Pachi Vázquez: "A alternativa en Galicia é máis que posible, hoxe o PP non ten a maioría absoluta"

Pachi Vázquez: "A alternativa en Galicia é máis que posible, hoxe o PP non ten a maioría absoluta"

Pachi Vázquez: "A alternativa en Galicia é máis que posible, hoxe o PP non ten a maioría absoluta"

Entrevista de @DavidLombao en Praza.

Pachi Vázquez (O Carballiño, 1954) vén de cumprir tres anos como secretario xeral do PSdeG. Tras a abrupta chegada á oposición en 2009 herdou un partido cunha estrutura que non era a súa, pero coa que realizou toda unha "travesía polo deserto", interna e externa non exenta de conflitos, novos e enquistados. O Congreso Nacional celebrado o pasado marzo mantívoo no liderado pero agora "sen tutelas", repite. A súa é unha oposición dura pero nos últimos meses esfórzase en tentar transmitir "que é o momento en poñer unha alternativa enriba da mesa" para facerlle fronte ao "drama" da crise. Despois de resistir observa un mapa electoral galego en proceso de cambio e, agora si, amosa querer ser el quen encabece a "unidade da esquerda" que, asegura, pode chegar a San Caetano.

Véñense de cumprir tres anos da vitoria do PP nas urnas. Hai algo na xestión do presidente Feijóo ao que o PSdeG lle poida dar unha interpretación positiva?
Se tivésemos que escribir a historia destes tres anos, quen repase os datos só lle quedan tres xeitos de enfocalo, os tres anos do paro, os tres anos da caída do sistema financeiro galego e os tres anos de ataque ás políticas sociais. Fixeron algo ben? Pois seguramente algo farían ben, porque non pode ser todo negativo, pero o que fixesen ben queda tan diluído que, nun acto de vontade de atopar algo positivo, non son quen.

O presidente ten criticado moito o seu xeito de facer oposición, a que o atribúe
Ao PP hai algo que o descoloca: normalmente somos máis propositivos nós ca eles. Dende hai un ano somos a oposición quen está poñendo enriba da mesa propostas de reactivación económica, de blindaxe de políticas sociais, de sectores estratéxicos... O PP ten mala conciencia, porque sente que enganou á xente. Este presidente estarase preguntando: se me votaron con maioría absoluta por que non me sae nada ben? Ata agora había unha onda, un tsunami, que dicía “esta rolda págaa Zapatero” e eles anotáronse a iso. Daba igual, a sociedade estaba vivindo momentos difíciles e conseguiron ilusionar por segunda vez a un grupo de xente. Pero caeron xa todas as fachadas de cartón pedra e demóstrase que a realidade é o peor escenario para Galicia de todos os posibles.

Lémbralle en numerosas ocasións aquela frase de “nin cen días, nin cen horas...”; foi aquilo unha reacción á campaña electoral do PP?
Nós, fomos consecuentes. Feijóo quería sentar no sillón antes de que transcorrese un mes de cortesía pero quería que a oposición non sentase ata que pasasen cen días. Se ti queres empezar a gobernar dende o primeiro día, a oposición ten que empezar a traballar dende o primeiro día. Os acontecementos foron demostrando o que fomos dicindo, aínda que cometemos erros, como calquera. Non temos sistema financeiro, o paro vai desbocado, a reactivación económica é inexistente e agora empezamos por vender as xoias da familia co ataque rotundo á sanidade e á educación. Galicia vaille responder a este Goberno nas próximas autonómicas, dicíndolle que a puido enganar unha vez, pero que non a pode seguir enganando. É o que ten ao Goberno descentrado. Nestes días pasou algo anecdótico pero que demostra o seu grao de desorientación: ver a un militante socialista expedientado [Carlos Príncipe] presentando o vicepresidente do Goberno galego en Vigo é indicativo da desorientación do Goberno.

Tres anos despois, o futuro dos servizos públicos está no centro do debate. Ata que punto están en risco a sanidade ou a educación e ata que punto a cidadanía o percibe así?
Se a ti che mente o presidente de Galicia é moi difícil recoñecelo. Este presidente dixo que non ía aplicar o copagamento e de repente fai un copagamento no que todos os pensionistas, aínda que eu non consigo que se saiba, teñen que pagar o 10% dos medicamentos que consuman. Outra cousa é cando lles devolvan os cartos dentro de seis meses. Pero o máis grave non é iso, é que non é necesario pagalos. É mentira que a sanidade teña un problema de custos. Hai algo que non encaixa. Como é posible dicir que non debemos nada na sanidade pero que é insostible?

É posible poñer en marcha medidas distintas dende Galicia malia á rixidez das normas estatais e europeas?
O problema de España é que debe 3,4 billóns de pesetas e as Administracións só deben 700.000 millóns. Polo tanto, estes 10.000 millóns de euros que lle queren sacar á sanidade e á educación son calderilla. Por certo, que se poden sacar en termos de eficiencia, haberá que reducir algunhas cousas, pero non se poden sacar obrigando a pagar de novo, porque iso é romper o sistema de saúde. Cobrarlles aos maiores en Galicia non significa nin o 0,6% do orzamento, polo tanto, é unha decisión ideolóxica, non te saca de pobre. Que hai por tras disto? Un gran negocio na sanidade e na educación, onde os sectores máis radicais da dereita queren aproveitar para pasarlle factura a un modelo que a eles non lles gusta. A crise non vén pola sanidade nin pola educación, senón por un sistema financeiro ao que non se lle toca e ademais se lle dan cartos.

Nos últimos meses medra o descontento social en Galicia. Cre que isto muda o panorama de cara ás eleccións galegas?
Teño a absoluta certeza de que neste momento é máis que posible unha alternativa política en Galicia. O PP ten datos de que a día de hoxe non ten maioría absoluta. O propio presidente, que tiña previsto celebrar as eleccións en outubro agora di que en marzo. Por que escapa de outubro? Porque sabe que non ten a confianza das galegas e galegos. Cre que a vai ter en marzo? Seguramente, por este camiño, non. O máis grave do sufrimento que lle están facendo padecer á poboación é que é baldío, porque só aumenta a recesión. Deste problema non se sae pechando universidades e escolas, retirando bolsas e recortando a sanidade. Sáese coa reactivación económica, tendo a valentía de dicirlle á banca e ás grandes rendas “vostedes van pagar”, aplicando impostos medioambientais. Pero temos un presidente ao que lle pasan dúas cousas: de tanto repetir as súas mentiras está nesa fase patolóxica de que cre o que repite tantas veces e hai un presidente que se rendeu, que di que non dá. Se non é quen, ten que deixar paso.

Outra mostra de descontento viuse mesmo no propio Parlamento, cos afectados polas preferentes de Novagalicia Banco. En xeral, cre que se cumpriron os seus vaticinios sobre as desaparición das caixas?
A min tachóuseme de traidor a Galicia, de que eu non quería a este país, cando dicía cousas elementais. Dicíamos que se metes nunha cama dous enfermos, non fan un san, fan unha cama con dous enfermos. E a teoría deles era que metendo na cama a dous enfermos, un máis ca o outro, ía saír un san. Falábamos dos SIP [Sistema Institucional de Protección] e todos os que se incorporaron a eles seguen sendo caixas que teñen bancos. Houbo un presidente que converteu isto no seu casus belli. Era culpa de Zapatero, pero agora xa non é culpa de Rajoy e o máis grave é que conseguiu en tres anos que o sistema financeiro galego desaparecese. Habería que preguntarlle a Feijóo onde quedou aquel bolígrafo que ía quedar para a historia. O gran drama non é só que non teñamos sistema financeiro, é que non temos crédito. Que fallou? Que o presidente escolleu un camiño equivocado e, por desgraza, estanse cumprindo as peores expectativas.

Di Alfonso Rueda que o futuro de NCG Banco “non depende da Xunta”...
Se saíse ben sería grazas ao presidente, pero cando vai mal a cousa... Este presidente nunca está onde hai problemas en Galicia; está onde hai unha foto. Vando o sistema financeiro galego ía ser marabilloso era aquela foto, de todos coas mans modelo NBA, pero cando desaparece o sistema financeiro, desaparece o presidente. O drama é que neste momento estamos no peor dos escenarios. Nós pedímoslle a Feijóo que diga a verdade, que temos o dereito de saber se nos ten que comprar o BBVA, o Santander, La Caixa ou hai que vender a un fondo de investimento. El ten unha decisión de imaxe persoal e onde hai un problema, non está. Pero onde hai un problema, o primeiro en chegar ten que ser o presidente.

Os días nos que se cumprían tres anos de lexislatura estiveron marcados polo episodio da presunta fraude fiscal do señor Conde Roa, que rematou coa súa dimisión. Di o PP que o alcalde de Lugo está no mesmo caso e por iso tamén debería marchar...
Entendo que tenten tirar bombas de fume, porque non é normal o que lle pasou ao PP e a Conde Roa. Cal é o elemento diferencial de Conde Roa? Non é que tivese un problema con Facenda, é que alguén lle deu 300.000 euros que non eran del e recoñece que quedou con eles, iso ten un nome. Non dimite por estar imputado, porque o PP ten imputados a unha ducia de alcaldes e membros do Goberno, senón porque admite publicamente a comisión dun delito. Nese momento falan de Orozco. Hai que ver estatisticamente que a maior parte dos imputados quedan en nada, outra cousa é cando se abre o proceso, cando hai indicios razoables. E outra cousa é cando un alcalde di “si, collín os cartos e quedei con eles”.

"O gran aliado que lle queda á dereita é a división da esquerda"

No XII Congreso reivindicou un PSdeG “sen tutelas”. Que pode facer agora como secretario xeral que antes non podía?
O anterior congreso foi de transición e este foi un congreso á vella usanza, duro, onde un grupo de xente decidimos ter voz propia, vida propia, non ter ataduras de ninguén. Non quero dicir que os outros a tivesen, pero eu sinto que só me debo a Galicia e ao socialismo. Non teño ningún tipo de tutela e iso é bo para os socialistas e para os galegos. Agora temos que acertar. Pero se as cousas saen ben é porque as facemos ben e se saen mal, porque as facemos mal. Rompemos a imaxe sucursalista, de que dicimos o que quere Madrid. Creo que lle quedou claro a todo o mundo que non dixen o que quería Madrid, sintonizando cun modelo dun partido federal.

Agora manda máis a Rúa do Pino e menos a Calle de Ferraz?
Nunca tiven unha chamada de Ferraz que me dixese “tira por aquí”, saben que para iso tamén son cabezón [ri]. Pero aínda que non a tivese, había esa imaxe de partido sucursalista. Neste congreso viuse que o socialismo galego é o que quixeron os socialistas galegos e iso dá moita marxe de manobra para o futuro.

Ten as mans máis libres para, por exemplo, darlle ese acento máis galeguista ao partido, como se propuxera na Conferencia Política de 2010?
Os socialistas galegos levamos 30 anos traballando cun labor espectacular dos anteriores secretarios xerais. Pero temos unha eiva, que aínda que o digamos, non nos cren; temos que acentualo pola vía dos feitos. Todos queremos ser galeguistas, pero ser galeguista é defender este país en momentos de confrontación. Estes van ser os catro anos nos que o socialismo galego, con maiúsculas, defenda un modelo económico e social para Galicia. Nós queremos formar parte das decisións do Estado, ocn carácter federal, de iguais. E cando todos en Madrid tomemos decisións, serán decisións federais que nos obrigan a todos.

Neste sentido, unha das materias pendentes é, unha lexislatura máis, a reforma do Estatuto...
Nós presentamos o noso proxecto de lei. A dereita vai en dirección completamente oposta, quere desmontar o Estado. A dereita necesita inimigos e agora son as autonomías, quere un modelo neoliberal, que non haxa Estado equilibrador, redisitributivo, que faga xustiza social. Aproveitan e van sacando os ladrillos do edificio do benestar porque lles dá vergoña tiralo. A min paréceme tan doado sumar esforzos nesta dirección que non entendo como un Goberno galego pode ser o inimigo público número dos principais sinais de identidade deste país: lingua, cultura e medio ambiente. Alén do discurso grandilocuente, Feijóo e o PP avergóñanse de Galicia. En Galicia si, pero galegos non. Como se pode ser galeguista atacando a lingua e a cultura galega? Permitindo destrozar a identidade territorial? Negando á maior que un Estatuto que nos iguale? Dende a oposición non nolo deixou facer e como Goberno, tampouco. Iso é alta traizón a Galicia, porque o Estatuto é economía, son dereitos sociais. Din que ninguén come do Estatuto. Perdoen, pero si podemos comer do Estatuto, dun Estatuto que arranxase o sistema financeiro, o investimento do Estado en Galicia, que blindase as políticas sociais... pero non quixo.

A aritmética electoral galega di que unha eventual perda da maioría absoluta do PP traería consigo un diálogo entre o PSdeG e o nacionalismo, como están as relacións co BNG?
Eu falo con eles, somos dúas formacións políticas de esquerda que con certa frecuencia falamos de elementos que teñen interrelación. Eu desexo o mellor para o BNG. En Galicia hai entre un 15% e un 18% de xente que é nacionalista e que está buscando unha canle de expresión, que somos os partidos políticos. O BNG é a gran canle de expresión. Viven un momento duro, que eu desexo que se resolva canto antes mellor, porque o gran aliado que lle queda á dereita é a división da esquerda. Dende a lexitimidade que temos todos, nun momento de drama social como o que estamos vivindo, a esquerda non debe dividirse, ten que sumar, aínda que deixemos plumas ideolóxicas. Este país é mentira que sexa de dereitas, porque cando sumas todas as forzas da esquerda, estamos a un punto da dereita, pero a esquerda vai atomizada. Temos que falar moito, buscar puntos de encontro e demostrarlle a este país e a determinados elementos da sociedade galega que as coalicións funcionan en todos os sitios e aquí non teñen por que non funcionar. Esa satanización da dereita da coalición en Galicia, hai que rompela.

Se se chega a ese escenario de diálogo, chegarán con máis sabedoría derivada do paso pola Xunta?
O tempo fará xustiza e demostrará que houbo un Goberno espectacular para Galicia. O día que algún historiador vexa datos obxectivos dos gobernos de Touriño e Feijóo, é tan abrumadoramente distinto que a historia nos colocará no seu sistio. Pero no futuro temos que aprender do que fixemos ben e do que fixemos mal. E repetir que os Goberno están para resolver problemas dos cidadáns, non para crearllos, e ver ata onde somos quen de atopar puntos que nos unan. Se gañamos, hai que facer un esforzo dun criterio, dun programa, dunha unificación, canalizar a enerxía de todos para resolver problemas.

"As primarias non van ser un trauma, na sociedade callou que podemos gobernar Galicia"

Son días de balance tamén para vostede como líder socialista. Cal diría que foi o mellor momento destes tres anos? E o peor?
Disque a felicidade está na antesala da felicidade. Cando perdemos as eleccións en Galicia foi un momento durísimo e tomei a decisión de tomar o temón dun barco. Despois veu a derrota das municipais e para acabar, a das xerais. Neses momentos tan duros seguimos facendo cousas. Levei este partido a un cambio de modelo provincial, tomei decisións dunha persoa, un cargo, que foron durísimas, e quizais os momentos máis duros foron cando tiven que convencer os compañeiros de que as normas son iguais para todos. Iso pasoume factura en clave interna, pero en clave externa a xente ve que este é un partido que fai o que promete. Pasou esa época, tres anos dunha travesía durísima do deserto, coa compaña de homes e mulleres que cren nisto e agora estamos na recta de chegada a unha alternativa de Goberno e de país. Quizais o máis bonito é a ilusión de ver que todo o que levas facendo en momentos durísimos agora colle corpo.

Nesa aplicación do principio “unha persoa, un cargo” xurdiron focos de resistencia e semella que en Vigo queda algún...
Queda o tema de Carmela [Silva]. Ela dixo que había un proceso de aprobación dos orzamentos, que son cuestión de semanas e que eles mesmos asumen o principio. Ninguén en Galicia vai ter dous cargos e a min éncheme de orgullo, non por min senón polo partido. Como lle imos explicar á xente, con cinco millóns de parados , que podemos estar en dous sitios ao mesmo tempo? Iso conta coa maioría, pero ás veces, cando se aplican as normas, prodúcense situacións dolorosas entre compañeiros.

Foron o Congreso e a súa vitoria nel sinónimo de divorcio político a respecto de José Blanco?
Eu con Pepe Blanco sempre tiven unha relación cordial, sobre todo agora, despois de confrontar publicamente no Congreso. Pepe foi un gran ministro para Galicia, tomou decisión das que estamos recollendo os froitos. Tivemos unha diferenza política no xeito de ver as cousas, pero tamén é certo que a primeira chamada que tiven tras o Congreso foi de Pepe Blanco, preguntando que hai que facer para sacar adiante o partido. Nós temos un código de conduta dende hai 130 anos, debatemos e hai quen di que hai pelexas, pero no socialismo, gañes ou perdas, non marchas para a casa, segues arrimando o ombro.

Tras o Congreso Nacional tocan os provinciais e despois, as primarias. Como as afronta?
Con absoluta tranquilidade. Para nós, as primarias son un elemento que nos enriquece. Hai quen dramatiza, temos un problema de cultura política. Se Ségolène Royale e François Hollande compiten refórzase o socialismo francés e se aquí competimos, temos líos. Para nós non son ningún lío, son un elemento de fortaleza. Remataremos os congresos provinciais e locais e inmediatamente, no outono, temos que celebrar unhas primarias que van ser enriquecedoras, nas que se vai decidiro candidato con naturalidade e sen ningún trauma. Porque o din os estatutos, pero porque na sociedade callou que podemos ter unha clara oportunidade de gobernar este país.

Cre probable que haxa outros candidatos? Fálase moito do ex ministro Caamaño...
As primarias fanse para presentarse. Eu confío nos militantes da miña organización e eles farán o que haxa que facer. E o que fagan, ben feito está. Desdramaticemos o tema. Imos ir ás primarias, para as que faltan meses, e nós converter isto en algo que tape que a xente está facendo cola nos comedores sociais, no paro, nas listas de espera, nos colexios... sería inxusto que lles falemos de nós. Por pudor. O drama social que estamos vivindo é dunha dimensión que ata me dá vergoña falar de nós. Se eu fose un parado diría “a que me vén falar de vostedes? Arránxeme a vida, que é un político, dígame como saímos da crise e arranxamos a sanidade e a educación”. E estámolo facendo, aínda que a determinados medios lles interese máis falar dos problemas do BNG e do PSdeG que dos problemas dos galegos.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar