito máis. Por moitas voltas que lle dean, isto é un rescate ao Estado español.

Rajoy tiña algunha alternativa?

Rajoy tiña unha alternativa que era estarse quieto en Bankia, que foi o que dinamitou esta situación. Di que o Banco de España é un desastre; o seu presidente, un caco; e as autonomías, unha coña. Logo Bankia necesita 7.000 millóns, despois 19.000... a sensación é que isto vai descontrolado. Eu creo que o problema de España é que a culpa é en parte de Rajoy, en parte de Zapatero, pero sobre todo dun modelo neoliberal europeo que nos meteu a todos nunha tolemia da que non podemos saír até que a xente non mude o chip.

Con toda esta situación da que estamos a falar, necesitan os galegos un adianto electoral?

Eu creo que cada día está máis claro que os galegos teñen un goberno bloqueado, que non está ao que está. O presidente levaba desaparecido desde o xoves pasado. No momento máis dramático, o presidente non abriu a boca. Un goberno con maioría absoluta non pode adiantar as eleccións. Pero é certo que se coma presidente da Xunta non es quen de sacar desta situación a este país, convoca canto antes. Eu creo que é o que vai facer.

Beneficiaría o adianto electoral ao PP?

Non teñas dúbida de que se o beneficia, o fará. O presidente está a facer campaña todo o día.. El vai buscar a rendibilidade electoral para el. Cando vai a facelo? Non o sabe nin o presidente. Eu creo que sen ningunha dúbida entre outubro e novembro. Desde logo, o Partido Socialista está preparado para que sexan en outubro ou novembro, por iso queremos ter listas as primarias para mediados de setembro.

Nun momento de descontento cos dous principais partidos, cambiarán as próximas eleccións a conformación do Parlamento galego?

Hai unha cousa que a xente non pode esquecer e é que aquí, en Galicia, hai unha lei que impide que as pequenas formacións, que non acadan o 5% dos votos, poidan entrar. Hoxe ningunha formación das pequenas que están no mercado están chegando sequera ao 3%. Segundo as nosas enquisas, Esquerda Unida, que é a que máis probabilidades ten, pasaría do 1% ao 2,2%. Son saltos moi cuantitativos... pero non suficientes.

Entran nesas enquisas os grupos escindidos do BNG?

Si, preguntan por eles, pero non consiguen entrar polo momento. Que pode pasar co Novo Proxecto Común? Que fundamentalmente ao BNG lles pode sacar os suficientes votos como para que o Bloque perda un deputado, pero que ao final tampouco o saque a nova formación.

A única alternativa ao PP en Galicia pasa por un goberno de coalición?

Si. PSOE – Bloque. Eu non sei, hai oito anos, gañamos por un. Hai catro anos, perdimos por un. Vamonos xogar todos por un, porque os datos volven a estar todos na raia. O PP tería agora un máis, segundo datos de hai mes e medio, pero perdeu oito puntos desde novembro. Sexa cando sexa, vai ser foto finish. Nós, coa que caeu, volveríamos a estar nos 24 escanos. Volvemos estar todos aí, nun pano.

Tiveron vostedes contacto cos escindidos?

Eu falo con Beiras porque teño unha amistade persoal, pero eu con quen falo de maneira estable é con Guillerme e con Jorquera.

Durante a etapa do Goberno bipartito, houbo momentos de tensión co BNG, como é agora a relación?

Eu fun alcalde doce anos e gobernei co BNG perfectamente. A coalición do BNG co PSdeG é unha coalición natural, o normal é que saian ben. Tivemos a desgraza de que a principal tivo máis dificuldades das previstas. Eu creo que aprendemos todos que hai que saber sufrir, traballar e saber ceder. Se me deran a oportunidade de dirixir este país, eu estaría dedicado a que esa coalición saíra ben e que a xente dixera “pois se pode ser nacionalista, se pode ser socialdemócrata, pero se pode convivir”. Ao final somos dous partidos de esquerdas e estamos obrigados a que iso ten que saír ben.

Que diría vostede que é o máis negativo e o máis positivo da política de Feijóo?

O máis positivo para el é que el tivo unha confianza espectacular. O máis negativo é que tres anos despois, ve que non fixo nada bo. Porque sufrimos en sanidade, sufrimos en educación e todo para que? Para ter máis paro que en España. Eu creo que se pasou de campeonismo: moito dar leccións de como se arranxaba España e se esqueceu de como se arranxaba Galicia.

Coma presidente, prefire a Fraga ou a Feijóo?

Home, a Fraga desde aquí a Lima. Fraga era unha persoa coa que, a pesar de que ideoloxicamente non tiñamos nada que ver, nunca mentiu no Parlamento. Vinlle dicir cousas horrorosas, pero non mentir. Eu, a Feijóo, véxoo mentir cada 15 días.

Cales son agora os principais problemas dos galegos, ademais do paro?

O primeiro problema e grande ansiedade dos galegos é o paro. O segundo, é que non temos sistema financeiro, que pivotaba sobre as caixas e sobre o Banco Pastor. E iso que parece un problema menor, non o é. O que ten que comprar unha furgoneta, o que ten que pedir un crédito persoal... non pode. Terceiro problema, que para min é clave: á hora de botar as culpas, bótanselle á sanidade é a educación que non teñen nada que ver. O cuarto é último é que ninguén en Galicia apostou por unha economía produtiva.

Onte dixo que ía convocar primarias en agosto para ter os resultados en setembro. Cal pensa que pode ser o seu principal contricante?

Calquera e ningún. Eu sei sufrir, son un corredor de fondo. Veño dunha política moi dura que é a de Ourense. Póñome moi pouco nervioso. No propio congreso tiven adversarios, e que adversarios. Pero ao final, estou aquí. Eu creo o que estou dicindo e se mañá se presenta alguén que di que ten un proxecto mellor que o meu, pois que a xente decida

Presentarase o ex ministro de Fomento José Blanco ou o exministro de Xustiza Francisco Caamaño?

Pode ser.

Ve a algún dos dous coma presidente de Galicia?

Home, eu soño con ser eu o presidente galego, aínda que os soños ao final non serven para nada. O que si é certo é que o Partido Socialista, que eu piloto desde hai tres anos, pasou de estar sen ningunha posibilidade, a que polo menos haxa unha porcentaxe razoable de apoios cos que se podería gobernar este país. Que veña quen queira, eu confío nas miñas posibilidades.

As maiores críticas desde dentro do partido chegáronlle despois de decretar que só un cargo por persoa?

Absolutamente. Eu rompín moldes neste partido. Unh deles foi este. Somos a primeira delegación de España na que se decidiu que unha persoa, un cargo. Eu, aí, xogueime todo porque me xogaba a miña credibilidade e eu gañei o congreso porque me apoiaba a militancia de base.

Se chegara ao goberno, poderíase aplicar esta doutrina dun único cargo por persoa á Administración?

Eu estou convencido que máis pronto que tarde, iso ten que ser unha lei. Ten que ser unha lei porque con cinco ou seis millóns de parados, a xente non pode ver a persoas coma a presidenta de Castela e León cobrando de aquí e de alá.

jfdghjhthit45

32641281A

Artigos relacionados

Pechar