Pablo García acusa a Feijóo de "insultar a intelixencia dos cidadáns" coa súa ambigüidade cos tránsfugas

Pablo García acusa a Feijóo de "insultar a intelixencia dos cidadáns" coa súa ambigüidade cos tránsfugas

O secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, denunciou hoxe a falla de ética do PP e o “desprezo” que demostra a todos os galegos e agalegas ao non afirmar se levará ou non tránsfugas nas súas listas, e esixiu a Feijóo un posicionamento claro ao respecto.

“Só hai algo peor que a falla de ética do PP e de Feijóo en relación co transfugismo, e é o seu desprezo e insulto á intelixencia dos galegos e galegas coa ambigüidade amosada respecto a este tema”, sentenciou. “Feijóo, que é o presidente do PP galego, non sabe si van incluír tránsfugas nas súas listas ou non, pero os están a propoñer mentres el di que non sabe nada”.

García fixo estas declaracións nunha rolda de prensa na que anunciou que os socialistas galegos participarán esta fin de semana na Convención Autonómica do PSOE, en Zaragoza, na que o secretario Xeral, Pachi Vázquez, defenderá a súa aposta polos servizos públicos fronte á “nefasta” xestión do Goberno de Feijóo nesta materia e no que respecta ás políticas activas de emprego.

Avanzou que os socialistas galegos intervirán nesta convención, na que se abordará a importancia dos gobernos autonómicos na prestación dos servizos públicos de calidade, para poñer ao Goberno de Feijóo “como exemplo de todo o contrario”.

Así, apuntou que Feijóo “non só leva dous anos atacando aos servizos públicos, senón que renunciou expresamente ás políticas activas do emprego, que son responsabilidade dos gobernos autonómicos, o que leva a Galicia a situarse á cabeza do número de parados e a ser a comunidade con maior destrucción de emprego.

Fábrica de parados

Referiuse así aos últimos datos da EPA, que apuntan a que en Galicia o paro subiu en 8.200 persoas no cuarto trimestre de 2010 respecto ao trimestre anterior, o que sitúa o número de desempregados en 203.500 persoas.

Sinalou que en Galicia “hai hoxe 40.800 mais persoas desempregadas que cando Feijóo chegou ao goberna da Xunta”.

Denunciou tamén que Feijóo situou a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en crecemento do desemprego no último ano, cun crecemento do 20,83 por cento, e na que máis empregos destruíu, cun total de 45.800.

“O Goberno de Feijóo é unha fábrica de parados”, concluíu, á vez que denunciou que o Goberno galego “renunciou ás políticas activas de emprego, xa que a única que aplica é a de dar cartos aos concellos onde hai menos desempregados, pero que están gobernados polo PP”.

Así, denunciou a utilización “sectaria, arbitraria e ineficaz” que está a realizar o Goberno de Feijóo dos Fondos de Cooperación, e onde os concellos máis pequenos, gobernados polo PP, reciben unha maior dotación económica -390 euros por parado- mentres os concellos máis grandes, gobernados polo PSdeG, perciben 147 euros por parado, un 34 por cento menos.

García sinalou que con este método, “os concellos máis pequenos terán máis opcións para gañar as eleccións municipais pero non diminuirá o número de desempregados”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar